Concello da comarca da Mariña Occidental, situado ao N da Comunidade Autónoma de Galicia e ao NO da provincia de Lugo ( 43° 34’ 2” de latitude N e 8° 21’ 19” de lonxitude O). Limita ao N cos concellos do Vicedo e Viveiro (comarca da Mariña Occidental), ao L co do Valadouro (comarca da Mariña Central), ao S co de Muras (comarca de Terra Chá) e ao O co de Mañón (comarca de Ortegal). Abrangue unha superficie de 145,4 km 2 en que acolle unha poboación de 1.273 h (2007), distribuída nas parroquias de Ambosores, Bravos, Merille, Miñotos, Ourol, San Pantaleón de Cabanas, O Sisto e Xerdiz. A súa capital é o lugar de Ourol, situada na parroquia homónima. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Viveiro. Xeografía física O concello sitúase na transición entre as superficies de aplanamento que caracterizan a Terra Chá e as topografías baixas e suaves da Mariña Lucense. A altitude media descende claramente desde o límite meridional,...