cidadán -dá
(< cidade)
-
adx
Relativo ou pertencente á cidade ou aos seus habitantes.
Ex: A vida cidadá ofrece as comodidades propias da sociedade do benestar. A colectividade cidadá opúxose ás novas medidas municipais.
Antónimos: rural. -
s
[HIST]
Membro da comunidade política constituída pola cidade ou o Estado con diversas obrigas, como as militares e impositivas, unidas ao dereito de participación efectiva na administración pública. As orixes deste termo remóntanse á cultura grega, á polis, na que o dereito a formar parte dese grupo de privilexiados se obtiña por nacemento. Nos primeiros tempos da cidade de Roma a condición de cidadán, cos seus dereitos inherentes, estaba limitada aos membros varóns das familias que constituían unha gens. Durante a República, o título de cidadán estendeuse a un grupo máis numeroso da poboación que, xunto cos tradicionais dereitos á patria potestas ou ó culto familiar, adquiriu o dereito e a obriga á defensa armada da comunidade e á participación na actividade pública. O cidadán opúñase aos outros habitantes (escravos, metecos, hospites) que non gozaban de dereitos políticos. No Imperio (212 d C) o termo baleirouse de contido e a cidadanía estendeuse a todos os habitantes. Durante as invasións bárbaras e na época feudal acentuouse a transición iniciada durante o Imperio Romano e o cidadán converteuse nun simple súbdito, carente de dereitos. O crecemento dos municipios entre os ss XI e XIII supuxo a recuperación para o cidadán da participación activa na vida política, definida pola adhesión do individuo a un pacto xurado, polo que se obrigaba á defensa das murallas e á participación na milicia. A cambio, outorgábanselle os dereitos de intervir nas asembleas, aprobar leis, elixir e ser elixido para os cargos ou posuír inmobles. Durante a Idade Moderna converteuse nun súbdito da Coroa que carecía de dereitos e tiña que acatar unhas leis que non podía establecer. O concepto moderno de cidadán reflicte as ideas plasmadas polo ciclo revolucionario liberal, tanto en Europa coma en América. Durante a Revolución Francesa o significado político adquiriu unhas connotacións democráticas e republicanas, asociado coas ideas de liberdade e igualdade de todos os individuos ante a lei e oposto ideoloxicamente ao termo de súbdito. O cidadán, de sexo masculino, converteuse en coxestor da vontade colectiva en oposición ao subdito, suxeito pasivo das decisións do Estado. Este principio recolleuse na Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, aprobada pola Asemblea Nacional Francesa en 1789. O concepto desenvolveuse coa creación do Estado-nación liberal e coa eliminación das limitacións económicas e de xénero para adquirir esta condición durante o s XX. Modernamente, a condición de cidadán inclúe un conxunto de dereitos económicos e sociais.