Temas

Berselos, San Martiño de

Igrexa da parroquia de Laxes (Baralla). De estilo románico, da segunda metade do s XII, responde ao tipo de nave única e ábsida semicircular, ambos con cuberta de madeira. O arco triunfal é de medio punto. Emprega cachotería pero para as partes máis importantes utiliza a cantería. Destaca o repertorio iconográfico e decorativo que se reparte por capiteis, bases e portadas, atribuído ao mestre Pelaxio. No tímpano da portada principal destaca o Agnus Dei.

Máis >
Borraxeiros, San Cristovo de

Igrexa parroquial situada en Agolada. Do primitivo templo románico, construído a finais do s XII e reconstruído en 1705, só resta unha porta situada na fachada principal e parte dos muros da nave. No interior, a nave presenta dous pares de columnas entregas con capiteis de follas, unha das bases está decorada con arquiños de ferradura e de medio punto. A portada conta cunha dobre arquivolta, decorada con bólas, que se sostén sobre catro columnas con capiteis vexetais con mazás. O tímpano decórase co relevo dunha cruz grega rodeada por un semicírculo de arquiños de ferradura.

Máis >
Breixa, Santiago de

Igrexa parroquial situada en Silleda e documentada dende 1233. De estilo románico, consta dunha nave. O presbiterio salienta pola súa ornamentación; o seu acceso é a través dun dobre arco de medio punto: o maior está decorado con arquiños e o menor é de sección prismática. Os capiteis, canzorros e impostas tamén están decorados, así como os arcos cegos que percorren os muros laterais. Probablemente esta iconografía foi realizada por un artista de orixe non galega na órbita do mestre Mateo ou dos que traballaron no mosteiro de Carboeiro a finais do s XII.

Máis >
Dumpín, Santalla de

Igrexa parroquial situada en Castro de Rei. Construída no s XVII, reformouse ao longo do tempo. Ten planta rectangular, cunha nave con cuberta de madeira a dúas augas e unha pequena ábsida cun arco triunfal de medio punto. Ten un pórtico, separado do templo, e unha espadana, que foron construídos posteriormente.

Máis >
Frades, Santa María de

Igrexa parroquial situada na Estrada. Doada polo arcebispo Xelmírez ao mosteiro de San Martiño de Santiago no s XII, ten planta dunha soa nave dividida en tres tramos e ábsida rectangular, cubertas as dúas con bóveda de canón reforzadas por arcos. O arco triunfal é semicircular e dobrado e de sección rectangular; apóiase en columnas con capiteis decorados: no esquerdo represéntase unha figura humana de pé sobre o astrágalo e o dereito ten decoración vexetal. No tímpano da porta N consérvase unha inscrición coa data de 1171.

Máis >
Anós, Santo Estevo de

Igrexa do concello de Cabana que aínda conserva algúns restos de orixe románica: o arco triunfal de medio punto, apoiado sobre columnas con capiteis vexetais, algúns con caras humanas. Polo exterior, atópanse varios canzorros no beiril. O edificio debeu ser construído cara ao final do s XII.

Máis >
Lousadela, Santo Estevo de

Igrexa parroquial situada en Sarria. De estilo románico, ten planta e ábsida rectangulares e posúe un arco triunfal de medio punto con capiteis historiados con homes e animais. Destaca o retablo do s XVIII.

Máis >
Riobó, San Martiño de

Igrexa parroquial situada en Cabana de Bergantiños. Conserva un arco triunfal románico con columnas grosas e capiteis con ornamentación vexetal, e un retablo barroco, de estilo compostelán, que data do s XVIII. Ademais acolle os sepulcros do s XVII de Lorenzo Bermúdez de Castro e a súa dona María de Leis.

Máis >
Doncos, Santiago de

Igrexa parroquial situada nas Nogais. Fundada polo conde de Ayala e Monterrey en 1610, sufriu o asalto dos franceses en 1809. De planta rectangular, ten unha nave, con cuberta a dúas augas, e un presbiterio de maior altura cuberto cunha bóveda de aresta. O retablo maior é neoclásico cunha imaxe de Santiago peregrino. Conserva unha capela lateral, realizada segundo unha inscrición no ano 1628, cun arco rebaixado, unha bóveda de canón e cun retablo barroco con columnas salomónicas.

Máis >
Manín, San Salvador de

Igrexa parroquial situada en Lobios. Na súa orixe estivo en Aceredo, na parroquia de Manín. Non obstante , a causa da construción dun encoro, foi trasladada ata o lugar de Compostela, na mesma parroquia. Puido ser mandada facer polo abade Manuel de la Llana cara a 1764, en estilo barroco. Ten planta de cruz latina e presenta unha torre de planta cadrada na fachada, que forma un pórtico sostido por dúas columnas. Cómpre destacar o retablo, con escultura en relevo, e o sagrario con diversas imaxes de santos.

Máis >
Loading