Cisma de Oriente

Cisma de Oriente

Ruptura entre o cristianismo latino e o cristianismo bizantino no s XI. O termo, inadecuado historicamente, mantense por tradición. A separación do Oriente e o Occidente cristiáns foi un proceso lento, continuo e complicado, que abrangueu dende o s IV ata o s XV. As diverxencias entre as igrexas latina e grega, comezaron a partir do s V, cando o papado se opuxo ás pretensións hexemónicas do patriarca de Constantinopla sobre Oriente (rexeitamento do Papa León I do canon 28 do Concilio de Calcedonia). A polémica foi continua e pasou por momentos de ruptura como a producida no 484, co motivo da aceptación pola igrexa oriental dunha fórmula dogmática de conciliación cos monofisitas, que Roma rexeitou. O cisma durou ata o 518. No s IX xurdiu un novo conflito polo nomeamento como patriarca de Constantinopla a Focio (858-867, 877-886) un xefe laico da Chancelería real. Mentres, desde Roma, Nicolás I (858-867) defendía a teoría do primado de Roma e reclamaba unha xurisdición universal, en Oriente afirmábase o poder do patriarca bizantino sobre a igrexa oriental. O patriarca e o papa atoparon un novo motivo de colisión no intento de evanxelización do pobo búlgaro polos enviados de Nicolao, que levou os bizantinos a ameazar co seu exército. Roma, obrigada pola situación de debilidade que atravesaba, cedeu e mantivo boas relacións cos bizantinos durante case un século. Mentres, a posición bizantina non foi de rexeitamento absoluto da primacía romana, pois profesaban a teoría dos “cinco patriarcados” (Roma, Constantinopla, Antioquía, Alexandría e Xerusalén) e recoñecían no papa un certo dereito de arbitraxe. No s XI, aos vellos motivos de discordia entre o patriarca bizantino e o papado, como o preito pola xurisdición da Iliria e do sur de Italia, engadiuse o enfrontamento entre os emperadores de Constantinopla e o papado, reforzado pola reforma gregoriana e a política centralizadora dos monxes cluniacenses. As diferencias no campo teolóxico estaban moi marcadas, en Bizancio dominaba unha teoloxía contemplativa orientada ao platonismo, mentres a teolóxica romana destacaba polo dogmatismo e a racionalidade. A conquista do sur de Italia por vasalos do papa, que León IX aproveitou para latinizar a liturxia nestas comarcas, e o apoio á revolta antibizantina encabezada por Meles no 1009 supuxeron un ataque ás posicións dos bizantinos e provocou o enfrontamento decisivo. O patriarca de Constantinopla, Miguel Cerulario, ordenou o peche das igrexas latinas da súa sé e suxeriulle ao bispo búlgaro León de Okhrid unha dura diatriba antilatina (1053). O cardeal Humberto de Moyenmoutier, enviado polo Papa León IX nunha embaixada a Constantinopla, polemizou contra o patriarca e os gregos. O resultado foi que ambos se excomungaron e, de seguido, produciuse a ruptura do patriarca de Antioquía, polo que se abriu o Cisma en 1054. A separación estendeuse aos patriarcas de Xerusalén e Alexandría co motivo das Cruzadas. O intento de restablecer a unión da Igrexa no 1274, cunha pasaxeira alianza política entre o Papa Gregorio X e o Emperador Miguel Paleólogo, supuxo un simulacro de reconciliación no Concilio II de Lyon, que se malogrou no primeiro cambio político (1282). O concilio unionista convocado en Ferrara (1438), e trasladado despois a Florencia, tampouco tivo moito éxito. Os clérigos e o pobo das igrexas de Oriente desentendéronse deste acordo e no 1443 a “reconciliación” xa se podía dar por rematada. No ano 1965 produciuse o levantamento mutuo das excomuñóns feito pola cabeza da Igrexa católica, Paulo VI e o xefe da Igrexa ortodoxa, Atenágoras I.

Palabras veciñas

1 cisma | 2 cisma | Cisma de Occidente | Cisma de Oriente | cismar | 1 cismático -ca | 2 cismático -ca