2 chasco

2 chasco

(

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave da familia dos túrdidos, de peteiro fino e cunha plumaxe, nos machos, de cores vivas e contrastadas, e nas femias, con deseños similares pero con cores máis apagadas. As máis das especies presentan a mitra de cor branca. A cola ten forma cuadrangular. Adoitan pousarse nun punto elevado, como unha pedra ou a punta dun arbusto, cunha postura ergueita e a cola levantada ou abaneante. Aniñan principalmente no chan.

    Sinónimos: charra, chaschás.
  2. chasco canario [ANIMAL/ORNIT]

    Ave que constitúe unha especie endémica do arquipélago canario e da que existiron dúas subespecies: unha en Fuerteventura e outra na illa de Lanzarote que se extinguiu. Habita en ambientes áridos, esteparios e volcánicos con matogueiras e arbustos.

  3. chasco cinsento [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 16 cm de lonxitude. Ten as partes superiores de cor cincenta, a cella de cor branca, un grande anteface negro, a gorxa e o peito de cor ocre, o ventre e a mitra de cor branca e as alas negras. De distribución paleártica, está presente nas costas de Grenlandia, Alasca, nordeste de Canadá e Eurasia. As poboacións que aniñan en Europa retornan, ao rematar a cría, á rexión de Sudán. Na Península Ibérica habita en zonas desarboradas da metade norte peninsular; no centro e no sur a súa presenza é menor e aparece asociada a montañas. En Galicia é unha especie común como ave de paso, aínda que ás veces aniña en pastos e sistemas de dunas.

  4. chasco común [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de ata 12,5 cm. Presenta a cabeza e a gorxa de cor negra, o colar e a mitra de cor branca, e o peito rubio. Vive en medios abertos con monte baixo e no medio agrícola. Distribúese pola rexión etiópica e paleártica, dende Irlanda, Marrocos e a Península Ibérica ata Xapón. Está practicamente ausente de Escandinavia e de Europa central e oriental. No norte de África e na maior parte de Europa está presente a subespecie S. torquata rubicola, mentres que en Galicia, na Bretaña e nas illas Británicas a subespecie S. torquata hibernans. Tamén recibe o nome de cabeciña negra.

  5. chasco desértico [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 14 cm de lonxitude. De cor ocre, ten a mitra branca e a cola negra. Vive en chairas areosas ou rochosas dos desertos norteafricanos e do Oriente Próximo. Aparece como ave divagante en Europa.

  6. chasco louro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 14,5 cm de lonxitude. O macho ten o dorso de cor loura clara, cara e gorxa de cor negra, mitra branca e alas negras. Distribúese nas zonas mediterráneas en chairas, pastos, oliveirais, viñedos e bosques moi clareados da rexión do Sudán e no circunmediterráneo. En Galicia localízase no cuadrante suroriental, entre os 600 e os 1.200 m de altitude, en chairas extensas e matogueiras con rochedos.

  7. chasco negro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de ata 17,5 cm de lonxitude. Ten a plumaxe totalmente negra agás a mitra, e os laterais da base da cola de cor branca. Vive en rochedos e canóns moi áridos, e compórtase como unha especie sedentaria excepto as poboacións máis nórdicas que realizan desprazamentos cara ao S no inverno. Distribúese pola Península Ibérica e polo N de África onde, limitada polo deserto, se estende pola costa do Sáhara e o N de Mauritania, e polo L chega ata o NO de Libia. Na Península Ibérica está presente na zona mediterránea cunha maior densidade no litoral e val do Ebro.

  8. chasco rabipinto [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 12,5 cm de lonxitude. Presenta as meixelas escuras bordeadas de branco e unhas manchas brancas a ambos os dous lados da base da cola. O macho ten o peito e a gorxa de cor laranxa. Presenta unha distribución paleártica e aniña dende a Península Ibérica, Italia e o Cáucaso ata o N de Escandinavia en prados húmidos, gándaras e brañas, ademais de pradeiras subalpinas. Despois da época de cría retorna ás sabanas e ás estepas etiópicas. Na Península Ibérica ten un núcleo poboacional cantábrico e outro no Sistema Central.