chícharo

chícharo

(< lat v *cicĕru

  1. s m [PLANTA]

    Herba anual, glauca, de talos gabeadores de ata 200 cm de lonxitude. Ten follas paripinnadas rematadas en gabiáns con folíolos elípticos e estípulas grandes e ovadas; flores brancas ou púrpuras, agrupadas en acios trifloros; froitos en legume; e sementes arredondadas, verdes ou amarelas, e lisas ou rugosas. Oriúnda de Asia central, xa se cultivaba en Europa dende o Neolítico. Estendida por todas as rexións temperadas do mundo, foi unha importante planta experimental en xenética e en fisioloxía vexetal. En Galicia cultívase a variedade vulgare e a variedade axiphium, coñecida tamén co nome de tirabeque.

    Sinónimos: ervella, ervello.
  2. s m [BOT/ALIM]

    Semente comestible da planta do mesmo nome. Adóitase preparar cocida ou guisada, raramente crúa, en menestras, ensaladas rusas, guisos de carne ou de peixe, sopas e cremas.

    Sinónimos: ervella, ervello.
  3. chícharo bravo/chícharo de raposo [PLANTA]

    Herbácea do xénero Lupinus da familia das fabáceas. Presenta follas cun longo pecíolo e dixitadas en cinco folíolos, flores papilonáceas en ramos terminais e froitos en grandes legumes. As sementes destes froitos, os chícharos, poden ter ata un 35% do peso en proteínas, especialmente albuminas, polo que algunhas especies se cultivan para a alimentación humana e o gando, especialmente o porcino. As sementes presentan un alcaloide que chega a resultar tóxico e que precisa ser eliminado mediante un lavado con auga salgada; tras esta operación procédese a un cocido lixeiro para facilitar a súa dixestibilidade. O chícharo bravo tamén se emprega na agricultura para plantala antes do cereal nas rotacións de cultivo e para aproveitar a capacidade das fabáceas á hora de fixar nitróxeno no chan. As especies máis empregadas son: L. albus, de flores brancas e legumes de ata 10 cm de lonxitude, presente en solos areosos do sudoeste de Galicia e cultivada na costa mediterránea, dende Catalunya a Marrocos, en Alemaña, Francia e EE UU; L. luteus, de flores amarelas e legumes de ata 5 cm de lonxitude, presente en solos ácidos de toda Galicia e cultivada en Portugal, Alemaña, Polonia e Chile; e L. angustifolius, de flores azuis, e presente en solos areosos ou rochosos galegos e cultivada en Francia, Chile e Perú.