Cidade do Cabo
[afrikaans: Kaapstad; ingl: Cape Town] Capital da provincia do Cabo e capital lexislativa da República Sudafricana, á beira do Atlántico, situada no extremo setentrional da península do cabo de Boa Esperanza (854.616 h [1991]), entre o monte Table e a bahía de Table. O crecemento urbano absorbeu as áreas suburbanas circundantes ata constituír unha grande aglomeración urbana (2.350.157 h [1991]). O seu porto é o máis importante de Sudáfrica e a industria está notablemente diversificada. Fundada en 1652 polo neerlandés Jan van Riebeeck, foi obxecto de disputas de ingleses e holandeses. Desde 1795 ata 1802 estivo baixo dominio británico, feito que se fixo definitivo no 1806. O primeiro Parlamento constituíuse en 1854. O desenvolvemento económico chegou coa concesión do primeiro ferrocarril, que unía a cidade con Wellington (1857). No 1909 foi sede da Convención nacional na que se aprobou a Constitución da Confederación da África Meridional Inglesa.