chicoria
(< lat cichorĭa < grκιχόρεα)
Herbácea perenne que acada os 100 cm, pubescente, de raíz engrosada, con talos erectos e ríxidos, e follas basais con pecíolo, lanceoladas e pinnatífidas. As follas do talo son enteiras e amplexicaules, con capítulos de ata 4 cm de diámetro de flores de cor azul intensa e froitos en aquenio de 3 mm de longo con pequenas escamiñas na parte superior. Presenta unha distribución eurosiberiana e constitúe unha especie ruderal que aparece en beiras de camiños e entullos. En Galicia é unha planta pouco común que aparece, as máis das veces, en posicións de solaina e por baixo dos 600 m de altitude. As follas consómense en ensaladas. A raíz presenta inulina, lactucina e lactopicrina; a auga da cocción ten propiedades laxantes e diuréticas, e torrefacta emprégase como sucedáneo do café.