Ribalta Copete, Aurelio

Ribalta Copete, Aurelio

Escritor. Doutor en Dereito pola Universidad de Madrid, traballou no ministerio de Facenda e desempeñou a cátedra de Lingua Francesa no Ateneo de Madrid e de Lingua e Literatura Galegas na Casa de Galicia. Fundou en Madrid en 1915 a revista Estudios Gallegos e cultivou a narrativa, con La campaña de Ultramar (1888), onde recompilou cinco novelas breves escritas en castelán; a novela curta Ferruxe (1894), a lenda decimonónica O pastor de doña Silvia (1925) e a novela curta O derradeiro amore (1931). No ámbito da poesía, onde se pode relacionar coa Escola Formalista pondaliana, tirou do prelo Pousadoiro. Os meus votos (1903), O libro da konsagrazión (1910), coa maior parte da súa produción poética e a “Nota sobre a reforma da ortografía gallega”, en que se declara a favor da ortografía fonética e onde se mostra como o primeiro defensor da gheada; e Altariño de amore (1935), en que se recolle unha breve historia romántica e co que ataca os vangardistas. Escribiu tamén ensaios de carácter filolóxico ou político, como “Catalanismo militante” (1901) e “Gramática francesa para españoles” (1913). Foi académico correspondente da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Chozas de la Sierra, Madrid