"Aurelio" (Contén)

Mostrando 13 resultados de 33.

  • GALICIA

    Realizador cinematográfico. Foi presidente da Asociación de Produtoras de Cine e Vídeo de Galicia e crítico de La Voz de Galicia. En 1973 fundou, xunto con Félix Casado e Luis Gayol, o grupo de cineastas afeccionados Imaxe, en que permaneceu ata a súa disolución en 1980, ano no que dirixiu Malapata, a primeira longametraxe galega. Traballou en diversos apartados do audiovisual, desde a produción de anuncios publicitarios ou curtametraxes como Circos (1979), ata o guión, a dirección de documentais industriais e de obras de ficción como Illa (1976), a súa primera obra en formato estándar, Embarque (1984) ou a longametraxe Urxa (1989).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Emperador (161-180) e filósofo. Membro dunha familia orixinaria de Hispania, foi cuestor (138-139) e cónsul (140). Casou con Faustina, filla de Antonino Pío ao que sucedeu, xunto con Lucio Aurelio Vero, trala súa morte (161). Interesado polos traballos intelectuais e filosóficos, durante o seu goberno reforzou a centralización administrativa e o poder imperial, reformou as leis penais e reduciu os impostos. Defendeu as fronteiras do Imperio Romano fronte a diversos ataques de marcomanos, vándalos e sármatas e conquistou Mesopotamia (165). En 177 asociou o trono ao seu fillo Lucio Aurelio Cómodo. Seguidor da doutrina estoica, adquiriu o hábito de interrogarse respecto aos seus actos, orixe dos libros Tἀεις εαυτὁν (Meditacións) onde, baixo a máxima de vivir segundo a natureza, examina as cuestións referentes ao natural e ao sobrenatural, á vida, á morte, á virtude e ao vicio.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Emperador romano, fillo de Marco Aurelio Valerio Maximiano. Foi excluído da sucesión despois de que o seu pai abdicase (305), pero os pretorianos proclamárono augusto. Trala reordenación do imperio (308) fuxiu á Galia. Posteriormente volveu a Roma pero non acadou a popularidade, malia que construíu enormes e custosos edificios. Enfrontouse con Constantino I na Batalla da Ponte Milvio e foi derrotado.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Emperador romano (286-305 e 307-308). Foi enviado á Galia co título de césar durante o goberno do Emperador Diocleciano para reprimir a revolta dos bagaudas. Nomeado emperador en 286, acadou o mando sobre as provincias occidentais e residiu en Tréveris. Seguindo o exemplo de Diocleciano, abdicou e retirouse a Lucania (305), pero volveu ao poder en 307 e, despois de rexeitar o seu fillo Maxencio, nomeou emperador a Constantino I. Foi obrigado a abdicar novamante en 308.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Avogado e político. Doutor en Dereito e catedrático de Dereito Mercantil en diferentes universidades, foi ministro de Educación e Ciencia (1976-1977) e maxistrado do Tribunal Constitucional. Foi nomeado decano de honor da facultade de Dereito da Universidad Autónoma de Madrid e membro permanente do Comité Marítimo Internacional. Escribiu Transformación, fusión y escisión de la sociedad anónima (1993), El Derecho, la Ley y el juez (1997) e Disolución y liquidación de la sociedad anónima: (artículos 260 a 281 de la Ley de Sociedades Anónimas) (2002). É doutor honoris causa polas universidades de Oviedo e Carlos III de Madrid, recibiu a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio e a de Carlos III, así como o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociales (1994).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Xurista e político. Concelleiro e voceiro do concello do Carballiño (1979) e deputado provincial por Ourense (1979-1987), foi deputado no Parlamento de Galicia por UCD (1981-1985), para pasar a Coalición Galega (1985-1989) ata a súa incorporación ao Partido Popular-Centristas de Galicia (1990-1993) e logo ao PP (1993-1997). Nomeado director xeral de Turismo (1997), pasou á Secretaría Xeral de Comunidades Galegas (2001) para, desde xaneiro de 2003 ocupar o cargo de conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior. Foi relator de numerosas leis, das que destacan a de Normalización Lingüística. Impulsor da Fundación Galicia Emigración, recibiu o doutor honoris causa pola Universidad de Buenos Aires (2004).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Emperador de Roma (283-284), fillo do Emperador Marco Aurelio Caro. Foi nomeado césar xunto co seu irmán Marco Aurelio Carino. Converteuse en augusto despois da morte do seu pai. Foi asasinado no Bósforo, cando regresaba dunha campaña contra os persas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Emperador romano. Mentres desempeñaba un alto cargo militar en Oriente, as lexións nomeárono emperador (276). Vingou as mortes de Aureliano e Tácito, liberou dos godos a Asia menor e derrotou aos xermanos. Tentou restaurar a economía romana favorecendo o comercio e a agricultura, fins para os que mobilizou ao seu exército, que se rebelou contra el, asasinouno e nomeou a Marco Aurelio Caro como novo emperador.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Poeta cristián e apoloxista. Nobre hispano-romano, triunfou na carreira administrativa, pero abandonouna para entregarse á poesía. Cultivou a poesía lírica e épico-didáctica e foi coñecido como o ‘Virxilio e Horacio dos cristiáns’. Escribiu o Cathemerinon ou Libro dos himnos do día, o Peristephanon, Libro de coroas, en honor aos mártires; a Apotheosis, sobre a divindade de Cristo; a Hamartigenia, sobre a orixe do pecado; a Psichomachia, sobre o ideal ascético da vida interior; o Dittochaeon, sobre temas bíblicos; e o Contra Symmachum, contra o paganismo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Escritor. Doutor en Dereito pola Universidad de Madrid, traballou no ministerio de Facenda e desempeñou a cátedra de Lingua Francesa no Ateneo de Madrid e de Lingua e Literatura Galegas na Casa de Galicia. Fundou en Madrid en 1915 a revista Estudios Gallegos e cultivou a narrativa, con La campaña de Ultramar (1888), onde recompilou cinco novelas breves escritas en castelán; a novela curta Ferruxe (1894), a lenda decimonónica O pastor de doña Silvia (1925) e a novela curta O derradeiro amore (1931). No ámbito da poesía, onde se pode relacionar coa Escola Formalista pondaliana, tirou do prelo Pousadoiro. Os meus votos (1903), O libro da konsagrazión (1910), coa maior parte da súa produción poética e a “Nota sobre a reforma da ortografía gallega”, en que se declara a favor da ortografía fonética e onde se mostra como o primeiro defensor da gheada; e Altariño de amore (1935), en que se recolle unha breve historia romántica...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Romanista italiano. Catedrático das universidades de La Sapienza de Roma, Trieste e Pavia, publicou diferentes estudos sobre filoloxía románica: edicións críticas como Teseida de Boccaccio (1941) e Chanson de Roland (1947); crestomatías como Poesie d’amore spagnole (1963) e Antologia delle letterature d’oc e d’oïl (1973); manuais como La lingua dei trovatori (1965) e La lingua d’oïl (1971), ademais de sínteses históricas e ensaios de crítica textual e interpretativa, e historia da versificación e da erudición. Foi presidente da Société de Linguistique Romane (1983-1986) e vicepresidente da Union Académique Internationale (1985-1988).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • MUNICIPIOS

    Municipio de Asturias (20.247 h [2001]). É un destacado centro mineiro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Orador romano. Como defensor do paganismo, polemizou con santo Ambrosio. Del consérvanse cinco discursos, corenta relationes oficiais e dez libros de cartas ao estilo de Plinio. Editou a Livio.

    VER O DETALLE DO TERMO