cisne

cisne

(< fr ant cisne < lat v*cĭcĭnu < lat cygnus < gr κψκνος)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave acuática do xénero Cygnus, pertencente á familia dos anátidos, de gran tamaño e plumaxe xeralmente branca, de cabeza pequena, pescozo moi longo e flexible, que mantén estendido mentres voa, alas de ata 2 m de envergadura e patas curtas e palmadas. Ten un voo potente e cando se despraza a longa distancia o bando disponse en formación lineal ou en V. Precisa dunha certa extensión de auga para levantar o voo, logo dunha breve carreira, e para amerizar. Vive en masas de auga doce e zonas litorais mariñas de pouco fondo. Aliméntase de plantas e pequenos animais, ao introducir o pescozo baixo a auga sen se mergullar, e tamén pode pacer en prados húmidos. Antes da cópula ten lugar unha danza nupcial, e as parellas adoitan manterse de por vida. Os polos mantéñense agrupados e os pais axúdanos a desprender vexetación do fondo para alimentarse. Algunhas especies foron domesticadas como aves ornamentais e introducidas en áreas distintas ás súas orixinarias.

  2. cisne grande [ANIMAL/ORNIT]

    Ave duns 152 cm de lonxitude que se caracteriza por ter a base do peteiro de cor amarela e a punta negra. Distribuído polo N da rexión paleártica, aniña en illas de lagos, grandes ríos e marismas, e na tundra ártica. Aparece en pequeno número nas zonas húmidas galegas como ave divagante nos invernos duros da Europa Central.

  3. cisne de pescozo negro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 100 cm de lonxitude, co corpo branco, agás o pescozo e a cabeza que son negros. O peteiro é agrisado, coa punta amarela, e na base ten unha protuberancia vermella. É propio das rexións meridionais de Sudamérica.

  4. cisne común [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 152 cm de lonxitude, co peteiro de cor laranxa e unha excrecencia negra na base. Distribuído polo paleártico de xeito irregular, en Europa aniña dende o centro do continente ata a península escandinava. En Galicia é unha especie invernante ocasional. Aparece como ave ornamental en moitos parques europeos.

  5. cisne negro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de plumaxe negra, co peteiro vermello, agás a punta que é branca. É unha especie orixinaria de Australia e Tasmania, presente en parques galegos como ave ornamental.

  6. cisne pequeno [ANIMAL/ORNIT]

    Ave duns 122 cm de lonxitude, co peteiro de cor negra, amarela na base. En Galicia constitúe unha ave ocasional que chega nalgúns invernos dende o norte de Rusia e o Ártico, onde cría.

  7. s m [HERÁLD]

    Ave que se representa flotante ou pasante nos escudos heráldicos.

Palabras veciñas

2 cismático -ca | cismeiro -ra | cismón -na | cisne | Cisne | Cisneiros | Cisneros