ciceronismo

ciceronismo

(< antropónimo Cicerón)

s m [LIT]

Preceptiva estilística e retórica defendida como modelo compositivo de discurso por Cicerón. A mediados do s I a C, practicábanse en Roma dous estilos oratorios: o estilo asiánico, predominante na primitiva arte oratoria romana, empregado por Hortensio e polo propio Cicerón nos seus comezos, que buscaba impresionar o auditorio mediante a expresión exuberante e conceptuosa; e o estilo aticista, que postulaba a sinxeleza do discurso, e propoñía como modelo a Lisias. Cicerón desmarcouse de ambas as dúas correntes e concibiu unha retórica propia que esixía como ideal oratorio o dominio dos tres xéneros estilísticos: o sinxelo, o moderado e o opulento, adecuados a distintas situacións discursivas. O estilo ciceroniano caracterízase polos períodos amplos onde a secuencia principal se interrompe por continuas subordinacións que incrementan a complexidade do texto. A súa obra teórica, así como a práctica dos seus discursos, tivo enorme influencia na prosa latina posterior e orixinou tanto imitacións como reaccións opostas. No Renacemento foi o modelo compositivo máis admirado, desprazado posteriormente polo estilo de Tácito e Séneca, ata o s XVIII, no que recuperou a súa influencia.

Palabras veciñas

Cicerón, Marco Tulio | cicerone | ciceroniano -na | ciceronismo | cicha | cichafontes | cichar