Período do Mesolítico que toma o seu nome do depósito arqueolóxico de Mas d’Azil (Francia). Ten o seu centro xeográfico nos Pireneos Atlánticos e espállase polo litoral cantábrico e polo sur de Francia, alcanzando os Alpes Occidentais. Deriva claramente do Madalenense ao que se superpón sen solución de continuidade. En Francia a transición prodúcese durante a oscilación de Alleröd, aínda que a cronoloxía varía nas rexións periféricas. Na industria lítica obsérvase unha tendencia xeral á redución de tamaño dos tipos e unha acentuada decadencia do instrumental óseo e da arte, tanto moble como rupestre. Non obstante, o seu fósil director é un arpón aplanado en óso, xeralmente cunha única ringleira de dentes e cunha perforación na base da peza en forma de ollal. Existen, aínda que sexan pouco frecuentes, azagaias e algúns obxectos de adorno, sobre todo, colgantes naturais fabricados con dentes ou cunchas. Outro elemento característico son os seixos con pintura máis ou menos abstracta,...