cilio

cilio

(< lat ciliu ‘pestana’)

  1. s m [BIOL]

    Prolongación citoplásmica de forma cilíndrica acuminada que emerxe da superficie de moitas células, tanto de seres unicelulares como pluricelulares animais ou vexetais. Os cilios adoitan ser numerosos e moi pequenos (5-15 μm de lonxitude e 0,1-0,3 μm de diámetro). A parte que emerxe, ou talo ciliar, continúa, dentro da célula, no mastigosoma e no rizoplasto asociado, profundamente estendido cara ao interior. O talo ciliar está recuberto pola membrana celular e a súa estrutura está constituída por nove túbulos periféricos e dous centrais recubertos por unha vaíña moi fina. A estrutura do mastigosoma é similar á do centríolo. Permiten os desprazamentos (en células libres) e a nutrición (captación e retención de partículas). Tamén transmiten impulsos do medio ao interior.

  2. s m [BOT]

    Cada un dos pelos ou apéndices filiformes que, en conxunto, forman unha franxa marxinal, como os que se dan na marxe dalgunhas follas.