Cîteaux
Mosteiro borgoñón, onde naceu a orde do Císter, situado preto de Dijon, na diocese de Chalon-sur-Saône. Creouno Roberto, abade de Molesme, como reacción contra a riqueza, o luxo social e a complicación da vida e da liturxia de Cluny. Xuridicamente, fundouse o 21 de marzo de 1098; pero, despois de edificada a primeira igrexa en 1099, os monxes comezaron a colonizar os bosques e os ermos, que foran unha doazón de Rainald de Beaune. O mosteiro efectuou vinte e oito fundacións directas, tres delas na Península Ibérica. As catro primeiras ocuparon un lugar privilexiado: La Ferté (1113), Pontigny (1114), Clairvaux (1115) e Morimond (1115). Realizada a poxa da abadía en 1791 e morto o derradeiro abade, F. Trouvé (1797), restaurárona a finais do s XIX os cistercienses da estreita observancia ou trapenses.