China

China

Territorio de Asia Oriental que comprende a China continental (que historicamente limitaba ao L co Océano Pacífico e que se estendía, aproximadamente, ao N ata Manchuria e Mongolia, ata o Turquestán oriental e o Tibet polo O e ao S por moitos territorios do S do Iang-Tsé, case ata Indochina) e a illa de Taiwán, colonizada polos chineses no s XVI. Coñecido polos antigos gregos co nome de Σηρικη e no Occidente medieval como Catai; o nome actual vén do portugués, formado quizais a partir dunha palabra india ou malaia semellante que probablemente derivaría do nome da dinastía Qin (221-206). Os chineses, sen embargo, denomínano Han (do nome da dinastía Han), Zhongguo (‘Imperio do Medio’) ou Zhonghua (‘Terra do Medio Florido’). Dende 1949 China constitúe formalmente unha única nación, de base étnica han, e dous estados diferentes: a República Popular de China, único recoñecido internacionalmente, e Taiwán ou República da China Nacionalista, non recoñecido debido ás presións exercidas na ONU e na diplomacia internacional polos gobernos de Pequín; sen embargo, o goberno de Taipei autoproclámase “goberno no exilio”. A política de integración, favorecida polo goberno pequinés dende 1984 co lema “un país dous sistemas”, parecía tomar forma trala integración de Hong Kong e Macau na China continental baixo esta mesma fórmula; sen embargo, nos anos 2000 e 2001 as tensións entre ambos os dous gobernos se incrementaron a raíz dunhas manobras militares estadounidenses e do apoio dado pola administración Bush ao goberno de Taipei, feito que rompeu as boas relacións que a administración Clinton mantivera con Pequín.