Castro, Santa Baia de
Castro, Santa Baia de
Igrexa situada en Coristanco. De construción barroca, data de 1736 segundo consta nunha inscrición da fachada. En 1765 engadíuselle a sancristía. O interior ten unha soa nave con cuberta de madeira. A fachada articúlase en dous corpos e, a ambos os dous lados da porta de acceso sitúanse, no corpo inferior, as imaxes de san Francisco e santo Antón, e no superior, as de santa Clara e santa Bárbara. Sobre a porta localízase a imaxe de santa Baia. O conxunto remata cun frontón partido, coroado por unha cruz. No lateral esquerdo da fachada está a torre campanario, de planta cadrada e cuberta por unha bóveda.