Azilense
Período do Mesolítico que toma o seu nome do depósito arqueolóxico de Mas d’Azil (Francia). Ten o seu centro xeográfico nos Pireneos Atlánticos e espállase polo litoral cantábrico e polo sur de Francia, alcanzando os Alpes Occidentais. Deriva claramente do Madalenense ao que se superpón sen solución de continuidade. En Francia a transición prodúcese durante a oscilación de Alleröd, aínda que a cronoloxía varía nas rexións periféricas. Na industria lítica obsérvase unha tendencia xeral á redución de tamaño dos tipos e unha acentuada decadencia do instrumental óseo e da arte, tanto moble como rupestre. Non obstante, o seu fósil director é un arpón aplanado en óso, xeralmente cunha única ringleira de dentes e cunha perforación na base da peza en forma de ollal. Existen, aínda que sexan pouco frecuentes, azagaias e algúns obxectos de adorno, sobre todo, colgantes naturais fabricados con dentes ou cunchas. Outro elemento característico son os seixos con pintura máis ou menos abstracta, enormemente frecuentes no depósito arqueolóxico de Mas d’Azil, que ás veces forman parte de enxovais funerarios, como sucede no depósito asturiano de Los Azules. En Galicia a transición entre o Madalenense final e o Azilense detéctase tamén durante a oscilación de Alleröd nos depósitos arqueolóxicos de Pena Grande e Prado do Inferno, ambos na Terra Chá; xa nas primeiras fases do Holoceno posuímos referencias de poboamento Azilense en Pena de Xiboi (Lugo).