Cerdeda, Santa María de
Igrexa parroquial situada en Taboada. Construída contra o 1170 en estilo románico, consta dunha nave e dunha ábsida rectangular. O arco triunfal é de medio punto, peraltado e dobrado, a rosca menor apóiase nun par de columnas entregadas con bases áticas e capiteis con decoración vexetal e figurada: na esquerda asoma unha figura antropomorfa de entre follas, no lado S aparecen dúas aves enfrontadas picando nun obxecto situado no medio delas e en cada cara lateral está representado un cuadrúpede. O arco maior ten molduras con boceis e medias canas e cínguese por unha chambrana de billetes. No exterior destaca a colección de canzorros que sosteñen o beiril, especialmente os do muro N da nave, con figuras humanas e animais. No interior consérvanse tamén dúas pías bautismais antigas.