chinche

chinche

(< lat cimĭce)

  1. s f [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da orde dos hemípteros, caracterizado por presentar as mandíbulas modificadas nun peteiro longo (que se mantén debaixo do corpo), que empregan para picar e zugar fluídos, tanto de animais (cando adoptan o papel de depredadores ou parasitos) ou como acontece as máis das veces, de plantas. As antenas son moi longas e formadas, normalmente, por catro ou cinco artellos. Presentan dous pares de alas, dos que o primeiro ten endurecida a parte anterior ou toda a súa superficie. O tamaño dos adultos das distintas especies varía dende 2 a 120 mm. Cando saen dos ovos estes insectos só se diferencian dos adultos no tamaño e na ausencia de alas; estas van medrando ao longo das mudas que se producen durante o seu ciclo vital. Constitúen pragas dos cultivos, tanto pola merma de vitalidade, debido á carga que supón a extracción de savia, como polo papel que desempeñan como vectores de certos virus vexetais. A orde dos homópteros, que inclúe as cigarras e os afídidos, considerouse de xeito clásico como unha suborde dos hemípteros. Coñécense máis de 50.000 especies de chinches pertencentes ás familias dos cidnidos, cimícidos, coreidos, coríxidos, dipsocóridos, escuteléridos, estenocefálidos, hébridos, hidrométridos, lixeidos, mesovélidos, microfísidos, míridos, nábidos, naucóridos, népidos, notonéctidos, pentatómidos, piésmidos, pirrocóridos, pleídos, redúvidos, ropálidos, sáldidos, tínxidos, vélidos e dos xérridos.

    Sinónimos: chincha, percebella.
  2. chinche acuática [ENTOM]

    Hemíptero de auga doce pertencente aos xéneros Gerris, Velia ou Hydrometra. Escorregan sobre a superficie das augas e aliméntanse de pequenos insectos. Por outra parte, os insectos da familia dos népidos, que viven dentro da auga, respiran mediante un tubiño no extremo do abdome e cazan pequenas presas coa axuda do primeiro par de patas modificadas para o rapto. En canto aos insectos da familia dos notonéctidos, que nadan libremente na auga, aliméntanse dos pequenos animais que caen nela, mentres que os insectos da familia dos coríxidos, tamén bos nadadores, aliméntanse principalmente de restos vexetais.

  3. chinche asasina [ENTOM]

    Insecto da familia dos redúvidos de antenas de catro segmentos, co rostro de tres artellos lixeiramente curvado e con patas longas. Existen unhas 4.000 especies de distribución principalmente tropical e de hábitos depredadores ou parasitos. A especie Reduvius personatus, de cor negra, de ata 12 mm de lonxitude, aliméntase doutros insectos que captura no interior dos ocos das árbores ou mesmo das vivendas humanas. A chinche Rhinocoris iracundus, de cor vermella e negra, de ata 18 mm, é un depredador veloz de ambientes soleados. A especie Triatoma infestans, coñecida como vinchuca, de cor negra con manchas transversais desta mesma cor e patas amarelas, constitúe un parasito do home ao picar e succionar o seu sangue; serve de vector de transmisión do Trypanosoma cruzi, presente nos excrementos que deposita sobre as víctimas, o que provoca a enfermidade de Chagas.

  4. chinche fedorenta [ENTOM]

    Insecto das familias dos pentatómidos e dos coreidos. Posúe corpo aplanado en forma de escudo, cun escutelo triangular de gran tamaño. Presenta principalmente cores verdes ou castañas, aínda que algunhas especies teñen cores e deseños aposemáticos. A maioría producen, nunhas glándulas próximas ás patas posteriores, unha secreción aceda de cheiro moi desagradable que expulsa o animal ao se sentir ameazado para disuadir os depredadores da súa captura. Para alimentarse zuga en plantas e eirugas, e son especialmente molestas para o home as que se localizan nos acios no tempo da vendima.

    Sinónimos: cacafede, cazabiña.
  5. chinche hematófaga [ENTOM]

    Insecto da familia dos cimícidos, áptera, de corpo deprimido e de cor parda, ectoparasito dos vertebrados. Existen unhas 30 especies que adoitan especializarse en distintos grupos de hóspedes. Así, as aves sofren, especialmente mentres permanecen no niño, as chinches hematófagas dos xéneros Oeciacus e Haematosiphon ou Climex; os morcegos son parasitados especialmente pola especie Primicimes cavernus; e o home, pola especie Cimex lectularius, duns 5 mm de lonxitude, que pica e suciona o sangue durante a noite mentres as persoas dormen. Durante o día permanece agochada en pequenas fendas ou buracos.

  6. chinche mariña [ANIMAL/ENTOM]

    Percebella do xénero Halobates, áptera, pequena, de abdome curto e patas longas que se despraza na superficie de mares cálidos tropicais.

Palabras veciñas

chinca | chincar | chincha | chinche | chincheta | chinchilla | Chinchilla de Monte-Aragón