Temas

San Xusto da Repostería, igrexa de

Igrexa parroquial situada en Palas de Rei. Construída en estilo románico foi reconstruída no s XIII e reformada no XVIII. Ten nave e presbiterio de planta rectangular, a este uníuselle unha sancristía de planta cadrada. No interior destaca a pía de auga bendita, erixida sobre un piar, de forma rectangular e que presenta na parte inferior unhas molduras lisas, agás na cara frontal, en que se esculpiron unhas bólas.

Más >
Cameixa, San Martiño de

Igrexa parroquial situada en Boborás. De orixe románica, en 1808 engadíuselle un corpo con remate de espadana á fachada principal e un receptáculo, hoxe sancristía, na fachada norte. Na portada sobresaen dous pares de columnas acobadadas con capiteis vexetais; sobre o ábaco sitúase unha imposta. A porta é unha arcada semicircular rodeada por unha decoración con billetes e con tímpano liso. A fachada sur é de estilo bizantino. Foi declarada Ben de Interese Cultural.

Más >
Mundil, Santa María do

Igrexa parroquial situada en Cartelle. Realizada entre 1788 e 1791, ten unha planta basilical con tres corpos e presenta varias etapas construtivas. No primeiro tramo ten unha bóveda de canón e no segundo unha bóveda de cruzaría coa data de 1878 na cúpula. A capela maior tamén ten bóveda de cruzaría co acceso ás capelas mediante arcos apuntados. No interior conserva unha figura dun Xesús Cristo de finais do s XVI e o retablo maior neoclásico do s XVIII. Na fachada, de estilo barroco, destaca unha torre con dous corpos. Os días 21 e 22 de agosto celébrase unha popular romaría nos seus arredores.

Más >
Coruña, Santiago da

Igrexa parroquial situada na Coruña. Asentada probablemente sobre un templo ou necrópole romana, construíuse no 1218, aínda que experimentou importantes reformas entre os ss XV e XVII que modificaron a súa planta. En 1779 derrubouse a súa cuberta como consecuencia dun incendio. Ten planta de salón con tres ábsidas románicas que se comunican coa nave por medio de arcos de medio punto. A cuberta da nave é de madeira a dúas augas e apóiase sobre arcos faixóns apuntados; as ábsidas cóbrense, agás a da Epístola, con bóveda de canón, e conserva o coro aos pés. De orixe románica son a portada lateral, cun agnus dei no tímpano, e a portada principal, coas figuras de san Marcos e san Xoán nas xambas, que acusan a influencia do Pórtico da Gloria, e coa figura do Apóstolo Santiago a cabalo (s XVI) no tímpano. No s XVII construíronse a torre, a capela de San Xosé e a sancristía. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1972.

Más >
Riobó, San Martiño de

Igrexa parroquial situada na Estrada. De estilo románico e datada no s XII, ten unha soa nave e ábsida semicircular, cuberta con bóveda de canón e de cuarto de esfera no tramo curvo. No exterior presenta dúas semicolumnas que dividen a ábsida en tres vans, no central ábrese unha fiestra semicircular. A porta principal ten os arcos semicirculares en aresta apoiados en columnas e xambas.

Más >
Lalín, San Martiño de

Igrexa situada en Lalín. En orixe foi un mosteiro dúplice fundado en 980 por Arias Peláez, bispo de Mondoñedo. A súa sobriña, a condesa Adosinda Gudesteiz, doouno en 1019. Posteriormente foi un cenobio feminino e despareceu a principios do s XV. A igrexa pertence á tipoloxía do románico rural da segunda metade do s XII cunha soa nave e ábsida rectangular. A ábsida presenta unha ventá románica con chambrana de billetes e beiril con canzorros. Na portada principal destacan as arquivoltas, apoiadas en sinxelas columnas, e o tímpano liso. A porta N ten un tímpano semicircular. A porta S comunicaría coas dependencias monacais, hoxe desaparecidas. Consérvase o campanario románico, rematado cun Agnus Dei.

Más >
Pexegueiro, San Miguel de

Igrexa parroquial situada en Tui. Datada en época medieval (s XII), pertencía a un antigo mosteiro xa desaparecido. Do templo medieval consérvase a nave. Na fachada occidental destacan tres arquivoltas de directriz semicircular con xambas e columnas monolíticas cos capiteis decorados. A portada norte ten capiteis decorados e a do sur posúe unha chambrana de billetes.

Más >
Castro, San Miguel do

Igrexa situada na Estrada. Construída a finais do s XII e principios do s XIII, conserva a ábsida románica rectangular. O arco triunfal de medio punto é dobrado e sostense en dúas columnas con bases áticas e capiteis vexetais moi sinxelos e con pomas .

Más >
Loading