clericalismo
(< clerical + -ismo)
Comportamento político mantido, dentro dun estado laico, polo clero e os fieis laicos dunha igrexa co fin de favorecer os seus intereses espirituais e materiais. Como obxectivos máis concretos, o clericalismo tenta acadar o dominio da educación, o mantemento das leis católicas do matrimonio e a unión da Igrexa e o Estado. O uso do termo presupón unha separación entre Igrexa e Estado, algo que, de feito, non se dá en Europa ata a Revolución Francesa. A vella escola liberal vía a orixe teórica do clericalismo no Syllabus (1864) de Pío IX, pero o certo é que na práctica acontece en Europa desde moito antes, como exemplifica o caso galego. O clericalismo en Galicia ten como características fundamentais o servizo á sociedade civil no terreo administrativo e económico e a tendencia maioritaria do clero a identificarse co poder político. Historicamente, os primeiros signos documéntanse na organización parroquial bracarense do s VI que se mantén practicamente igual. Na Idade Media a fundación de mosteiros deu orixe a unha minoría aristocrática clerical que, a partir do s VIII, reclamou unha participación no poder político fronte aos reis asturianos e leoneses. O fenómeno, no eido político, manifestouse a partir do s XIV na asunción dun corpo teórico que identificaba a realidade social e económica de Galicia coa Igrexa galega, ata chegar a apoiar a Revolta Irmandiña, e na colaboración do alto clero galego coa monarquía española na tarefa de castelanización de Galicia dende finais do s XV. Coa chegada do Estado liberal no s XIX, o clero mantivo o seu poder a través do control ideolóxico, feito que se acentuou no s XX durante a ditadura franquista.