Siria, Igrexa
Igrexa formada arredor do patriarca de Antioquía. A parte que se atopaba nos límites do imperio persa e se separou xuridicamente en 424 formou a Igrexa Persa, Igrexa Asiria ou Igrexa Nestoriana. O resto, correspondente á parte occidental do patriarcado, rexeitou o Concilio de Calcedonia (451), manténdose sempre no monofisismo, fronte á facción que seguiu as directivas imperiais e aceptou Calcedonia, polo que foi chamada melquita. Outra comunidade eclesiástica pertencente ao tronco común da Igrexa Siria é a maronita. A Igrexa Siria ou siroantioquena chámase tamén xacobita, polo nome do seu reorganizador Xacobe Baradai (?-578). No s XVII diversos grupos da Igrexa Siria uníronse a Roma conservando o rito sirio e cun patriarcado propio, tamén titular de Antioquía. A Igrexa Siria renovouse nun sentido ecuménico: a xacobita procurando un achegamento ás outras monofisitas e unhas mellores relacións cos sirios católicos, e estes tomando máis conciencia do seu carácter oriental non latino.