chimpancé
(< fr quimpezé < bantúkampenzi)
-
s
m
[ANIMAL]
Mamífero primate do xénero Pan. Pode acadar, no caso dos machos, 1,70 m de altura e un peso de entre 50 e 80 kg, mentres que as femias son máis pequenas e non sobrepasan o 1,30 m. O pelame é abundante e negro, e ambos sexos presentan unha barba corta. A cabeza carece de crista saxital, as orellas sobresáenlles moito e son grandes, e os orificios nasais son pequenos. Posúen dentes grandes e na mesma fórmula dentaria ca no home. Todas as extremidades presentan o polgar opoñible e os brazos son longos, o que lle permite apoiar os cotobelos ao andar. Dedican máis de catro horas diarias a comer sementes e froitas, e unha ou dúas horas a alimentarse de follas tenras. Completan a dieta con flores, gromos, resinas e cortizas e, de cando en vez, rouban ovos e cazan crías de corpitecos, antílopes ou porcos bravos e non almacenan alimentos. Constrúen cada día un niño ou unha plataforma para pasar a noite. Acadan a idade adulta aos doce ou aos trece anos. A cría nace indefensa e durante os primeiros días a nai manteno agarrado contra o peito, logo aprende a ir colgado por el mesmo. O destete ten lugar a partir dos tres anos e aos catro anos a cría xa se despraza soa pero mantense preto da nai ata os cinco ou sete anos. Os chimpancés forman grupos de entre 15 e 120 animais, que teñen como unidades as femias con dúas ou tres crías de distinta idade que dependen dela. Cando chegan á madurez, e coincidindo cun período de celo, as femias teñen que abandonar o grupo familiar e buscar outro clan onde establecerse. Os machos son normalmente hostís entre eles, pero poden formar alianzas temporais para enfrontarse a outros machos, especialmente se este é un doutro grupo distinto do familiar. Na comunidade existe un macho dominante que mantén o status con frecuentes exhibicións como erguerse sobre as patas inferiores, golpear o peito cos puños, lanzar pedras de ata 4 kg ou mesmo arremeter cun pau contra os outros machos. Cando estes recoñecen a predominancia do líder, entréganse a labores de aseo mutuo para calmar o ambiente. Os chimpancés empregan pauciños ou herbas para alimentarse de formigas ou térmites que despois de ser introducidos nas colonias dos insectos se retiran cun gran número deles prendidos no intento de defenderse. Algúns grupos tamén saben romper froitos secos con pedras.
-
chimpancé bonono /chimpancé anano
[ANIMAL]
Primate de cara de cor negra e molares moi pequenos, que habita as selvas húmidas do centro de África, por baixo dos 1.500 m de altitude, entre os ríos Zaire e Kasai. Manteñen a actividade sexual durante todo o ano mesmo durante o embarazo e a lactancia; son frecuentes as cópulas frontais.
-
chimpancé común
[ANIMAL]
Primate de cara de cor rosada ou parda, que escurece coa idade. É propio das selvas húmidas, dos bosques caducifolios ou das sabanas do centro e do oeste de África por baixo dos 2.000 m de altitude. As femias, despois de ter unha cría, están entre tres e catro anos sen entrar en celo. O período sexual dura entre un e seis meses e remata cando queda preñada.