Goiás, San Miguel de

Goiás, San Miguel de

Igrexa parroquial situada en Lalín. De orixe románica, da primitiva fábrica (XII) só conserva a fachada principal, a nave e as capelas laterais son posteriores. No interior destaca o arco triunfal, de medio punto e apoiado sobre columnas pegadas con capiteis decorados con motivos vexetais e bases toscanas; a capela dos Deza (s XVI), de planta poligonal no interior e semicircular no exterior, acolle baixo arcosolios os sepulcros dos Salgado, dos que destaca a estatua orante de Amaro Gundín Salgado; e outra capela funeraria relacionada cos Casares. Na fachada destaca a porta formada por dous pares de columnas acobadeladas e tres arquivoltas tóricas. O tímpano é liso e presenta un oco no centro. Conserva a espadana e no muro S unha porta semicircular de dobre arquivolta.