Temas

Garrido Alonso, Alejandro

Historiador. Redactor da Enciclopedia Galega Universal. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1997), centrou as súas investigacións na Antigüidade mediterránea, con especial interese polo desenvolvemento do dereito e dos sistemas xudiciais da Hélade. Foi colaborador da revista especializada Anabasis.

Máis >
Díaz, Manuel

Pintor. Realizou, entre outras obras, a pintura do retablo maior da igrexa de San Mamede de Carnota (1791) e dos catro colaterais da igrexa de Bastavales (1795).

Máis >
Viéitez Cortizo, Ernesto

Investigador. Doutor pola Universidad de Madrid (1946), foi catedrático de Fisioloxía Vexetal da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, e decano das facultades de Ciencias e de Bioloxía. Ocupou diversos cargos no CSIC, como o de investigador científico e director do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, e foi xefe da sección de fisioloxía vexetal da Misión Biolóxica de Galicia. Foi alcalde de Santiago de Compostela (1986-1987) por Alianza Popular, presidente da Federación Europea de Sociedades de Fisioloxía Vexetal, e desde 1978 preside a Real Academia Galega de Ciencias.Recibiu diversos premios e distincións, entre os que destaca os premios Juan de la Cierva (1947), Alonso de Herrera (1954), o Premio de Investigación Deputación Provincial de Pontevedra (1972 e 1976), o Premio de Investigación Xunta de Galicia (1992), a Cruz Alfonso X El Sabio e a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo.

Máis >
Ónega López, José Ramón

Xurista. Foi gobernador civil de Zamora (1979-1982) e de Bizkaia (1982), inspector xeral de servizos do Ministerio do Interior (1984-1993) e director xeral de Política Interior (1996-2004). Foi fundador e director da revista Quintana (1962), e publicou numerosas monografías sobre temática socio-política en diversas revistas e publicacións xurídicas especializadas. Escribiu Los Judíos en el Reino de Galicia (1981), Odoario el Africano. La colonización de Galicia en el siglo VIII (1988), José María Díaz Sanjurjo. Un gallego en Vietnam (1991), El enigma de José An (1991) e El promontorio de los claveles marinos (1999). Recibiu a Encomienda de Número al Mérito Civil (1977) e a Medalla de Prata da Real Orden del Mérito Deportivo (1998).

Máis >
Artiaga, Xosé

Pintor e catedrático de Debuxo. A súa formación adquiriuna na Facultade de Belas Artes e na Escola de San Fernando de Madrid. A súa obra mostra unha andaina intermitente, parte do Expresionismo figurativo para chegar a unha pintura monocroma e enigmática nos derradeiros anos, onde a plástica segue un proceso introspectivo. Ten obra exposta en diferentes museos de Galicia e de toda España, onde tamén recibiu numerosos premios.

Máis >
Díaz-Mella Bustillo, Natalia

Artista plástica. Licenciouse na facultade de Belas Artes de Pontevedra (1997) nas especialidades de pintura, deseño e audiovisuais. Recibiu, entre outras, unha bolsa Erasmus e outra da Universidade de Kingston (Londres, 1995). Participou, entre outros, no III Taller Pablo Picasso de Unión Fenosa (A Coruña, 1997). As formas xeométricas (rectángulos, cadrados e trapecios) son unha constante nas súas composicións. A súa obra presenta un entrecruzamento plástico que se forma a partir da transparencia da mancha e de diversas liñas que percorren o lenzo dividindo o espazo e acoutando zonas. Malia a importancia da liña e do círculo, é a cor a que determina o maior poder de suxestión da obra na procura dunha expresividade en certo modo lírica que vai avaliada pola poética que suxiren os títulos. Entre outras obras, destacan Mancha de parto, As teas paridas, Un caserío de 1584. E dous marroquís, As miñas voces preferidas e No interior do meu corpo.

Máis >
Boado Montenegro, Xacinto

Franciscano. Foi maxistral de Lugo e de Santiago de Compostela, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1656) e administrador do Gran Hospital Real (1664-1670). Foi elixido bispo de Valladolid e ingresou como franciscano en san Lorenzo de Santiago o 13 de decembro de 1670, días antes de morrer. É autor da elexía dedicada a Filipe IV titulada Oración fúnebre en las exequias que la majestad de nuestro rey y señor Felipe IV el Grande hizo la Santa Apostólica Iglesia del Señor Santiago, único y singular Patrón de las Españas (1666).

Máis >
Loading