cínfano

cínfano

(< lat scĭnĭphes oucĭnĭphes < gr σκνίψ ouκνίψ)

s m [ANIMAL/ENTOM]

Insecto da orde dos dípteros pertencente á familia dos culícidos ou á dos psicódidos, englobadas na suborde dos nematóceros. Os adultos presentan o corpo fino de entre 2 e 10 mm de lonxitude, patas longas e antenas de 15 artellos que nas femias son sinxelas e nos machos plumosas. Presentan o aparato bucal transformado nun peteiro que ás femias lles serve para zugar sangue dos vertebrados e conseguir así o suplemento enerxético necesario para dar lugar a ovos viables e aos machos para sorber néctar nas flores. Os ovos póñenos en masas de auga doce, de escasa ou nula corrente, e deles nacen unhas larvas acuáticas que se alimentan filtrando plancto e respiran na superficie atravesando a tona da auga cuns espiráculos. O ciclo de vida dura, dependendo das condicións, dende unha semana a un mes. Transmiten, especialmente os anófeles e os do xénero Culex, enfermidades aos animais e aos homes como a malaria, o dengue, a encefalite, a filariose, a mixomatose, a febre amarela, a febre dos tres días, a bartonelose, a leishmaniose e o kala-azar. Teñen unha distribución cosmopolita, aínda que a súa maior diversidade se encontra nas zonas tropicais.

Sinónimos