Ourol
Concello da comarca da Mariña Occidental, situado ao N da Comunidade Autónoma de Galicia e ao NO da provincia de Lugo ( 43° 34’ 2” de latitude N e 8° 21’ 19” de lonxitude O). Limita ao N cos concellos do Vicedo e Viveiro (comarca da Mariña Occidental), ao L co do Valadouro (comarca da Mariña Central), ao S co de Muras (comarca de Terra Chá) e ao O co de Mañón (comarca de Ortegal). Abrangue unha superficie de 145,4 km 2 en que acolle unha poboación de 1.273 h (2007), distribuída nas parroquias de Ambosores, Bravos, Merille, Miñotos, Ourol, San Pantaleón de Cabanas, O Sisto e Xerdiz. A súa capital é o lugar de Ourol, situada na parroquia homónima. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Viveiro.
Xeografía física
O concello sitúase na transición entre as superficies de aplanamento que caracterizan a Terra Chá e as topografías baixas e suaves da Mariña Lucense. A altitude media descende claramente desde o límite meridional, en contacto coa serra do Xistral, cara ao val do río Landro, que na súa desembocadura forma a ría de Viveiro. Pero este descenso non se produce de forma homoxénea en todo o territorio. No sector occidental sucédense pequenas elevacións en dirección SSO-NNL, con altitudes máximas que van paulatinamente descendendo desde os 700 m ata os 400 m. As principais elevacións do terreo alcánzanse no sector suroriental, no límite co concello de Muras, onde de L a O se atopan, cumios de entre 900 e 700 m. No interior destaca Penaventosa de 559 m de altitude, próximo ao límite setentrional do concello, como un relevo residual nunha área de baixa altitude. Os vales discorren entre os 200 e os 100 m. En canto ao clima, a influencia do relevo e a proximidade do mar definen un tipo oceánico húmido, con abundantes precipitacións e temperaturas suaves todo o ano. Recóllense máis de 1.500 mm cun réxime de máximos invernais e mínimos no verán, pero sen chegar a rexistrar ningún mes de aridez. A temperatura media anual oscila ao redor dos 14°C, do que agosto é o mes máis cálido, cunha temperatura media por riba dos 20°C, e xaneiro o máis frío, cunha temperatura media que non baixa dos 9°C. A amplitude térmica media sitúase nos 11°C, e reflicte a influencia estabilizadora do océano. A rede hidrográfica, cunha dirección SSO-NNL, está formada polos ríos Sor, Nogueira de Bravos, Grandal, Xanceda e Landro. O río Balsadas percorre o límite nororiental do concello en sentido L-O e o Besteburiz atravesa en dirección SL-NO. A vexetación clímax de carballos, castiñeiros e bidueiros sufriu unha intensa degradación e foi substituída por especies como o piñeiro e o eucalipto. Prolifera a vexetación arbustiva de breixos, toxeiras, xesteiras e queirogais, que está intercalada con áreas de cultivo e monte alto.
Xeografía humana
A evolución demográfica ao longo do s XX experimentou dous períodos de características diferenciadas. A primeira, que abrangue as catro primeiras décadas, defínese polo estancamento poboacional. Ourol comezou o s XX con 5.720 h e rexistrou en 1940 5.522 h. Pero a partir do censo seguinte a poboación abandoou o concello a un ritmo superior ao 1,4% anual, desde os 5.034 h rexistrados en 1950 ata os 1.445 h de 2001 e os1.273 h de 2007. O crecemento natural (2006) é negativo (-11,9‰) froito dunha baixa natalidade (4,2‰) e unha alta mortalidade (16,1‰). Esto reflictese nunha estrutura demográfica caracterizada polo seu marcado avellentamento. O 7,5% da poboación ten menos de 20 anos, mentres que os maiores de 65 supoñen o 48,2%; o grupo intermedio é o 444,3%. A composición por sexos está equilibrada: 50,58% mulleres e 49,41% homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade sitúase no 37,8% (44,7% a masculina e 31,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,8% (38,9% a masculina e 27,2% a feminina); e a taxa de paro sitúase no 13,1% (12,8% a masculina e 13,5% a feminina). A base económica son as actividades agropecuarias, xa que o 45,2% está dedicada ao sector primario, fronte a un 10,1% na industria, un 9,7% na construción e un 35,1% nos servizos. O censo agrario (1999) reflicte un sector pouco evolucionado, cun marcado minifundismo. Das 8.073 ha que conforman o total das explotacións, unicamente o 1,4% están labradas. As terras para pastos teñen maior peso con 1.678 ha, e sobre todo as de explotación forestal, que ocupan 3.916 ha, principalmente dedicadas a plantacións de eucaliptos. Na cabana gandeira destacan o bovino, criado de forma extensiva, e de forma máis peculiar o gando equino. O 41,4% dos propietarios das explotaciós agrícolas teñen máis de 65 anos, e o 71% máis de 55. O sector secundario apenas ten relevancia, aínda que noutros tempos a actividade relacionada coas minas de ferro e as ferrarías marcaron a vida de moitos asentamentos. O sector terciario redúcese ao persoal da administración local e algúns establecementos comerciais de distribución de alimentos e bebidas. A vía principal de comunicación que atravesa Ourol é a AC-640, que comunica directamente con Viveiro e Betanzos, e conecta coa AC-641, por Vilalba, coa capital provincial.
Historia
Os primeiros vestixios de poboamento en Ourol proceden, como noutros moitos puntos de Galicia, da cultura megalítica e castrexa. A presenza romana documéntase cos escritos de Claudio Ptolomeo, que fala dun poboamento na zona, ademais das aras romanas atopadas. Durante a Idade Media pertenceu á xurisdición do bispo de Mondoñedo, a excepción de Xerdiz, que formaba parte doutro couto, e a partir do s XIV pasou a depender da vila de reguengo de Viveiro. Coa división municipal de 1835 as parroquias de Ourol repartíronse entre os concellos de Viveiro e Galdo. En 1840 creouse o concello de Ourol ao desaparecer o de Galdo e incorporarse parte das parroquias do concello de Viveiro a Ourol. Desde 1845 case non sufriu variacións, a excepción da incorporación das parroquias de Ambosores e O Sisto.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas parroquiais de Santiago de Bravos (ss XVI-XVII), Santa Eulalia de Merille (ss XVII-XVIII), San Pedro de Miñotos (s XVIII) e Santa María de Ourol (s XVIII). En arquitectura civil destacan os pazos da Ferrería en Bravos (ss XVI-XVII) e o do Carme en Miñotos (ss XVII-XVIII). A construción de diversos edificios de estilo colonial polos indianos manifestaron a importancia que a emigración tivo desde o s XIX neste concello. Das súas festividades destacan o Corpus Christi, celebrado en Ourol, a festa de santo Antonio en Xerdiz, a festa patronal de Santiago en Bravos e a romaría popular celebrada no santuario de Fátima, en Bravos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Mariña Occidental, A |
| Extensión | 142 Km2 |
| Poboación Total | 1273 h |
| Poboación Homes | 629 h |
| Poboación Mulleres | 644 h |
| Densidade de poboación | 8.96 h/Km2 |