chumaceira

chumaceira

(< chumazo)

  1. s f [TECNOL]

    Peza metálica en forma de anel ou de argola que fai de soporte para a árbore, tamén metálica, que xira no seu interior, xeralmente composta dunha caixa e da chumaceira propiamente dita. Os principais tipos de chumaceiras son as de fregamento e as de rodamento. Nas primeiras, a árbore xira fregando a superficie lubrificada da chumaceira, que actúa amortecendo as oscilacións, os golpes e os ruídos; estas chumaceiras están revestidas interiormente dun material antifricción (metal branco, bronce, metal lixeiro, etc). Segundo a dirección do esforzo, as chumaceiras son de impulso transversal ou de impulso lonxitudinal. Nas chumaceiras de rodamento, chamadas impropiamente rodamentos, a árbore xira conxuntamente co anel que leva ensamblado, mentres que un número determinado de elementos (bólas, roletes, barriletes ou agullas) rodan sobre a superficie exterior deste anel ou sobre a superficie interior doutro anel axustado exteriormente á caixa ou soporte. Para aplicacións pequenas e velocidades grandes, as máis adecuadas son as de bólas; para aplicacións maiores, sometidas a grandes cargas, as máis aceptables son as de barriletes; se as cargas axiais son importantes e as velocidades son elevadas, convén empregar chumaceiras ríxidas ou dunha soa ringleira de bólas con contacto angular; se hai cargas combinadas, como nos automóbiles, é vantaxosa a aplicación de chumaceiras con roletes cónicos, que son desmontables; e cando hai que absorber golpes a velocidade pequena, son apropiadas as chumaceiras de agullas. As vantaxes das chumaceiras de rodamento sobre as chumaceiras de fregamento son moi numerosas: a resistencia ao iniciar o movemento (frición) é moi inferior, a lubrificación é moi simple, con cargas iguais, o quentamento é menor, etc; sen embargo, son máis ruidosas que as de fregamento.

  2. s f [ETN]

    Cada unha das pezas de madeira, colocadas na parte de abaixo do carro, entre as que se encaixa o eixe.

    Sinónimos: chanteira, chumaceiro, chumazo.
  3. s f [MAR]

    Táboa de madeira pequena colocada no bordo das embarcacións e na que se chanta o tolete.

    Sinónimos: chumbaceira.

Palabras veciñas

chulear | chulería | chulo -la | chumaceira | chumaceiro | Chumacero, Alí | chumadeiro