Chile

Chile
Nome científico: [nome oficial castelán:República de Chile]

Estado de América, situado no extremo sudoccidental do continente. Limita ao N con Perú, ao L con Bolivia e Arxentina, ao S cos océanos Atlántico e Pacífico e ao O co Pacífico. Esténdese ao longo de 4.000 km entre os 17° e os 56° de latitude S e os 66° e 76° de lonxitude O. Abrangue unha superficie de 756.626 km2nos que acolle unha poboación de 14.824.000 h (estim 1998). A capital é Santiago. Baixo soberanía chilena inclúense tamén a illa de Pascua (162,5 km2; 2.770 h [1992]) e a illa Sala y Gómez (0,12 km2), ambas as dúas no interior do Océano Pacífico, a 2.500 km e 3.500 km de distancia do continente, respectivamente. Ademais, Chile reivindicou en 1940 un arco do territorio antártico, co que asegurou a súa participación nas decisións que adopte a comunidade internacional sobre o continente; de feito converteuse en asinante do Tratado Antártico de 1961 e da súa prórroga de 1991. As principais estacións científicas chilenas na antártida son a Capitán Arturo Prat, a General O’Higgins e a Presidente Frei.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
En Chile distínguense tres grandes unidades de relevo: ao L os Andes, ao O a Cordillera de la Costa, e no medio das dúas, a depresión lonxitudinal. Durante a era Terciaria producíronse grandes movementos oroxénicos que comezaron a delimitar estas tres unidades de relevo. A cordilleira dos Andes, de formas agresivas e potentes bloques dislocados, na que sobresaen grandes macizos volcánicos (moitos deles cubertos por glaciares), non ten ningunha semellanza coas articulacións da montaña alpina penetrada por grandes vales, posto que o predominio dos movementos verticais se traduce en formas abruptas inaccesibles (os pasos están a máis de 4.000 m de altitude). Ao S de Santiago diminúen as altitudes, e moito máis ao S, nas altas latitudes, os glaciares, cada vez máis numerosos, baixan ata o mar, onde a cordilleira se divide en illas alongadas ata formar unha infinidade de arquipélagos. Os Andes están formados principalmente por rochas volcánicas e pórfiros metamórficos, que representan os terreos secundarios (son raras as calcarias, propias do Secundario). As alturas principais son o pico Tacora (5.950 m), o Parinacota (6.630 m), o Aucanquilcha (6.117 m), o San Francisco (5.830 m), o Olivares (6.252 m), o Aconcagua (o máis alto con 6.959 m) o Tupungato (6.550 m), o volcán de San José (5.830 m) e o volcán de Maipo (5.290 m). Durante a época das glaciacións do Cuaternario, os glaciares chegaban ata o val lonxitudinal como o demostran os numerosos bloques erráticos achados. Pola parte do mar está a Cordillera de la Costa, moito máis articulada, pero moito menos impresionante, posto que só chega excepcionalmente aos 2.000 m de altitude. É o resultado de antigos alzamentos e está formada na súa maior parte por materiais graníticos e por xistos. Cara ao N forma acantilados. Ao S de Copiapó, a cordilleira adopta a forma de altiplanos seccionados, con altitudes inferiores aos 1.000 m. A cordilleira remata en núcleos illados e os seus últimos vestixios están na illa de Chiloé e no arquipélago de Chonos. Entre estes dous conxuntos montañosos hai unha liña de debilidade tectónica, traducida por unha serie de afundimentos: é a depresión lonxitudinal. Ao N denomínaselle Pampas del Gran Norte. Este val está formado por materiais arrastrados polas augas das cordilleiras que a limitan e podería tratarse dun antigo gran lago que se desecou cando os ríos se abriron paso a través da Cordillera de la Costa. O N está ocupado polas pampas áridas e máis ao S de Santiago iníciase unha gran conca central. A partir dos 40° de latitude S hai lagos importantes.
Clima
Dada a configuración orográfica e a extensión latitudinal do país, debería rexistrar no seu interior todas as variedades climáticas do planeta, non obstante diversas circunstancias contribúen a modificar a influencia de latitudes tan variadas: a corrente de Humboldt e a presenza do mar teñen unha influencia reguladora e dotan ao país dun clima caracterizado pola moderación, sobre todo no que se refire ás temperaturas. No extremo N, o clima é tropical desértico con precipitacións case inexistentes (2,5 mm anuais en Iquique) e as temperaturas medias non son excesivamente altas (17,9°C). No Chile central, dende a conca do Aconcagua ata a do Bío Bío, o clima é mediterráneo (360 mm de chuvia anuais en Santiago), e a temperatura media anual é de 14,2°C. Máis cara ao S, ata o golfo de Reloncaví, o clima tórnase temperado e chuvioso, con temperaturas medias anuais de 14°C e precipitacións que superan os 1.500 mm anuais. Máis cara ao S, o clima vólvese frío e chuvioso cunhas precipitacións que superan os 2.000 mm anuais).
Hidrografía
Debido á orientación do relevo, todos os ríos de Chile teñen a característica común de correr de L a O. Por mor da topografía do país, teñen un percorrido curto e as diferencias entre eles débense ao caudal xa que, segundo a latitude, as influencias climáticas deixan sentir os seus efectos. Na zona desértica setentrional, unicamente o río Loa consegue chegar ata o mar. Máis cara ao S os ríos son máis caudalosos. Neste segundo sector destacan o Aconcagua, o Maipo, o Maube e o Bío Bío. No Chile central os ríos responden a un réxime pluvionival, polo que aumentan considerablemente o seu caudal ao principiar o desxeo unha vez rematado o inverno (a partir dos meses de setembro e outubro); deste xeito o seu curso superior é torrencial e están sometidos a unha erosión regresiva considerable, polo que o nivel de base é moi baixo e a distancia é escasa. Esta erosión provocou algunhas capturas nos ríos da vertente oriental (o Imperial, o Toltán, o Valdivia e o Bueno). A partir do Reloncaví, os ríos desembocan en lagos ou en fiordes (Reloncaví, Palena e Cisnes). Na Patagonia chilena e na Tierra del Fuego os cursos de auga son moi pouco numerosos, pois a zona é dominio glaciar.
Vexetación bioxeográfica
As grandes diferencias de latitude e altitude fan que a vexetación sexa moi variada. Ao N, na zona desértica do Atacama, a vexetación é moi escasa. Máis ao S, a paisaxe ten aspecto semidesértico e espiñal con cactos. A vexetación de Chile central ten trazos mediterráneos: na zona delimitada aproximadamente ao N por Valparaíso e ao S por Concepción e Victoria, o clima é de bosque esclerófilo e onde o bosque está destruído aparecen matogueiras e páramos semellantes aos de Europa meridional. Pero a flora é completamente diferente, integrada por especies de carácter antártico e neotropical. Da latitude de Victoria á da illa de Chiloé predomina a selva valdiviana, bosque laurifolio sempre verde, moi abundante e rico en epífitos. Máis ao S fanse dominantes as faiais de follaxe caduca, e o carácter antártico da vexetación acentúase. A vexetación dos Andes é moi complexa: ao N comprende áreas húmidas de páramo e secas de puna; e ao S, tussock antártico e prados que lembran os pastos alpinos do hemisferio boreal.
Xeografía económica

Economía
O motor da economía chilena é o sector privado que se está adaptando á economía mundial a través da promoción das exportacións e a apertura ao comercio internacional. Despois dun tempo de prosperidade, nos anos setenta iniciouse unha involución do PIB que chegou a ser do -14,3% en 1978. Nos anos seguintes o crecemento do PIB tendeu a estabilizarse, cun 7,3% entre 1990-1998. En 1999 era do 9,7%. O ritmo de crecemento acelerado da economía permitiu manter unha taxa de desemprego relativamente baixa (5% en 1995) e o PIB por habitante seguiu a ser o máis alto de América Latina (4.700 $ USA en 1995). Este crecemento levouse a cabo mediante unha intensa política de desregulacións da economía, que favoreceu o investimento estranxeiro e creou unha gran mellora na competividade. Como contrapartida, as condicións laborais fixéronse máis precarias, a desprotección social aumentou e acentuáronse as desigualdades socioeconómicas. Nos últimos anos tamén se conseguiu controlar a inflación nun 27,3% en 1999. A moeda oficial é o peso chileno.
Agricultura, gandería e silvicultura
A porcentaxe do PIB que achegaba o sector primario era no ano 1999 do 8%. En termos de emprego a súa importancia era maior, pois nesa data acollía o 15% da poboación activa. Chile é un país pouco desenvolvido agricolamente, pois os atrancos naturais con que se atopa esta actividade son moi considerables, e máis da metade da superficie do país é improdutiva: ao N hai deserto, ao S, a zona glaciar, e ao L, os Andes. Máis de dous tercios da terra cultivable están desaproveitados. En conxunto, só o 5% do territorio se dedica ao cultivo; ademais, a estrutura da propiedade permanece nun estadio arcaico, cun predominio absoluto do latifundismo (haciendas e fundos). Nos minifundios só se cultivan produtos de subsistencia. As principais producións son os cereais (trigo, millo, cebada, arroz, avea e centeo), legumes, patacas, hortalizas (tomates, sandías, melóns, cabazas e cebolas), remolacha, tabaco, cánabo, froita (cítricos, mazás, pexegos e peras) e oleaxinosos (xirasol e colza). Cómpre destacar o viñedo, que dá lugar a unha importante industria vitivinícola, dedicada fundamentalmente á exportación aos EE UU e a Europa, mercados nos que, dende a metade dos anos noventa, se aprecia a calidade do viño chileno. Gracias á mellora dos transportes e aos métodos de conservación das froitas e hortalizas, Chile puido rendibilizar a súa condición de país do hemisferio austral e introducir este tipo de produtos frescos nos mercados dos países desenvolvidos do hemisferio boreal (fundamentalmente Europa e EE UU), que posúen un marcado carácter estacional e constitúen o 11% das súas exportacións. A produción global é deficitaria e irregular, e nos anos de seca téñense que importar cantidades importantes de alimentos. A gandería (ovina, bovina, equina e porcina) constitúe a actividade agropecuaria máis tradicional; os prados e os pastos ocupan o 18% do territorio. Obtense, sobre todo, carne de vacún, de aves de curral e porcino, leite, ovos e la. Entre a zona de clima mediterráneo e a zona glaciar do S esténdense os bosques, que ocupan o 22% do territorio chileno e representan unha importante riqueza forestal: comprende o territorio das rexións do Bío Bío, da Araucanía e de Los Lagos, ata o arquipélago de Chiloé. As principais madeiras son de loureiro, carballo, umeiro, piñeiro, araucaria e ciprés.
Pesca
A evolución da produción pesqueira chilena dende 1961 (421.000 t), agás nos anos 1975, 1993 e 1995 foi en aumento e chegou ás 6.908.000 t en 1996. Nese ano Chile era a terceira potencia pesqueira do mundo, só por detrás de China e Perú; oscilaba a súa posición no período 1994-1997 entre a 2ª e 3ª, grazas ás condicións favorables das augas litorais, que reciben desviacións cíclicas da corrente fría de Humboldt que, en contacto coas augas cálidas, produce as condicións óptimas para a presenza de enormes bancos de sardiñas, anchoas, xardas e outros peixes de aproveitamento industrial. O sector das conservas experimentou un extraordinario crecemento grazas á exportación. Nos arquipélagos meridionais hai abundancia de peixe comestible, crustáceos e moluscos. Chile exportou 44.447 t en 1997 por un valor de 154.741.000 $ USA. No tocante ás importacións, en 1997 ascenderon a 13 t, por un valor de 72.000 $ USA. Galicia mantén importantes relacións comerciais con Chile, sobre todo en importacións de pescada, conservas e moluscos, que en 1997 acadaron un valor de 584.100.000 pesetas.
Minería
A minería constitúe unha das bases da economía chilena, xa que representa o 48% das exportacións (1999). Os nitratos e o iodo, que antigamente foron a súa maior riqueza mineira, pasaron a un segundo plano, debido á preponderancia dos minerais metálicos. A maior parte das reservas están nos desertos do N do país. Con 3.144.000 toneladas extraídas ao ano (1996), Chile é o primeiro produtor mundial de cobre (a súa produción representa o 31% do total). Os principais xacementos son os de Chuquicamata (o máis grande do mundo), a ceo aberto, o de El Salvador e o de El Teniente. A importancia deste recurso no conxunto da economía chilena é unha arma de dobre fío, pois as oscilacións do prezo deste mineral nos mercados internacionais (como se puxo de manifesto a raíz do aumento da demanda desde 1993, impulsada polo arranque económico dos EE UU, principal importador da industria de semicondutores) contribúen a introducir un factor de inestabilidade. Tamén é moi importante a produción de ferro, que acadou en 1996 5.621.000 t, co que se converteu no 14º produtor mundial. Ademais, extráese manganeso (13º produtor mundial, con 18.000 t), ouro (11º produtor con 53.098 kg), zinc (36.000 t), chumbo (1.400 t en 1996), mercurio, prata (5º produtor mundial con 1.147 t en 1996), vanadio, litio (coas reservas máis importantes do mundo), mármore, xofre e guano. Nos desertos do N localízanse os xacementos de nitrato de Chile, que se estenden ao longo de máis de 1.000 km; deles tírase unha produción anual de 713.000 t (1992). A explotación das salinas converteu o país no 12º produtor con 4.043.000 t en 1996. O molibdeno extráese nas rexións centrais, fundamentalmente en Valparaíso e Libertador (17.400 t en 1996) e o carbón (1.078.000 t anuais, case exclusivamente de hulla) máis ao S, nas rexións de Maule, Bío Bío e Araucania. Desde 1949 explótanse os xacementos de petróleo da Tierra del Fuego; posteriormente se descubriron xacementos submarinos no estreito de Magalhães, ao S, e construíronse importantes oleodutos; en total, a produción de petróleo acadou as 417.000 t en 1995. Tamén se atopou gas natural, do que se extraeron 1.164 millóns de metros cúbicos en 1995.
Industria
Chile é un dos estados sudamericanos, xunto con Arxentina e Brasil, máis industrializados, grazas fundamentalmente á abundancia de recursos naturais. En conxunto, o sector secundario achega o 31% do PNB e dá traballo ao 26% da poboación. Ao principio, a industria derivaba unicamente do sector primario, pero pouco a pouco foise diversificando (con Concepción como núcleo). A área industrial esténdese dende a conca do Bío Bío ata a conca do Aconcagua (centrada en Santiago). A industria tradicional é a téxtil (la, algodón, fibras artificiais e sintéticas), seguida polas da pel e do calzado, a madeira, a polpa de madeira, a celulosa e o papel, o tabaco, a química (fertilizantes nitroxenados, ácido sulfúrico, gas cidade, pneumáticos), a alimentaria (fariña de cereais e de peixe, lacticinios, viño e cervexa), o cemento, o vidro e a construción, os mobles e os derivados do cobre, o ouro e a siderurxia. Unha industria mecánica en ascenso é a montaxe de automóbiles (4.000 turismos e 15.960 vehículos comerciais en 1995). Tamén hai refinerías de petróleo e industria petroquímica. En Valdivia hai peiraos para a construción de embarcacións menores. Asistida polas medidas de liberalización da economía implantadas na metade dos anos oitenta do s XX, a industria foi o motor da aceleración económica de Chile na década dos anos noventa. A produción de enerxía eléctrica provén, en dúas terceiras partes, do potencial hidráulico instalado. É especialmente importante a central Colbún-Machicura. As telecomunicacións sufriron un notable desenvolvemento, polo alto investimento e a apertura do mercado. En 1991 iniciouse a instalación de fibra óptica, o que ampliou a oferta de comunicacións para a poboación.
Comercio exterior

A balanza comercial tende a ser desfavorable. Tradicionalmente, os minerais foron, con diferencia, a primeira partida de exportación, e moi especialmente o cobre. Co paso do tempo, sen embargo, as exportacións industriais igualaron as do sector mineiro: en 1982 as manufacturas representaban case o 12% do valor das exportacións, cifra que en 1999 pasou a ser do 37%, que incluía sobre todo produtos alimentarios elaborados, papel e derivados do papel, derivados do petróleo e produtos químicos. Ese ano, os minerais representaban o 48% das exportacións e os produtos agrícolas o 11%. Os principais compradores eran EE UU (43%), Xapón (9%), Brasil (9%) e Arxentina (8,5%). Con respecto ás importacións, predominaban os bens de equipo (50%), seguidos dos bens de capital (28%) e dos bens de consumo (17,5%). Os principais provedores son os EE UU (17%), Xapón (17%), Arxentina (5,5%) e Brasil (5,2%). Malia o saldo positivo do comercio exterior, a balanza de servicios é deficitaria e é a principal causa do forte aumento da débeda externa. Para facilitar o desenvolvemento económico de todos os extremos do país, despoboados, establecéronse dúas zonas francas, é dicir, que as mercadorías que chegan do estranxeiro só pagan aduanas se van destas áreas ao Chile central: son a área de Tarapacá ao N, que se serve dos portos de Arica e Iquique, e a da Patagonia (cos arquipélagos e a Tierra del Fuego) ao S, que se serve de Ancud, Puerto Aisén e Punta Arenas.
Transportes e comunicacións

A agreste orografía do territorio dificultou a construción de vías, tanto interiores como de comunicación cos países veciños. Hai 79.800 km de estradas, dos que só 11.012 km están asfaltados (1996). A principal estrada é a Panamericana, que percorre por territorio chileno 3.369 km, os únicos de autoestrada do país. A rede ferroviaria consta de 6.570 km, dos que 1.317 están electrificados. Cobren todo o territorio agás a Patagonia; sen embargo, as diferentes amplitudes das vías obrigan a facer constantes transbordos: estas dificultades débense á existencia de media ducia de compañías propietarias, malia que o 90% das liñas pertencen ao Estado. Hai cinco liñas internacionais: dúas transandinas con Arxentina, a máis importante delas é a de Valparaíso a Bos Aires; dúas transandinas con Bolivia, das que destaca a de Arica a La Paz, a saída ao mar máis directa de Bolivia, que dispón dunha zona franca no porto de Arica; e unha prelitoral co Perú. Os portos de mar máis importantes son os de San Antonio, Valparaíso, Antofagasta, Arica, San Vicente e Huaso. O aeroporto principal é o Arturo Merino Benítez, preto de Santiago.
Xeografía humana

Demografía
A poboación chilena caracterízase pola súa xuventude. A evolución demográfica experimentada dende 1978 ata 1998 rematou cun crecemento próximo ao 40%, é dicir, a un ritmo medio de case o 2% anual. No período 1992-1997 o crecemento foi do 1,4% de media anual. A responsabilidade deste grande incremento demográfico correspóndelle fundamentalmente ao crecemento vexetativo, que en 1996 se verificou cunha taxa do 12,9‰, esencialmente a consecuencia dunha elevada natalidade (18,4‰), combinada cunha mortalidade moi baixa (5,5‰), favorecida á súa vez pola relativa xuventude da poboación. A esperanza de vida ao nacer (71 anos para os homes e 78 anos para as mulleres en 1997) é a mais alta de Hispanoamérica. A densidade de poboación é moi baixa: 19 h/km2(1996).
Poboamento
A poboación está repartida dunha maneira moi desigual. As dúas zonas do estado menos poboadas son o N (3 h/km2na provincia de Atacama) e o S (1 h/km2na de Aisén del General Carlos Ibáñez del Campo). O 65% da poboación concéntrase na zona central e a área metropolitana de Santiago absorbe o 45% da poboación do país (1994). A poboación é eminentemente urbana (83,9% en 1995), aínda que, agás Santiago, non hai ningunha cidade que chegue ao millón de habitantes.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural

A poboación chilena é predominantemente mestiza (95%), en diversos graos, e os europeos só representan o 2%, dos que unha minoría son xudeus. Esta mestizaxe, sen embargo, é o resultado de máis dun século de conflitos (dispersión das etnias, discriminación das minorias indíxenas, etc) agravados durante a ditadura militar que gobernou Chile entre 1973 e 1990. As poboacións indíxenas (5% da poboación total) divídense en dous grandes grupos: amerindios, todas as etnias continentais, e rapa nui ou pascuenses, un pobo orixinario da illa de Pascua relacionado coas poboacións austronesias do Pacífico. Así mesmo, en relación coas políticas indíxenas, pódese falar de poboacións dinámicas, marxinais e extinguidas (ou en vías de extinción). As poboacións máis dinámicas son os rapa nui (3.000 individuos) e os araucanos ou mapuches (1.000.000), dous pobos que desenvolveron unha loita política ao longo do s XX. Os araucanos, que en 1992 representaban o 89,6% da poboación indíxena, lograron do goberno do Presidente Lagos a sinatura dun Pacto polo Respecto Cidadán e a creación dun plan especial para o seu desenvolvemento que afectou a máis de 3.000 comunidades das rexións de Bío Bío, Araucania e Los Lagos, que supón a creación de infraestruturas, o fomento da produción indíxena e a construción de vivendas. Non obstante , cando os intereses do pobo araucano se opuxeron aos intereses das multinacionais, o goberno chileno continuou a favorecer os intereses estranxeiros, como demostrou o seu voto favorable á construción por parte de Endesa da central hidroeléctrica de Ralco. Os rapa nui desenvolveron unhas institucións autóctonas e un sistema cooperativo que, logo de verse favorecido polo goberno de Allende, foi rexeitado polo réxime de Pinochet e favorecido de novo coa chegada da democracia. Outras poboacións, como os aimará (35.000 individuos), kunza (4.000) e colla, sobreviven moi marxinadas, debido a que as influencias externas os obrigaron a modificar os seus hábitos de vida tradicionais (caza e recolección), no caso dos aimará mesmo foron separados dos aimarás de Perú e Bolivia, polo que quedaron fóra da influencia dos centros da súa cultura en Tiwanacu e Titicaca. Os pobos austrais ou fueguinos (aónikenk ou tehuelches, selknam ou onas, kaweskar ou alacalufes, e yámanas ou yaghan) foron víctimas do etnocidio e exterminados da Patagonia nas últimas décadas do s XIX e nas primeiras do s XX pola colonización europea. As políticas tradicionais do goberno chileno implicaron a perda sistemática do territorio, proceso que comezou en 1850 cando o goberno favoreceu leis de expropiación forzosa para aqueles indíxenas que non puidesen documentar legalmente a súa propiedade; a pulverización das comunidades indíxenas, pois entre 1979 e 1986 o 59% das comunidades indíxenas foron divididas; e a emigración forzosa ás cidades, en 1992 o 79,25% da poboación indíxena vivía nas cidades. Como resultado destas políticas, os pobos indíxenas (agás os araucanos e rapa nui), están ameazados de extinción. Así mesmo, como resultado desa política negativa, a poboación indíxena, segundo o censo de 1992, tiña unha mortalidade máis alta ca no resto do país; as condicións da vivenda eran precarias e un 10,6% da poboación indíxena era indixente ou vivía en condicións de extrema pobreza e o 25% na pobreza. Para remediar eses problemas, dende o ministerio de Planificación e Desenvolvemento creouse a Corporación Nacional de Desarrollo Indígena (CONADI), promovéronse unha serie de medidas legais (acta de Nueva Imperial), subscrita polo candidato presidencial da Concertación de Partidos por la Democracia, Patricio Aylwin, en decembro de 1989 durante o Primeiro Encontro Nacional de Pobos Indíxenas; a lei 19.253, de Desenvolvemento Indíxena, aprobada en outubro de 1993; a ratificación do Convenio sobre Pobos Indíxenas e Tribais en Países Independentes; e o impulso ao recoñecemento constitucional dos pobos indíxenas. No ano 2000, o goberno de Lagos elaborou un plan de acción de 16 medidas para intensificar o apoio social e público cara ao pobo indíxena. Este é un primeiro avance para establecer as bases dun novo trato entre o estado, a sociedade e o mundo indíxena. Os resultados desta mesa, os compromisos gobernamentais e a decisión de crear unha Comisión de Verdad Histórica y Nuevo Trato, demostran unha política de participación baseada nun diálogo establecido dentro da Ley Indígena para respectar e valorar os pobos orixinarios. A lingua oficial é o castelán, non obstante a maioría da poboación fala linguas indíxenas. Entre elas, as máis faladas son o araucano (ou mapuche), o aimará e o rapa nui; o kaweskar, o quechua, o huiliche e o yámana (ou yaghan) apenas teñen falantes; e o kakauhua e o kunza xa están extinguidas. A relixión católica é maioritaria (76,6% da poboación en 1992), seguida pola evanxélica (12,4%); existen ademais pequenas minorías musulmanas e xudías.
Educación
O sistema educativo organízase nun nivel preescolar, que atende nenos menores de 6 anos; un nivel básico obrigatorio, de oito graos; un nivel medio, de catro graos, que presenta unha modalidade científico-humanista, de tipo xeral, e a técnico-profesional, que combina estudios xerais e formación para o traballo; e un nivel superior. A cobertura educativa en 1996 afectaba ao 98,2% dos nenos de 6 a 13 anos e ao 85,9% dos adolescentes de 14 a 17 anos. A educación adminístrase por un sistema mixto, no que o ministerio de Educación ten un papel condutor, tanto na educación pública coma na privada (43% dos escolares). A educación superior está en mans das universidades estatais autónomas, das universidades privadas establecidas con anterioridade a 1980 (coñecidas como tradicionais), e das universidades, institutos profesionais e centros técnicos privados, creados despois de 1980, que apenas reciben axudas estatais. As principais son a Universidad de Chile (fundada en 1842) e a Universidad Católica (1888), ambas as dúas en Santiago. A poboación chilena está alfabetizada nunha porcentaxe moi elevada (95,2%) e de xeito bastante homoxéneo (95,4% dos homes e 95% das mulleres).
Sanidade
A saúde é un dereito universal consagrado na Constitución de 1980, polo que o estado garante o acceso de todos os chilenos a prestacións que aseguren a súa saúde con independencia de sexo, idade ou condición socioeconómica. O sistema sanitario, rexido polo ministerio de Saúde, é mixto (público e privado), e dende 1979 conta cun Servicio de Salud integrado por hospitais e centros de atención primaria no medio urbano (consultorios) e rural (postas). Dende 1981 o sistema de seguridade social xestiónase, con criterios privados, por medio das Administradoras de Fondos de Pensiones. A sida afectaba en 1996 a 2,2 h cada 100.000 h, o que levou ao goberno a establecer un plan de prevención dirixido pola Comisión Nacional del Sida (Conasida).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Chile entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o posto 38 cun índice do 0,826). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75,1 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 95,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 78%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 8.787 $ USA.
Goberno e política
Constituída como República independente o 12 de febreiro de 1818, dotouse dunha Constitución democrática en 1925. Logo de cinco décadas de relativa estabilidade política e despois de tres anos do goberno de Allende, o golpe de estado do xeneral Pinochet (11.9.1973), abolía a Constitución de 1925, pechaba o Congreso Nacional, ilegalizaba os partidos e anulaba as liberdades civís, mentres se procedía a unha despiadada represión. O primeiro paso cara á recuperación democrática foi a aprobación da Constitución Política de 1980, que entrou en vigor o 11 de marzo de 1981. Esta Constitución, que recoñecía o xeneral Pinochet como presidente da República, restablecía o funcionamento do Congreso Nacional. A derrota do plebiscito de 1988 levou á reforma constitucional de 1989 e ás primeiras eleccións democráticas en decembro, que deron a vitoria ao candidato da oposición unida, Patricio Alwyn. O 11 de marzo de 1990, o xeneral Pinochet abandonou a presidencia da República sub conditione e reservouse o cargo de comandante en xefe das forzas armadas ata 1998 e o de senador vitalicio. O 4 de abril de 2000, a Cámara de Diputados acordou a elaboración dun proxecto de reforma constitucional. Os poderes executivo, lexislativo e xudicial réxense pola Constitución de 1980. O poder executivo está formado polo presidente da República, que é ao mesmo tempo o primeiro ministro, elixido por sufraxio universal obrigatorio por seis anos; e o Consello de Ministros, elixido polo presidente. O poder lexislativo corresponde ao Congreso Nacional, que está constituído pola Cámara de Diputados, formado por 120 membros elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos, e o Senado de la República. O Senado componse de 47 membros, dos que 38 se elixen por sufraxio universal para un período de oito anos, aínda que a metade se renova cada catro anos; ademais, hai 9 senadores institucionais (tamén elixidos por oito anos), propostos polo presidente (dous deles rectores universitarios), o Tribunal Supremo (un fiscal xeral e dous xuíces do Tribunal Supremo) e polo Consello de Seguridade Nacional (catro comandantes en representación de cada unha das armas do exército); así mesmo, os presidentes que exercesen o cargo durante máis de seis anos son senadores vitalicios. O sistema xudicial está baseado no dereito español, con influencias do francés e do austríaco. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema; ademais, existen Cortes de Apelaciones e unha Corte Marcial. A vixilancia da constitucionalidade das leis vixentes correspóndelle ao Tribunal Constitucional. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte está en vigor, aínda que en 1997 chegou ao Senado un proxecto, finalmente rexeitado, para abolila e en 1998 conmutouse a única pena de morte sentenciada. Os dereitos políticos e as liberdades civís recuperáronse en 1989 trala ditadura; sen embargo, continúan existindo graves violacións dos dereitos humanos. Segundo Amnistía Internacional, os defensores dos dereitos humanos están permanentemente ameazados de morte; así mesmo, documentáronse maltratos e torturas cometidas polas forzas de seguridade sobre detidos, que causaron a morte a algúns deles, e polo exército sobre recrutas. En marzo de 1998, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos recomendou que se deixase sen efecto a Lei de Amnistía promulgada en 1978; así mesmo, solicitáronse facilidades para investigar os casos de desaparicións ocorridas durante os anos de goberno militar. O caso Pinochet, iniciado en 1997 polos xuíces Garzón e García-Castellón na Audiencia Nacional de Madrid, repercutiu positivamente na xustiza chilena que, logo da chegada de Pinochet a Chile despois de pasar o ano 1999 retido en Londres, iniciou un proceso xudicial no ano 2000 por crimes contra a humanidade. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Estatuto de Roma do Tribunal Penal Internacional, asinado en setembro de 1998; Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969), coa realización da declaración prevista no artigo 62, pola que se recoñece como vinculante a competencia da Corte Interamericana de Dereitos Humanos sobre todos os casos relativos á interpretación ou á aplicación da Convención; Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (1985) e Convención Interamericana sobre Desaparición Forzada de Persoas (1994), asinada pero non ratificada. Os partidos políticos máis importantes son: Partido por la Democracia (PPD), progresista, fundado en 1987 para loitar pola instauración da democracia, é o partido do Presidente Lagos e o seu secretario xeral é Sergio Bitar; Partido Socialista de Chile (PS), socialista, fundado en 1933 polos representantes de cinco formacións políticas de esquerdas que participaran no goberno da República Socialista de Chile (1932), está liderado por Riccardo Núñez; Partido Demócrata Cristiano (PDC), democratacristián, liderado por Gutenberg Martínez; Partido Radical Social-Demócrata (PRSD), centrista, liderado por Anselmo Sule; Unión Demócrata Independiente (UDI), conservador de inspiración cristiá e autoritario, liderado por Pablo Longueira, é o principal partido da oposición con Joaquín Lavín á fronte; Renovación Nacional (RN), autoritario, liderado por Alberto Cardemil, é o partido máis vinculado á ditadura de Pinochet; e Partido del Sur, autoritario. Nas eleccións xerais de 1997 e nas presidenciais de 2000 concorreron varias alianzas electorais: Concertación de Partidos por la Democracia, que agrupou ao PPD, ao PS, ao PDC e mais ao PRSD; Alianza por Chile, que agrupou á UDI, a RN e o Partido del Sur; Chile 2000, integrada maioritariamente pola Unión de Centro Centro Progresista (UCCP); e La Izquierda, integrada polo PCCh e a NAP. A extrema esquerda, que tivera unha gran presenza na sociedade chilena, está fragmentada en numerosas formacións, entre as que cómpre salientar o Partido Comunista de Chile (PCCh), fundado en 1912 por Luis Emilio Recabarren e que, malia ser unha forza extraparlamentaria, grazas ao labor da súa secretaria xeral, Gladys Marín Millie, ten unha gran presenza na sociedade; a Nueva Alianza Popular (NAP), de extrema esquerda; o Partido Comunista Chileno-Acción Proletaria (PCC-AP), marxista-leninista, fundado en 1979, centra a súa actividade na rúa e non participa nas convocatorias electorais. Un referente histórico é o Movimiento de Izquierda Revolucionaria (MIR) de Chile, fundado en 1965 por un grupo de revolucionarios (trotskistas, comunistas e socialistas) e dirixido dende 1967 por Luciano Cruz, Bautista van Schouwen e Miguel Enríquez; o seu papel foi decisivo na formación do goberno de fronte popular de Allende, sen embargo, dende 1986 está dividido entre os reformistas e os históricos e perdeu o seu peso específico (non concorre ás eleccións). Administrativamente, o país está dividido en 13 rexións. Chile mantén un contencioso con Bolivia provocado polos dereitos á auga do río Lauca; ademais, Bolivia busca restablecer a súa soberanía sobre o corredor de Atacama, que lle permitiría unha saída cara ao Pacífico sur, que perdeu fronte a Chile en 1884. As reclamacións chilenas na Antártida coinciden parcialmente coas defendidas por Arxentina e o Reino Unido. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI), Cooperación Económica en Asia-Pacífico (APEC), ONU, Organización de Estados Americanos (OEA), Sistema Económico Latinoamericano (SELA) e está asociado ao Mercado Común de Ámerica do Sur (Mercosur).
Historia

Os primeiros poboadores
Os ancestros dos indíxenas chilenos, procedentes da selva amazónica, introduciron innovacións como a cerámica e o tecido. A cultura chinchorro desenvolveuse nos vales de Lluta e Azapa, na costa do N de Chile, desde o 5.000 a C. Dedicábanse á pesca e á recolección, e estendéronse cara ao sur pola costa do N de Chile ata, aproximadamente, o 3.000 a C. O grupo aimará, que se estendeu entre Perú, Bolivia e o N de Chile, presentaba como elemento básico de organización social, política e territorial o ayllu, formado por un grupo de parentes que poboaban e traballaban dun xeito colectivo nun territorio común. A súa economía, orientada á subsistencia, dependía da agricultura e da gandería de llamas e alpacas. O pobo atacameño chegou dende os vales de Tucumán, posiblemente orixinarios dos Andes, ao redor do 300 d C. Caracterizouse pola construción de recintos fortificados (pucaras) destinados á defensa e vixilancia das rutas de entrada aos poboados dos vales. Os diaguitas, dende o s VI d C, destacaron como ceramistas e traballadores do cobre e do bronce. A expansión do Imperio Inca no territorio chileno produciuse cara á metade do s XV, e no 1470 Tupac Inca Yupanqui chegou na súa conquista ata Coquimbo. O xefe militar inca Sinchi Roka asentouse na ribeira norte do río Maule, que constituíu unha fronteira estable fronte aos pobos mapuches. O pobo dos mapuches chegou a Chile desde a Pampa central arxentina, e ocupaba na época da invasión inca a rexión central chilena. A unidade básica de organización era unha agrupación de familias unidas por lazos de parentesco por vía paterna e dirixidos polo home de maior prestixio (longo). Practicaban a caza en combinación coa recolección, a agricultura e o pastoreo. O extremo sur chileno (Tierra del Fuego) estaba poboado polos fueguinos, que se dividen en tres grupos étnicos: os selknam, que vivían en terra firme dedicados ao nomadismo, os yámana cunha cultura dedicada á caza de mamíferos mariños e, o terceiro dos pobos, os kaweskar, que vivían nas súas canoas.
O descubrimento e a conquista
O primeiro explorador que chegou ao territorio chileno foi Magalhães, que atravesou o estreito do seu nome en 1520, pero non foi ata o 1536 cando Diego de Almagro descendeu de Cuzco ata os ríos Maule e Maipo, atraído pola fama de riqueza aurífera da rexión. A pobreza dos resultados motivou o seu retorno polo deserto de Atacama. Pedro de Valdivia iniciou a conquista do país en 1541 e fundou os asentamentos de Santiago, no val do río Mapocho, e Valparaíso (1544). Despois das guerras civís peruanas, Valdivia venceu os mapuches e fundou as vilas de Concepción (1550), Imperial, Valdivia e Villarica (1552). Os mapuches, dirixidos polo caudillo Lautaro, iniciaron de novo a loita no 1553, cando mataron o gobernador Valdivia e destruíron a maioría das cidades agás Santiago, Concepción e La Serena. Os conquistadores retrocederon ata o Bío Bío ante a presión do xefe mapuche Caupolicán.
A colonia

O novo gobernador, García Hurtado de Mendoza, derrotou os mapuches (1557), reedificou Concepción e Villarica, fundou Cañete (1558) e chegou ata as illas de Chiloé polo S. De regreso ao N, fundou Osorno (1558) e un subordinado seu continuou o labor poboando Mendoza, no Cuyo (1561). Chile foi nas súas orixes unha capitanía xeneral dependente do vicerreinado do Perú; a feble administración colonial fortaleceuse coa Audiencia de Concepción (1568), suspendida en 1573 e reaparecida definitivamente en Santiago en 1609. Despois de instituír as intendencias, o territorio chileno dividiuse en dúas: a de Santiago e a de Concepción, co río Maule como liña fronteiriza. A organización eclesiástica xirou ao redor do eixo Santiago-Concepción, onde se situaban os dous bispados dende o s XVI. O ensino estivo en mans dos dominicanos, que controlaban a Universidad de Santo Tomás, e os xesuítas, na Universidad de San Felipe. A actividade económica concentrouse na extracción de ouro dos ríos e nunha agricultura de subsistencia e máis tarde apareceron pequenas industrias téxtiles (obrajes). Dende mediados do s XVII, coa aparición dos inquilinos (indios ou mestizos peóns da facenda), Chile comezou a exportar millo, viño e aceite xunto con produtos gandeiros (coiro, carnes salgadas e mulas) a Lima. O s XVIII foi unha etapa de prosperidade para Chile marcada pola expansión do comercio, que se vía favorecido pola inmigración vasca, que participou na construción dunha oligarquía que destacou no proceso de independencia. Durante o s XVIII os chilenos mantiveron contactos con estranxeiros (franceses, ingleses, holandeses e norteamericanos) cos que crearon un tráfico de contrabando, que se intensificou co decreto do libre comercio (1778). Coa creación do vicerreinado do Río de la Plata, Chile perdeu a administración de Cuyo (1777).
A Independencia

O movemento emancipador iniciouse no ano 1810, período denominado da Patria Vieja (1810-1814), encabezado por Camilo Henríquez, Bernardo O’Higgins e Juan Martínez de Rozas. A forzada renuncia do gobernador García Carrasco deixou o goberno en mans dunha Xunta, dominada polos moderados (18.9.1810), que creou o Congreso. A sublevación de José Miguel Carrera, membro dunha influente familia crioula, o 4 de setembro de 1811, impuxo a constitución dunha Xunta executiva composta por cinco membros que no 1812 promulgou o Reglamento constitucional, polo que o goberno de Chile se organizaba dun xeito autónomo. Derrotados polas tropas do vicerrei do Perú, asinaron o Tratado de Lircay (1.5.1814), pero ante unha nova invasión realista O’Higgins e Carrera uníronse. Coa derrota dos chilenos en Rancagua (1.10.1814) rematou a etapa coñecida como Patria Vieja e O’Higgins, xunto con outros patriotas chilenos, fuxiu a territorio arxentino, onde se uniron á expedición de San Martín, que logo regresou a Chile. Logo da vitoria sobre os realistas na Batalla de Chacabuco (1817), O’Higgins foi nomeado director supremo e proclamou a independencia o 12 de febreiro do 1818, pero a situación non se consolidou ata despois da Batalla de Maipú (5.4.1818).
Os comezos da República
O goberno republicano atopouse cunha situación de revolución social, a desorganización dos servicios públicos e co territorio arrasado. O’Higgins, que colaborou na independencia do Perú (1821), aplicou algunhas reformas, aboliu os títulos de nobreza e reorganizou a administración pública e o ensino. No exterior aliouse con Perú, Colombia, Brasil, México e cos EE UU, pero aprazou as grandes reformas democráticas. A oposición interna da aristocracia e a Igrexa obrigouno a dimitir en xaneiro de 1823 trala sublevación do xeneral Ramón Freire, un heroe da independencia que tiña o apoio dos terratenentes do S. A política liberal, militarista e anticlerical que inspirou o goberno de Freire reflectiuse na Constitución de 1823, pero tivo pouco éxito e, malia que expulsou a derradeira resistencia española de Chiloé; dimitiu en 1826. Sucedeuno no goberno o primeiro presidente do país Manuel Blanco Encalada durante unha época de profunda crise económica e federal unida á loita polo poder entre tradicionalistas (pelucones), liberais (pipiolos) e moderados (estanqueros). Ante a situación de crise total, entregoulle o poder a Francisco Antonio Pinto (1827), que adoptou unha nova Constitución (1828), pola que organizaba o país cun poder central forte. Superado polos problemas dimitiu e produciuse un período de notable confusión no que triunfou a revolta de moderados e conservadores despois da Batalla de Lircay (1830), que levou ao poder ao xeneral Joaquín Prieto.
A República conservadora
O xefe dos conservadores desde 1826, Diego Portales, foi nomeado vicepresidente do goberno presidido por Prieto e instaurou unha ditadura civil e personalista. Pola Constitución de 1833, católica, autoritaria e censitaria, consagrouse unha nova orde conservadora cunha base oligárquica. A represión dos liberais coincidiu cunha nova etapa de expansión económica, que orixinou unha nova clase mercantil e mineira en Valparaíso e nas poboacións do N. Esta burguesía, marxinada do poder pola aristocracia terratenente, presionou para liberalizar a orde social conservadora. A confederación peruana-colombiana que apoiou os liberais, foi considerada perigosa pola oligarquía chilena e Diego Portales promoveu unha vitoriosa campaña (1836-1839) que rematou o xeneral Manuel Bulnes, logo do asasinato de Portales en 1837. O exército garantiu a orde conservadora, que permaneceu en mans dos moderados. O xeneral Bulnes, sobriño de Prieto, ocupou a presidencia entre 1841 e 1851, e emprendeu a ocupación dos territorios do S enfrontándose cos araucanos. A produción mineira aumentou (ouro, prata, cobre e carbón) e Chile enriqueceuse exportando trigo a diversos países da costa do Pacífico. Manuel Montt, primeiro ministro de Bulnes e logo presidente (1851-1861), realizou numerosas reformas na infraestrutura do país, pero foi combatido polos liberais e conservadores radicais.
A República liberal
En 1861, a división do Partido Conservador promoveu unha alianza da rama progresista dos conservadores cos liberais e José Joaquín Pérez (1861-1871), candidato do Partido Nacional, foi nomeado presidente. Durante o seu mandato enfrontouse cunha expedición naval española (1866) e cunha revolta dos mapuches. Sucedeuno Federico Errázuriz (1871), quen se orientou cara ao liberalismo e favoreceu unha reforma electoral e a ampliación da liberdade de imprenta. O predominio dos liberais non significou a democratización do sistema, pois a oligarquía continuou no poder, mentres que a burguesía contentouse coas melloras das exportacións agrícolas, gandeiras e mineiras. A explotación das minas peruanas e bolivianas de Atacama e Tarapacá (salitre e cobre) por capitais chilenos, unido ao expansionismo chileno, provocou finalmente un conflito con Bolivia e Perú, a Guerra do Pacífico (1879-1883), que foi un éxito para as forzas chilenas que anexionaron o Norte Grande, coas cidades de Calama, Antofagasta e Arica e os seus recursos mineiros. Así mesmo, en 1888 Chile tomou posesión da Illa de Pascua, descuberta polo almirante holandés Jacob Roggeven en 1772. O conflito arranxouse definitivamente con Bolivia no 1904, e no 1929 con Perú. A explotación de salitre motivou unha nova onda de prosperidade e consolidou o réxime liberal. Ao mesmo tempo, a presenza chilena no S estendeuse ata a Tierra del Fuego, onde se estableceron moitos colonos europeos. O presidente José M. Balmaceda chegou ao poder nun momento de crecemento económico (1886) e non dubidou en endebedarse co exterior co fin de continuar a modernización de Chile, pero cara ao 1890 a expansión económica parouse e a crise arrasou o sistema. Os tradicionalistas, unha gran parte dos liberais, o Congreso Nacional, a Mariña, algúns corpos do exército e os sectores afectados pola crise aliáronse en contra do presidente. Estalou a guerra civil e Balmaceda foi derrotado en Concón e en Placilla, polo que deixou o cargo e os parlamentaristas limitaron o poder presidencial en beneficio do Congreso Nacional. Isto orixinou unha grande inestabilidade na política, multiplicada polo gran número de partidos que apareceron. Durante este período, mentres a produción mineira ascendía, medrou a presenza de capital norteamericano e británico e xurdiron os primeiros movementos obreiros nos centros mineiros, que se estenderon a Santiago e Valparaíso. O goberno emprendeu unha política represiva e os conflitos xeneralizáronse.
Crise económica e inestabilidade política
Coa finalización da Primeira Guerra Mundial, a situación agravouse pola perda dos mercados do salitre e o final do modelo económico do s XIX, baseado na exportación de trigo, carne, coiro, cobre e prata. En 1920 Arturo Alessandri, líder da Unión Liberal, alcanzou a presidencia e emprendeu un conxunto de reformas en lexislación laboral. Derrocado por un golpe de estado en 1924, instaurouse unha Junta Militar, que foi substituída en 1925 por un novo golpe militar que repuxo a Alessandri na presidencia e aprobou unha nova Constitución de carácter laico, presidencialista e socialista. O coronel Carlos Ibánez del Campo, favorecido pola expansión económica, instaurou unha ditadura progresista en 1927 que aplicou a Constitución. A crise mundial de 1929-1931 afundiu a ditadura e arruinou a Chile, feito que favoreceu a penetración estranxeira nas minas e unha recuperación dos latifundistas gandeiros e agrarios do S. Despois de varios cambios de goberno, un pronunciamento socialista derrocou o presidente Juan Esteban Montero e proclamou a República Socialista de Chile no mes de xuño de 1932. No novo goberno participaron cinco formacións políticas de esquerdas ata que en outubro dese ano Arturo Alessandri triunfou de novo e instaurou un réxime autocrático. A Fronte Popular formada por socialistas, comunistas e demócratas triunfou en 1938 cos votos dos mineiros e dos obreiros urbanos, pero as divisións internas da fronte e a oposición conservadora fixeron pouco eficaz a acción do presidente Pedro Aguirre Cerda. A coalición liberal volveu gañar en 1941 cando resultou elixido presidente Juan Antonio Ríos Morales co apoio da Fronte Popular; Chile tomou parte na Segunda Guerra Mundial a prol dos aliados en 1943. En 1946 gañou as eleccións Gabriel González Videla, do Partido Radical, integrado na Fronte Popular, coa axuda do Partido Comunista. A coalición mantívose seis meses no goberno con enfrontamentos entre os seus membros, e a partir de 1947, seguindo o exemplo europeo, perseguiu os comunistas. A situación de estancamento económico e inflación permitiu a volta do xeneral Carlos Ibánez del Campo en 1952, cun programa populista, que non solucionou a crise. A chegada de Jorge Alessandri á presidencia en 1958, apoiado nunha coalición de conservadores e liberais, supuxo a promoción do neoliberalismo económico xunto co investimento estranxeiro que non resolveu a situación. Nas eleccións parlamentarias de 1961 a situación política experimentou importantes modificacións coa reaparicón do Partido Comunista e o ascenso do Partido Democratacristián, que aglutinou as clases medias, os sectores moderados e progresistas, unha parte das capas populares e algúns sectores da dereita financeira e industrial.
Vía chilena cara ao socialismo
A opción democratacristiá encabezada por Eduardo Frei saíu vencedora das eleccións de 1964 e tivo que enfrontarse a unha grave situación económica interna e a unha altísima débeda exterior. Referendada a súa vitoria nas lexislativas de 1965, acometeu un proxecto de reforma social e económica, baseado na nacionalización da principal exportación chilena, o cobre, e promoveu unha lei de reforma agraria. A favorable situación mundial sentou as bases da recuperación económica; non obstante a oposición da dereita, agrupada no Partido Nacional, e da Fronte Popular xunto coas vacilacións do goberno, frearon o programa logo do retroceso democratacristián nas eleccións municipais de 1967. No último ano do goberno de Frei produciuse un aumento da inestabilidade social coa primeira folga nacional de campesiños, que pedían un aumento nas expropiacións, xunto coa extensión da violencia e do desemprego. A Unidad Popular, coalición de forzas de esquerda dirixidas polo socialista Salvador Allende, gañoulle por unha pequena marxe nas eleccións de 1970 ao candidato da dereita Alessandrini. Era a primeira vez que a chegada dun socialista á presidencia dun país xeraba tanta expectación mundial, de feito, falouse de ‘vía chilena cara ao socialismo’. Emprendeu un programa económico e de reformas estruturais que seguían o camiño do goberno de Frei e que afondaban na nacionalización das industrias estranxeiras (minería do ferro e do cobre e industrias pesqueira, téxtil e cervexeira) para o que contou co apoio da clase traballadora, que obtivo unha mellora salarial segundo o custo da vida. Para acometer a nacionalización das industrias, o goberno presentou un proxecto de reforma constitucional que foi aprobado polo Congreso Nacional co apoio da Democracia Cristiana, que cuestionou a decisión do goberno. A reforma agraria, segundo a lei aprobada polo goberno de Frei, permitiu a formación de cooperativas agrarias coas terras expropiadas, pero supuxo a radicalización das posturas da oligarquía agraria. As eleccións municipais de 1971 ampliaron a base electoral a favor de Allende e a oposición emprendeu un bloqueo parlamentario despois de que a Democracia Cristiana retirase a seu apoio ao goberno. Os grupos opositores do Partido Nacional, os industriais e a Democracia Cristiana coaligáronse na organización Solidaridad, Orden y Libertad (SOL), que chegou a financiar grupos armados en 1972. A oposición favoreceu o desabastecemento, que orixinou unha nova crise durante 1972 agravada pola supresión dos préstamos do Banco Mundial e doutras institucións internacionais, xunto co bloqueo económico e comercial. A situación dexenerou en folgas, ocupacións de leiras polos campesiños e a radicalización das posturas dentro da coalición no poder. Malia as dificultades que atravesou, nas eleccións de marzo de 1973 o goberno mellorou os seus resultados, o que levou á dereita a apoiar unha intervención do exército, que se sublevou contra a legalidade democrática logo dun ano no que os atentados terroristas da ultradereita medraron e o desabastecemento, promovido pola oligarquía chilena, era cada vez maior.
A ditadura de Augusto Pinochet
O golpe de estado da ultradereita produciuse o 11 de setembro de 1973, logo dun proceso de desgaste do réxime chileno, no que colaborou eficazmente a CIA e a diplomacia norteamericana. O presidente Allende desapareceu no asalto ao pazo presidencial e instaurouse unha ditadura militar dirixida pola Junta Militar e encabezada polo xeneral Augusto Pinochet Ugarte. O novo réxime aboliu o parlamentarismo, aniquilou os sectores progresistas chilenos, impuxo un drástico liberalismo económico, que favoreceu a volta das compañías estranxeiras desde o 1975, e devolveu os latifundios expropiados. O prezo da nova política foi enorme: o poder adquisitivo das clases baixas e medias afundiuse, a inflación non diminuíu e o desemprego acadou índices extremos favorecido polo abandono da industria nacional que non podía competir coa estranxeira. No ano 1978 o réxime militar suprimiu o estado de sitio -en vigor desde 1973-, ao que sucedeu o estado de emerxencia, e formouse un novo goberno integrado por algúns ministros civís. En 1981 iniciouse a transición á democracia coa aprobación dunha nova Constitución que legalizou o réxime ata as eleccións xerais de 1989. A caída do prezo do cobre e a recesión da economía a nivel internacional provocou unha crise na economía chilena no 1982. A partir de 1983 rexurdiron os partidos políticos e producíronse protestas contra o goberno e atentados. Como resposta, o goberno declarou o estado de emerxencia (1984), mentres crecía a oposición popular e o país se atopaba cada vez máis illado da comunidade internacional. Despois dun intento frustrado de asasinar o ditador (1986), o goberno declarou o estado de sitio e favoreceu a aparición de organizacións paramilitares de ultradereita. Pinochet someteu a referendo a súa continuidade como xefe de estado (1988) e, malia o resultado adverso, negouse a abandonar o poder presentándose ás eleccións de 1990.
A volta da democracia
Nas eleccións presidenciais de decembro de 1989 saíu elixido o candidato Patricio Aylwin, que lideraba a Concentración de Partidos para la Democracia, unha coalición de 17 partidos opostos ao réxime. Formou un goberno de concentración nacional que acometeu reformas económicas para mellorar a situación do país, pero a presenza de Pinochet, que conservou o cargo de comandante en xefe, supuxo problemas, especialmente despois da descuberta en xuño de 1990 de grandes fosas clandestinas de víctimas da ditadura. En 1993, a autorización de Alwyn á celebración de xuízos contra os militares implicados nas violacións dos dereitos humanos baixo a ditadura, orixinou un novo enfrontamento. Nas eleccións presidenciais de decembro de 1993 o candidato da Concentración de Partidos por la Democracia Eduardo Frei Ruiz-Tagle, derrotou a A. Alessandri. Durante o goberno de Frei, Chile solicitou a entrada no Tratado de Cooperación Económica Asia-Pacífico (CEAP) e no Tratado de Libre Comercio Norteamericano (NAFTA) e acadou a integración de Chile no Mercado Común do Sur (Mercosur) como asociado preferente. A Concentración de Partidos pola Democracia acadou a maioría no congreso dos deputados nas eleccións lexislativas de decembro de 1997, pero o grupo Unión por Chile, de tendencias conservadoras, aumentou os seus escanos, o que permitiu a consolidación do bloque de forzas conservadoras. Pinochet, que abandonara a presidencia da República o 10 de marzo de 1990 sub conditione, mantívose como comandante chileno ata o 10 de marzo de 1998. Arrestado en Londres (17.10.1998) a instancias do xuíz español Baltasar Garzón, a petición de extradición orixinou disturbios e manifestacións no país. As consecuencias políticas e económicas do caso Pinochet obrigaron a Eduardo Frei a remodelar o goberno. As eleccións presidenciais de decembro de 1999 causaron unha segunda volta en xaneiro do 2000 na que se enfrontaban Joaquín Lavín, candidato da Unión Democrática Independiente, e Riccardo Lagos Escobar, candidato do Partido pola Democracia. O goberno de Lagos tomou posesión o 11 de marzo do 2000 e iniciou unha política orientada contra a pobreza estrutural da sociedade chilena. A extradición foi denegada despois dun longo proceso coa alegación da precaria saúde de Pinochet e volveu ao seu país (3.3.2000). O Tribunal Supremo de Chile retirou a inmunidade parlamentaria da que gozaba o exditador (8.8.2000) e o xuíz Juan Guzmán decretou o seu procesamento (1.12.2000).