Temas
Igrexa medieval de tradición románica, situada na parroquia homónima do concello de Boiro, construída nos primeiros anos do século XIII. Mestúranse nela elementos románicos cos propios do estilo gótico. É interesante a colección de canzorros dos beirís da nave e da ábsida, algúns deles figurados.
Igrexa parroquial situada en Carballedo. Ten nave rectangular románica do s XII e presbiterio recto de estilo renacentista. No s XVI reformouse a capela maior e variou a súa planta. Na fachada principal ten dúas arquivoltas e tímpano debuxado.
Igrexa parroquial situada en Castro de Rei. Construída no s XVII, ten planta rectangular de nave única con cuberta de madeira a dúas augas. No seu interior destaca o retablo maior neoclásico (s XVIII), con imaxes de san Pedro, san Xosé e Santiago, un retablo renacentista (s XVII), con imaxes de santo Antonio e santa María, e un altorrelevo de Deus Pai. No exterior, destaca a espadana dun van.
Igrexa románica situada na serra de Santa Eufemia (Lobios). Nela apareceu unha estela circular do s X, que procedía da necrópole altomedieval do Campelo. Está decorada con figuras xeométricas que poden representar o sol.
Igrexa parroquial situada en Pantón. Construída no s XVII, conserva elementos de épocas anteriores e sufriu importantes reformas. Consta de dúas naves de planta rectangular, unha delas engadida no s XVIII, presbiterio e sancristía. No interior destaca un retablo barroco que cobre o testeiro e outro lateral de finais do s XVIII. Na fachada destaca un ollo de boi no frontispicio.
Igrexa parroquial situada en Carballo. Construída entre os ss XVII e XVIII en estilo barroco, ten planta de cruz latina con capelas laterais. A nave está dividida en tramos e está cuberta cunha bóveda de canón erixida sobre arcos faixóns. O cruceiro cúbrese cunha cúpula rematada en lanterna. A fachada principal está enmarcada por catro pilastras xigantes que sustentan un friso. Sobre a porta ábrese unha fornela coa imaxe da Virxe. Remata nun frontón circular e nunha torre-campanario de dous corpos: o inferior formado por catro arcos de medio punto e o superior pechado cunha pequena cúpula de media laranxa rematada nun pináculo.
Igrexa parroquial situada en Dozón. Durante a Idade Media vinculouse ao cercano mosteiro de San Pedro de Vilanova. De estilo gótico, construíuse a finais do s XIII ou principios do XIV. Da obra medieval consérvase a portada occidental e os catro primeiros metros da nave dende os pés. A portada principal é abucinada e presenta dous arcos apuntados moldurados que descansan sobre dous pares de columnas con capiteis lisos e bases áticas. O tímpano non se conserva. Nos muros laterais hai dúas ventás abucinadas cara ao interior, unha por cada lado, e varios canzorros de proa cóncavos que sosteñen un beiril adornado con pequenas follas rematadas en pomas. No resto da construción predominan os elementos barrocos.
Igrexa situada en Ribadavia. Estivo baixo a advocación de san Xes e atopábase no recinto do castelo dos condes de Ribadavia ata que se trasladou ao barrio xudeu. No s XIV o bispado de Tui cedeulla ao mosteiro de San Salvador de Celanova e a partir de 1486 comezou a coñecerse co nome actual. De estilo barroco, ten unhas dimensións considerables e foi modificada no s XVIII cando se reconstruíu a capela maior, e en 1826, momento no que renovou a fachada e se construíu a cornixa e a torre.
