Temas
Igrexa parroquial situada en Campo Lameiro. De orixe románica (s XII), só conserva a fachada pois o resto da construción foi remodelada. A portada principal está formada por unha dobre arquivolta sostida por columnas cos capiteis decorados: un home loitando cun animal, un home en crequenas, un animal atacando unha serpe e unha cesta con motivos vexetais. No tímpano represéntase a un bispo, que sostén na man esquerda un báculo mentres bendí coa dereita, flanqueado por dous cegos que portan un libro e unha cruz.
Igrexa parroquial situada no concello de Vigo. É de estilo románico de finais do s XII ou principios do XIII, xa que no templo hai dúas inscricións, unha de 1185, na que se nomea o posible mestre, Rodericus, e outra de 1223. Aparece mencionada en diferentes documentos: en 915 foi doada á igrexa de Santiago por Ordoño II e dona Elvira, doazón renovada por Afonso V en 1024; en 1196 houbo unha nova doazón de Afonso I de Portugal á diocese de Tui, e en 1179 Fernando I de León fixo doazón a Tui do couto de Bene vivere. Ten unha única nave con ábsida, poligonal ao exterior e semicircular no interior. A nave está dividida en treitos. O acceso ao presbiterio realízase por medio dun arco triunfal de directriz apuntada; no treito recto, a cuberta é unha bóveda de canón apuntada e no semicírculo absidial de esfera. A porta sur está tapiada, mentres que a portada principal está formada por unha dobre arquivolta apuntada.
Igrexa parroquial situada na Estrada. Construída en estilo románico na segunda metade do s XII, foi reformada en épocas posteriores. Ten planta basilical. O arco triunfal é de medio punto e destaca a fachada occidental, románica, cunha porta de dobre arquivolta apoiada en dous pares de columnas acobadeladas.
Igrexa parroquial situada en Antas de Ulla. Foi construída en estilo románico no s XII e reconstruída a finais do s XVI. Ten planta rectangular. A ábsida é cadrada e comunícase cunha pequena sancristía dun lado e coa capela-panteón dos condes de Torre Penela. O arco triunfal, de medio punto dobrado, descansa sobre dúas columnas. En 1650 construíuse a capela-panteón de planta hexagonal, cuberta con bóveda de casetóns. No interior destacan as esculturas funerarias dos primeiros condes e dos seus inmediatos sucesores (1719). Conserva brasóns no interior e no exterior do edificio.
Igrexa parroquial situada en Pazos de Borbén. Ten planta basilical e ábsida con bóveda de canón, liña de imposta e arco triunfal de medio punto. A nave, composta de catro tramos, cóbrese con bóveda de canón e arcos faixóns de medio punto, que descansan sobre ménsulas. A fachada ten unha porta arquitrabada cun frontón triangular e espadana.
Igrexa parroquial situada en Samos. De orixe románica, ten unha soa nave con cuberta a dúas augas e ábsida de maior altura que a nave con cuberta a catro augas. Conserva unha imaxe da Virxe sedente co Neno do s XVI e un retablo do s XIX. A fachada consta dunha portada de dúas arquivoltas, óculo e espadana de dous vans.
Igrexa parroquial situada en Pantón. Pertenceu a un antigo priorado do mosteiro de Samos ata 1835, e correspondeuse quizais co de San Xiao de Moreda, documentado xa no s X. De estilo románico, o templo data do s XII e ten unha soa nave e ábsida rectangular. Destaca o arco triunfal de medio punto apoiado sobre pilastras.
Igrexa parroquial situada en Carballo. Construída entre os ss XVII e XVIII en estilo barroco, ten planta de cruz latina con capelas laterais. A nave está dividida en tramos e está cuberta cunha bóveda de canón erixida sobre arcos faixóns. O cruceiro cúbrese cunha cúpula rematada en lanterna. A fachada principal está enmarcada por catro pilastras xigantes que sustentan un friso. Sobre a porta ábrese unha fornela coa imaxe da Virxe. Remata nun frontón circular e nunha torre-campanario de dous corpos: o inferior formado por catro arcos de medio punto e o superior pechado cunha pequena cúpula de media laranxa rematada nun pináculo.
Igrexa parroquial situada en Boqueixón. Construída no s IX, restaurouse posteriormente. Ten planta de nave única con capelas laterais e ábsida rectangular cuberta con bóveda de canón. No interior destaca o arco triunfal prerrománico. A fachada ten unha espadana dun só van no centro e remates piramidais nos extremos.
Igrexa parroquial situada en Coles. De orixe románica, conserva unha portada coa imaxe de san Xián no centro sobre un arco de medio punto decorado con arquivoltas e asentado sobre columnas con capiteis decorados con motivos florais. A parte superior decórase con ornamentos en bóla que rodean o triplo campanario.
