Burgo, Santiago do
Burgo, Santiago do
Igrexa parroquial situada en Culleredo. Antigo Burgo do Faro, confundíase en moitas ocasións coa propia cidade da Coruña. Está presente en documentos de 1160 e 1161 polos que Fernando II doa a igrexa ao arcebispo de Santiago, e nun texto de 1181 polo que é doada ao mosteiro de Sobrado. Da primitiva fábrica románica conserva a cabeceira de tres ábsidas, á que se accede por medio de tres arcos triunfais de medio punto peraltado apoiados en columnas entregas con capiteis de tipo compostelán. Está cuberta por bóvedas de canón e de forno. Probablemente, a primitiva planta fose de tres naves pero foi reformada no s XVIII e semella una cruz latina dunha soa nave e outra no cruceiro.