Castelo, Santa María do
Igrexa parroquial situada en Taboada. De estilo románico, foi constituída no s XIII aínda que xa existía como freguesía desde o s VIII. No interior destaca o arco triunfal, dobrado e lixeiramente apuntado, co arco menor dividido en pequenos casetóns, lisos ou con sinxela decoración xeométrica. A decoración dos capiteis é vexetal. Consérvanse pías de auga bendita decoradas con rostros humanos. A porta principal ten dobre arquivolta de medio punto, a maior delas co mesmo tipo de casetóns que aparecen no arco triunfal, motivo que se repite tamén na porta sur; en ambos os dous casos os capiteis son de follas moi estilizadas. O tímpano da porta oeste ten tres arquiños cegos e, sobre eles, unha cruz flanqueada por dous elementos vexetais que rematan en forma de voluta. No testeiro da ábsida hai unha ventá que presenta unha rica e inusual ornamentación, con casetóns no arco e columnas con capiteis decorados con aves enfrontadas.