Cova, San Martiño da
Igrexa parroquial situada no Saviñao. Pertenceu a un mosteiro de cóengos regulares de santo Agostiño do s XII, data de construción da igrexa. Consérvanse algúns documentos medievais que nomean o prior da Cova. Foi unha das dignidades da catedral de Lugo (1728-1824). O templo ten planta rectangular, cunha soa nave con cuberta de madeira e unha ábsida con dous tramos, o recto cuberto con bóveda de canón apuntado e o semicircular con bóveda de cuarto de esfera. No tramo recto consérvanse pinturas murais que representan a Trindade. O arco triunfal é apuntado. No interior, consérvanse retablos dos ss XVII e XVIII. A portada principal está formada por un arco de medio punto con dúas arquivoltas de moldura, que se apoian en columnas de bases áticas, fuste liso e capiteis vexetais. O tímpano non presenta decoración.