2 chumbeira
(< 2 chumbo)
Crasulácea do xénero Opuntia da familia das cactáceas. Está provista dun talo que pode acadar os 8 m de altura, que pode ser espiñento, dividido en artellos elipsoides e sen follas, ou cilíndrico e coas follas longas, estreitas e cilíndricas. As flores aparecen directamente inseridas sobre a parte alta dos talos e son hermafroditas e actinomorfas, cun cáliz verdoso, con numerosos pétalos libres e coloreados, un estilo central e numerosos estames de cor amarela. Os froitos, ou figos chumbos, son bagas ovoides de ata 10 cm de lonxitude, dos que se consome o mesocarpo carnoso logo de desfacerse do pericarpo de cor púrpura que presenta pequenas espiñas. Con estes froitos, logo de fermentalos, obtense en América a bebida alcohólica cotonche. Os froitos e os talos das chumbeiras empregáronse na medicina popular polas propiedades antiinflamatorias, astrinxentes e analxésicas que proporcionan os etanois que forman parte da súa composición. As chumbeiras son orixinarias de zonas desérticas de México e do S dos EE UU, onde poden formar pequenos bosques. As especies máis comúns son: O. ficus-barbarica, de flores de cor amarela de ata 10 cm de diámetro, froitos en baga comestibles, amplamente cultivada dende antigo, primeiro nas Islas Canarias, logo na Península Ibérica e máis tarde en moitos países de clima mediterráneo. Tamén se utilizou para manter chinches homópteras da especie Dactylopius coccus, empregadas para obter unha tintura de cor vermella escura coa que se lle daba cor a teas ou alimentos como os iogures de morango; O. vulgaris, de artellos duns 30 cm de longo, aréolas con pelos espiñentos de cor acastañada e cunha soa espiña de cor rubia, froitos sen espiñas, que procede do L dos EE UU; O. polyacantha, de artellos de contorno arredondado duns 10 cm e aréolas con ata 8 espiñas de ata 25 mm de lonxitude e de cor acastañada; o froito é seco e espiñento duns 2 cm de longo, tamén de orixe norteamericana; O. microdasys, de artellos de ata 15 cm de longo, sen espiñas e con pelos gloquidiais de cor amarela, os froitos carnosos son de cor vermella escura, orixinaria de México; O. rufida, de artellos elipsoides de ata 12 cm, sen espiñas e pelos gloquidiais vermellos, froito carnoso e de cor vermella, orixinaria de Texas e México; O. subulata, de talo cilíndrico duns 10 cm de diámetro de ata 4 m de altura, aréolas de cor branca e con poucos pelos gloquidios e xeralmente con dúas espiñas de cor acastañada de ata 8 cm de longo, froitos de ata 10 cm de longo e de cor verde, orixinaria do S de Perú; e O. salmiana, de talo cilíndrico de ata 2 cm de diámetro, algo rastreiros, de ata 2 m de longo e con aréolas de ata 3 espiñas duns 2 cm de longo.