Chavín
Chavín
Cultura precolombina dos Andes desenvolvida entre o 850 e o 300 a C nas terras altas do N de Perú, nos vales de Chavín de Huantar, Casmar, Nepeña, Cupisnique e Lambayeque. Eran agricultores e coñecían a metalurxia do ouro e da prata, e o tecido da la e do algodón. As súas esculturas, realizadas en pedra, amosan a figura dun felino que representa a unha divindade. Foron tamén bos construtores e ceramistas. O principal xacemento é Chavín de Huantar, centro sagrado onde destaca o castelo construído con muros de pedra e dividido en tres pisos. Só está comunicado co exterior pola porta de entrada.