León, San Isidoro de

León, San Isidoro de

Igrexa románica situada en León. No lugar houbo un mosteiro, que foi derrubado polas incursións de Almanzor no s X. A nova construción sobre a basílica do mosteiro comezouna o Rei Fernando I o Grande no s XI baixo a advocación de san Xoán. O Panteón Real foi a primeira parte construída, con planta cadrada e dúas alturas. O piso inferior ten seis bóvedas sostidas por dúas columnas e está decorado con frescos románicos de finais do s XII. Represéntanse escenas bíblicas inspiradas nos labores da vida cotiá, na Apocalipse e na vida e Paixón de Xesús Cristo; tamén se atopan signos do zodíaco, e un calendario coas faenas propias de cada estación do ano. En 1063 a igrexa recibiu os restos de santo Isidoro de Sevilla, e cambiou a advocación inicial. Urraca, filla de Fernando I, promoveu a ampliación en estilo románico. No s XII retomáronse as obras e construíuse a igrexa nova, proxectada por P. Deustamben, que foi consagrada no reinado de Afonso VII en 1149. Ten planta de cruz latina con tres naves, e transepto non acusado en planta. No cruceiro ten catro arcos torais, algúns deles polilobulados de influencia islámica, e a cabeceira é de tres ábsidas con capelas laterais semicirculares. A escultura ocupa un lugar destacado con capiteis decorados con figuras espidas ou pelexas de animais. Destacan o tímpano da Portada del Cordero e o da Portada del Perdón, coa representación máis antiga en España da Crucifixión e a Ascensión.