Chantada

Chantada


Concello que é cabeceira da comarca do seu nome, situado na provincia de Lugo no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Taboada (Chantada), ao L cos do Saviñao e Pantón (Terra de Lemos),ao S co de Carballedo (Chantada) e ao O co de Rodeiro (Deza). Abrangue unha superficie de 176,7 km 2 , nos que acolle unha poboación de 9.150 h (2007), distribuídos nas parroquias de Adá, Arcos, Argozón, Belesar, Bermún, Brigos, Camporramiro, Chantada, Esmeriz, Esmoriz, Fornas, A Grade, A Laxe, Líncora, Mariz, O Mato, Merlán, O Monte, Mouricios, Muradelle, Nogueira de Miño, Pedrafita, Pereira, Pesqueiras, Requeixo, Sabadelle, San Fiz de Asma, San Pedro de Viana, San Salvador de Asma, San Xurxo de Asma, Santa Cruz de Viana, Santa Uxía de Asma, Santiago de Arriba, A Sariña, Veiga e Vilaúxe. A capital municipal é a vila de Chantada, na parroquia homónima, situada a 43° 35’ de latitude N e 7° 26’ 14’’ de lonxitude O, 94 km ao SL de Santiago de Compostela, 58 km ao SO de Lugo e 31 km ao N de Ourense. Cabeceira de partido xudicial, está adscrito á provincia e diocese de Lugo.
Xeografía física
No territorio do concello de Chantada advírtese unha gradación climática en función da altitude, dende os cumios da serra do Faro ata o val encaixado do Miño, pasando pola chaira de 400-500 m de altitude, denominada Superficie de Erosión de Chantada. Así, o O do municipio está baixo o dominio climático oceánico con certos matices de montaña, que se manifestan sobre todo nunhas temperaturas máis baixas, onde se sitúa a vila de Chantada, que goza dun clima máis continental. O clima das terras máis baixas caracterízase por unha temperatura media anual de 12,7°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, é de 6,3°C, mentres que a do mes máis cálido, agosto, acada os 19,5°C. Como resultado do encaixamento do val do Miño, prodúcese un descenso das precipitacións e un aumento da insolación nas vertentes de solaina, que favorece a aparición dun clima con tendencias mediterráneas e propicia o cultivo do viñedo. Polo que respecta ás precipitacións, recóllense un total de 904 mm ao cabo do ano. A distribución estacional das precipitacións deixa ver a presenza da seca estival característica do clima galego, xa que no verán só se recollen o 9,7% das precipitacións totais anuais. A estación máis chuviosa é o inverno, cando se recolle o 39,1% das precipitacións anuais, mentres que no outono a porcentaxe é de 33,8% e a primavera é unha estación de transición co 17,2%. O relevo do municipio de Chantada articúlase ao redor de tres unidades ben diferenciadas; de litoloxía fundamentalmente granítica e granodiorítica, o relevo descende progresivamente de O a L; aparecen, en primeiro lugar, as terras altas que corresponden á Dorsal Galega, que no termo municipal de Chantada acadan a súa máxima altitude no Monte Faro (1.177 m), un horst granítico erguido durante o Terciario dende o que se domina visualmente unha boa parte da Galicia oriental. A súa morfoloxía actual é resultado tanto da acción dos xeos cuaternarios como dos efectos que tivo a incisión dos cursos fluviais. Unha segunda unidade correspóndese coa denominada Superficie de Erosión de Chantada, unha penechaira situada ao redor dos 600 m, na que se asenta a vila homónima e onde se localizan a maior parte dos núcleos de poboación e as actividades económicas. Despois aparece a ribeira do Miño, que constitúe un val encaixado de fortes pendentes. A excepcionalidade do seu microclima, con maior insolación e menores precipitacións, fai que desenvolva o cultivo de viñedos mediante socalcos ou bancais. A rede hidrográfica pertence por completo á conca do Miño, que percorre a parte oriental do municipio e que lle serve de límite. O Miño recibe, pola súa dereita, unha serie de ríos que drenan o territorio de Chantada, despois de nacer nas terras altas da Dorsal, e crúzano en dirección L-O; é o caso do Asma, que pasa polo propio núcleo chantadino e salva un forte desnivel antes da súa desembocadura no Miño. A acción antrópica modificou substancialmente a vexetación clímax. Así, especies como o carballo ou o cerquiño diminuíron notablemente a súa extensión en favor doutras aptas para o aproveitamento forestal de crecemento máis rápido, entre as que destaca o piñeiro bravo. Pola súa parte, no monte baixo abondan as xestas e as uces.
Xeografía humana
A poboación do municipio de Chantada seguiu, dende 1887, ano do primeiro censo de poboación dispoñible, unha evolución caracterizada polos contrastes. Así, dende 1887 (data na que contaba con 14.707 h) ata 1940, coñeceu un incremento pouco significativo, despois dunha traxectoria moi irregular, influída por factores conxunturais, entre os que destaca o andazo de gripe do ano 1918, que decimou a poboación ata deixala en niveis inferiores aos do inicio da serie, cunha taxa de crecemento anual na década de 1910, do -0,97%. Dende 1920 a 1940, a poboación pasou de 13.514 h en 1920 ao máximo histórico dos 15.127 h en 1940, debido ao contexto da Guerra Civil e da posguerra. Non obstante, a partir de 1940 produciuse unha perda progresiva de efectivos demográficos, que acadaron o seu mínimo histórico a comezos da década dos noventa (no censo de 1991 a poboación era de 9.754 h). O éxodo rural masivo cara ás áreas urbanas e industriais de Galicia, do resto de España e do estranxeiro, producido masivamente na década dos sesenta, reflectiuse na taxa de crecemento anual, que se rexistrou entre 1960 e 1970, do -1,8%. Posteriormente, o factor máis importante na evolución negativa foi o avellentamento demográfico da poboación (consecuencia da emigración masiva dos adultos máis novos e fértiles), que implicou unha baixa taxa de natalidade. A partir de 1981 o ritmo de decrecemento diminuíu, debido sobre todo ao retorno de emigrantes; a década dos oitenta caracterízase por unha taxa anual do 0,1%. Entre 1991 e 1996 a poboación aumentou de 9.754 h a 10.227 h, feito que supuxo unha pequena recuperación demográfica derivada do reforzamento do carácter urbano e da súa importancia como centro de comercio e servizos no ámbito comarcal. Nos inicios do s XXI a poboación pasou de 9.401 h en 2001 a 9.150 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi do -14,4‰, froito dunha baixa natalidade (4,5‰) e unha elevada mortalidade (18,9‰). A poboación de Chantada defínese polo seu avellentamento (o 31,3% do total da poboación son maiores de 65 anos fronte ao 13,5% dos menores de 20 anos, os adultos representan o 55,2%). A composición por sexos é favorable ás mulleres que son o 51,50% fronte ao 48,49% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Chantada é do 45,7% (54,3% a masculina e 37,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,9% (48,9% a masculina e 33,5% a feminina) e a taxa de paro é do 10,5% (10,1% a masculina e 11% a feminina). O carácter de cabeceira comarcal propicia que o sector servizos sexa a actividade económica máis importante, e relega as actividades agropecuarias a un segundo plano. As actividades primarias, baseadas en boa medida na gandería, dan emprego ao 27,8% da poboación ocupada do municipio; o 42,01% da superficie agraria do conclello está dedicado aos pastos. Dentro dos cultivos, destacan as forraxeiras, que supoñen o 55,6% do total, destinadas á alimentación do gando. Entre os cultivos para consumo humano cómpre salientar o millo, o centeo, o trigo e a pataca, ademais dos viñedos da Ribeira do Miño. A maior distancia hai outros cultivos, como as froiteiras (sobre todo a maceira) e as hortalizas. O sector secundario emprega ao 22% da poboación, repartida case por igual entre a construción (11,5%) e as industrias manufactureiras (10,4%). O sector terciario, que está en auxe, coñeceu un forte desenvolvemento nos últimos tempos, especialmente na última década (50,2%). Chantada é un nodo de comunicacións de certa importancia do interior de Galicia, na encrucillada do corredor rápido VAC-5, Lalín-Monforte de Lemos, coa estrada nacional N-640, Lugo-Portugal. O trazado da vía rápida, que forma parte do plan de accesos centrais á capital de Galicia dende Valdeorras, supuxo a construción dunha circunvalación que rodea a vila de Chantada polo N. O resto da rede viaria está composta por unha rede de estradas locais e pistas que comunican todas as parroquias e lugares entre si coa capital municipal e, así mesmo, enlazan coas dúas vías de comunicación mencionadas.
Historia
O poboamento máis antigo é da época megalítica, como testemuña a mámoa de Meda, e castrexa; deste período destacan os castros de Candade, Centulle, Líncora, Quintela, Paderne, San Fiz e Vilaúxe. Asegúrase que o nome da vila provén da voz plantada, que designa un tipo de fortificación realizada con estacas cravadas no chan a modo de valado para conter as invasións normandas que se produciron en Galicia nos ss IX e X. Chantada sufriu tamén as invasións dos árabes, baixo o mando de Almanzor. Antes do dominio señorial das terras que forman o actual concello, exerceron a xurisdición sobre elas distintos mosteiros como o de Santa María de Pesqueiras ou o de Asma. Entre os señores que tivo Chantada están os Fernández de Temes, os marqueses de Astorga e o conde de Altamira. Dende o s XVI Chantada foi cabeza de xurisdición, e coa reforma das Cortes de Cádiz estableceuse a capitalidade do partido xudicial en Chantada, feito que non se modificou con posterioridade. Esa reforma significou a substitución da administración señorial do territorio, propia do Antigo Réxime, baseada no dereito feudal, polo establecemento dos primeiros concellos. Ata ese momento as parroquias que integran o actual concello de Chantada pertencían ás xurisdicións de Asma (Belesar, Camporramiro, Mouricios, Pereira, San Salvador de Asma e Santiago de Arriba), Chantada (Adá, Arcos, Argozón, Bermún, Chantada, Esmeriz, Fornas, A Grade, Líncora, Mariz, O Mato, O Monte, Nogueira de Miño, Pesqueiras, Requeixo, Sabadelle, San Pedro de Viana, San Fiz de Asma, San Xurxo de Asma e Vilaúxe), Muradelle (Muradelle e Santa Cruz de Viana), Oseira (Esmoriz e Santa Uxía de Asma), Taboada (A Laxe) e Vilar (Pedrafita e Veiga). Ademais, as parroquias de Brigos e Merlán constituían coutos redondos. O señorío das xurisdicións correspondíalles a diversos nobres e mosteiros: Asma, aos bieitos de Valladolid; Chantada, ao marqués de Astorga, que compartía nalgún caso a xurisdición con fidalgos (Sabadelle) e co cabido catedralicio de Lugo (Vilaúxe); Muradelle, ao conde de Motezuma; Oseira, ao mosteiro cisterciense homónimo; Taboada, ao conde de Maceda; e Vilar, ao conde da Vega. Todas as xurisdicións e coutos estaban representados pola antiga provincia de Lugo. Coa Constitución de 1812, establecéronse os concellos de Asma e Chantada, vixentes ata 1814, data na que un decreto asinado polo Rei Fernando VII suprimiu a Constitución e restaurou o Antigo Réxime coa súa organización territorial. En 1820, o golpe de Riego reinstaurou a Constitución; na súa aplicación creáronse os concellos de Chantada, Muradelle, Requeixo e A Sariña, adscritos en principio á provincia de Galicia e, dende 1822, á nova provincia de Ourense. Suprimíronse en 1823, logo dun novo decreto do Rei Fernando VII que derrogou a Constitución por segunda vez e substituíu a administración municipal pola señorial. A definitiva implantación do municipalismo produciuse en 1835. Creáronse entón os concellos de Asma e Chantada que, adscritos á nova provincia de Lugo, se mantiveron separados ata 1840. O primeiro abranguía as parroquias de Belesar, Camporramiro, Líncora, Nogueira de Miño, Pereira, San Salvador de Asma, Santiago de Arriba, A Sariña e Vilaúxe. O concello de Chantada incluía as restantes (agás Adá e Arcos que pertencían ao concello de Taboada) e as do concello de Carballedo que se segregaron en 1840 para erixirse en municipio, ao mesmo tempo que o de Asma se integrou no de Chantada. O criterio arbitrario co que se presentaba a división provincial de Galicia deixou no caso chantadino un testemuño claro, non só polo feito de que entre 1822 e 1823 permanecera integrado na provincia de Ourense, para pasar á de Lugo dende 1833, senón sobre todo polo conflicto que as respectivas deputacións sostiveron para determinar a adscrición da parroquia de Vales, que se resolveu definitivamente a prol da primeira coa súa integración no concello de San Cristovo de Cea (denominado entón Cea). Finalmente, o concello de Chantada rematou de configurarse coa incorporación en 1845 das parroquias de Adá e Arcos, procedentes do concello de Taboada.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as mostras da arte románica, entre as que destacan os antigos mosteiros beneditinos de Santa María de Pesqueiras, declarada BIC, e de San Salvador de Asma, así como as igrexas de Santa María de Bermún, Santa María de Camporramiro, San Miguel do Monte, Santa María de Nogueira e Santiago de Requeixo. Na arquitectura civil destacan a Casa de Basán Grande (Chantada), os pazos de Suatorre (Asma) e do Piñeiro (Pesqueiras), as torres de Arcos, Pacio, Pereira, Vilar de Eiriz e Vilaúxe, declaradas BIC, así como a fortaleza de Pereira. Do seu patrimonio natural destaca o Monte Faro, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as romarías de Nosa Señora do Carme en agosto, Nosa Señora do Faro en setembro e San Lucas en outubro. En canto ás festas gastronómicas destacan a festa da Eempanada e a feira do Vviño de Chantada, a festa popular do Folión dos Carros, celebrada o cuarto fin de semana de agosto, e a celebración do entroido en Santiago de Arriba, San Pedro de Viana e Nogueira de Miño coa saída ás rúas dos volantes.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Chantada
Extensión 176 Km2
Poboación Total 9150 h
Poboación Homes 4437 h
Poboación Mulleres 4713 h
Densidade de poboación 51.99 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias