cilindro

cilindro

(

  1. s m [MAT]

    Corpo limitado por unha superficie cilíndrica e dous planos paralelos que a cortan. As superficies intersecadas nestes planos son as bases, e a distancia entre os planos, a altura do cilindro. Os segmentos da superficie cilíndrica entre as dúas bases, paralelos ao eixe da superficie, son as xeratrices. Se os planos son perpendiculares ás xeratrices é un cilindro recto; pero se non o son, é un cilindro oblicuo; se se corta o cilindro por un plano non paralelo á base obtense un cilindro truncado; e se as bases dun cilindro recto son dous círculos, trátase dun cilindro de revolución.

  2. s m
    1. [GRÁF]

      Peza cilíndrica que forma parte de diversas máquinas empregadas en impresión, como elemento sustentador das pranchas ou moldes (nas rotativas tipográficas, nas máquinas offset, na impresión calcográfica, etc) ou como elemento de presión (nos antigos tórculos calcográficos, nas máquinas offset, nas máquinas tipográficas plano-cilíndricas, etc).

    2. [TECNOL]

      Peza metálica cun baleiro construtivo cilíndrico dentro do que se move un pistón (dun motor, dunha máquina de vapor, dun cilindro pneumático ou hidráulico, etc). Nos motores son xeralmente de fundición e, no caso dos motores policilíndricos arrefriados por auga, están agrupados nunha soa peza, o bloque motor, que ten no interior as canles por onde circula a auga. Nos motores arrefriados por aire, cada cilindro é independente e leva arredor aletas, entre as que circula o aire de arrefriado.

    3. [MÚS]

      Carrete de madeira ou de metal provisto de puntas ou de pugas que forma parte dalgúns instrumentos mecánicos, como o carillón ou a caixa de música.

    4. [TÉXT]

      Peza prismática dotada de movemento intermitente que -en diversas máquinas e mecanismos da industria téxtil, como as máquinas de lectura, os xogos de caixóns e as máquinas jacquard- arrastra o debuxo e o fai volver.

    5. Elemento cilíndrico que forma parte de moitas máquinas empregadas na industria, como as laminadoras, as calandras, as secadoras, as que se utilizan para acabados téxtiles, etc.

  3. s m [ALIM]

    Subproduto da moenda do arroz que se coñece tamén como fariña de cilindro.

  4. s m [INFORM]

    Superficie sobre a que están todas as pistas que se atopan á mesma distancia do centro nun disco de dúas caras. Nos discos duros, nos que hai como mínimo catro caras formadas por dous discos idénticos paralelos, o concepto de cilindro substitúe a miúdo ao de pista.

  5. cilindro central [BOT]

    Parte interior cilíndrica do talo, constituída axialmente polo durame e perifericamente pola albura. Dentro do cilindro central están incluídos os feixes condutores.

  6. cilindro de extrusión [XEOG]

    Forma volcánica constituída por unha gran masa cilíndrica de lava solidificada que ascendeu en estado viscoso pola cheminea do volcán en forma de agulla ou domo.

  7. cilindro selo [HIST]

    Pequeno cilindro de pedra, marfil ou barro vidrado, cunha perforación lonxitudinal e coa superficie gravada en oco, que se imprimía facéndoo rodar pola superficie de táboas finas de arxila aínda branda. Tiña un tamaño reducido, de 1 a 6 cm de lonxitude, que facilitou o seu emprego para asinar obxectos ou documentos. Orixinario do país de Sumer, onde apareceu ao principio do III milenio a C, pasou a Siria e Palestina, e chegou ao Val do Nilo na época predinástica. Na Antigüidade empregárono tamén os hititas e os cretenses ata o s XIII a C.

  8. cilindro urinario [PAT]

    Formación alongada, fina ou grosa e de lonxitude variable, que aparece no sedimento urinario. Segundo a súa composición, denomínanse cilindros céreos, epiteliais, granulosos, hemáticos, hialinos, etc.

Palabras veciñas

cilindrar | cilindricidade | cilíndrico -ca | cilindro | cilindro- | cilindroide | cilindroma