clima

clima

(

  1. clima artificial

    Condicións de temperatura e humidade dun recinto obtidas polo emprego de aparellos de climatización ou de aire acondicionado.

  2. s m

    Conxunto de circunstancias que caracterizan unha situación ou unha persoa, en función das que se produce un feito. Ex: As conversas desenvolvéronse nun clima de amizade.

    Ex: As conversas desenvolvéronse nun clima de amizade.

    1. s m [CLIMAT]

      Modelo explicativo do conxunto de condicións atmosféricas e meteorolóxicas que se rexistran sobre un territorio nun período de tempo suficientemente longo como para poder considerar representativos os datos. O clima é unha das causas fundamentais que condicionan o variado e cambiante aspecto da superficie terrestre ao longo da súa historia xeolóxica, é dicir, é modelador da paisaxe que se constitúe, deste xeito, nun dos elementos máis expresivos do medio ambiente.


      Factores do clima


      Os factores que interveñen na caracterización do clima son de tres tipos: astronómicos, dinámicos e xeográficos. Entre os primeiros encóntrase a radiación solar e a nutación terrestre. A enerxía calorífica procedente do Sol non se distribúe de xeito homoxéneo no planeta a causa da nutación da Terra; cun movemento semellante ao dunha buxaina, consiste nun balanceo estacional que provoca que os raios solares incidan perpendicularmente sobre a rexión ecuatorial nos dous equinoccios e sobre o trópico de cada hemisferio en cada solsticio (no de Cáncer o 21 de xuño). Deste xeito, mentres que sobre o Ecuador se produce un dobre paso anual do Sol pola vertical, en cada trópico dáse unicamente un, sen que os raios solares sexan en ningún momento verticais nas latitudes medias e altas; canto máis preto dos polos, o ángulo de inclinación daqueles é cada vez menor e a enerxía calorífica máis escasa. Isto crearía un sistema desequilibrado, con rexións excedentarias e deficitarias de enerxía, pero o sistema natural terráqueo caracterízase polo equilibrio. Este equilibrio restablécese polo factor dinámico que supón o mecanismo da circulación xeral atmosférica, un conxunto de correntes aéreas orixinadas pola enerxía cinética interna dos gases que depende da presión e que, á súa vez, vén dirixida polo estado térmico do gas, no que intervén a radiación solar. Estas correntes inciden nun intercambio de calor entre latitudes, feito que supón un principio de ruptura co esquema zonal imposto polos factores cósmicos. Esa ruptura coa zonalidade complétana o terceiro tipo de factores, os xeográficos, como a repartición de continentes e mares, as correntes mariñas, os trazos do relevo, a vexetación ou as propias actividades humanas, ás que nos últimos anos se lles vén concedendo un papel moi importante e que inciden na aparición de variacións rexionais e locais.


      Elementos do clima



      Os elementos do clima son as súas variables sensibles: a temperatura do aire e o volume de precipitacións recollidas; pero, ademais, a humidade, a nubosidade, o vento, etc contribúen a matizalos máis polo miúdo. A amplitude térmica anual é a diferenza entre a temperatura media mensual ou diaria máis alta e a máis baixa, e depende do movemento aparente do Sol (alí onde os raios solares son sempre perpendiculares a variación é mínima) e da influencia de continentes e océanos (a maior continentalidade maior variación). O réxime térmico anual é o concepto que se refire a estas variacións. Dáse tamén unha variación diúrna. Da temperatura depende a evaporación, que é o paso dunha substancia líquida ao estado gasoso, proceso que se acelera a maior temperatura, e a humidade, que é a cantidade de vapor de auga existente nun volume de aire expresada en termos absolutos (g/m3) ou relativos (%): a maior temperatura do aire, maior capacidade para almacenar auga; cando unha masa de aire contén a máxima cantidade de auga admisible a determinada temperatura dise que está saturada, aínda que se poden dar niveis de sobresaturación. O punto de orballo é a temperatura de saturación do aire. A partir deste punto, para que se produza a precipitación é necesario un proceso de condensación -paso do vapor de auga ao estado líquido ou sólido baixo a forma de pequenas gotas de auga ou cristais de xeo que se forman a partir de núcleos de condensación ou sublimación (partículas do solo, pole, cinzas, etc)- e un proceso de crecemento das gotas que lles permita contrarrestar as correntes ascensionais do aire. Unha nube é un gran proceso de condensación no seo da atmosfera. Pódense distinguir nubes de desenvolvemento horizontal e vertical, con maior potencial de precipitación estas últimas. A diferenza de nubes e néboas, o orballo e a xeada son procesos de condensación por contacto. As precipitacións poden ser líquidas ou sólidas. A neve prodúcese cando o nivel de conxelación está tan próximo á superficie que os cristais de xeo non teñen tempo de fundirse antes de chegar á superficie. A sarabia fórmase por acumulacións concéntricas de xeo; o seu embrión é unha gota arrastrada por correntes ascensionais, feito que provoca a súa conxelación. Finalmente, o vento ten a súa orixe nas diferencias de presión provocadas pola distinta repartición da radiación solar, que se despraza, en principio, desde as altas ás baixas presións en liña recta, xa que se desvían pola forza de Coriolis e pola fricción coa superficie terrestre.


      Clasificacións climáticas



      Hai unha xerarquía básica aceptada e constituída, en primeiro lugar, polos climas zonais ou macroclimas, subdivisibles en climas rexionais; estes, á súa vez, subdivídense en locais, e estes en microclimas. Pegny matiza esta clasificación coa superposición de zonas e fusos meridianos. Os climas tamén se poden clasificar tendo en conta os seus caracteres (clasificacións fisionómicas, como as de Viers ou de De Martonne) ou segundo os procesos que os rexen (clasificacións xenéticas). Un dos sistemas máis empregados, o de Köppen, consiste na definición dos climas segundo valores de temperatura e precipitación, calculados en función de medias anuais ou mensuais, que se designan mediante o emprego de letras como grupos de climas principais, subgrupos e outras divisións menores. Outras clasificacións como as de Gaussen ou Mounier introducen a diferenciación de meses secos e húmidos, aínda que se critican ao non ter en conta variables como a evapotranspiración, na que incide Thornthwaite, que toma como base a temperatura. Troll, pola súa parte, utiliza réximes termométricos e pluviométricos. Entre as clasificacións xenéticas destacan a de Flöhn, que distingue a existencia de catro cintos (ecuatorial, subtropical, extratropical e polar) con cadanseu tipo de circulación.


      Climas do mundo



      Na rexión ecuatorial, a gran cantidade de enerxía recibida do sol provoca fenómenos convectivos que, xunto ao dobre paso anual da fronte de converxencia intertropical, inciden nun clima cunha temperatura case constante e unhas abondosas precipitacións ao longo do ano. Cara aos trópicos, a fronte de converxencia dos alisios é a responsable das precipitacións que se producen, non ao longo de todo o ano como no Ecuador, senón estacionalmente, que tende á existencia dunha única estación húmida e dunha soa estación seca canto máis preto dos trópicos se sitúe. O réxime térmico anual é algo máis contrastado ca no Ecuador. Sobre os trópicos, o carácter subsidente do aire provoca unha gran sequidade que orixina o cinto de grandes desertos subtropicais, como o do Sáhara. No ámbito subtropical cómpre salientar o proceso contrario que sofren as costas occidentais e orientais dos continentes; nas primeiras, os alisios achegan humidade procedente dos océanos, mentres que nas outras, as correntes mariñas frías provocan a aparición dos desertos costeiros, como o peruano. O último clima da zona intertropical é o fenómeno dos monzóns do S e do SL asiático, que se orixina polo contraste térmico estacional entre as masas de aire oceánico e continental. Cara ás latitudes medias, as altas presións subtropicais envían os ventos do O, masas cálidas que, ao entraren en contacto coas masas polares, dan lugar a unha discontinuidade frontal na que se orixinan as familias perturbadas que varren de O a L as latitudes medias. Na maior ou menor afección desta fronte ao longo do ano distínguense os climas oceánico e subtropical de tipo mediterráneo máis ao S o subtropical e máis ao N oceánico, cunha distribución máis abundante e uniforme das precipitacións ao longo do ano no primeiro; as temperaturas son máis contrastadas no clima subtropical, no marco xeral de maior contraste das mesmas nas latitudes medias respecto das baixas. Cara ao interior e ás costas orientais dos continentes, as precipitacións diminúen e as temperaturas fanse máis extremas; isto dá orixe aos climas continentais, mentres que os desertos das latitudes medias responden á degradación do clima mediterráneo cara ao interior. Nas latitudes altas, máis alá do paralelo 60°, o frío é continuo e o verán non se pode considerar como tal, ao contrario das latitudes baixas, nas que non se dá o inverno. Isto débese á grande inclinación dos raios solares que inciden, no mesmo polo, na existencia de seis meses de noite e seis meses de día, feito que se atenúa cara ás latitudes medias con períodos de noite e día máis curtos.


      O clima galego


      Galicia, situada entre os 41° e os 43° de latitude N (latitudes medias), entra no dominio dos climas temperados afectados polo mecanismo zonal dos ventos do O. Este fluxo, que resulta moito máis eficaz nas fachadas occidentais dos continentes por seren os primeiros obstáculos cos que se atopan, sofre unha variación estacional en función do movemento aparente do Sol, de xeito que durante o inverno se encontra máis ao S e no verán máis ao N, regando as terras que quedan no seu paso, principalmente naquela estación, aínda que non se exclúe na última. Canto máis ao S, o efecto das correntes perturbadas do O no verán é menor; deste xeito distínguense os climas temperados de costa occidental oceánico e subtropical de tipo mediterráneo, e establécese como límite convencional entre eles o paralelo 40°. Galicia constitúe, daquela, un lugar de transición entre os dous dominios; o seu clima pódese definir como oceánico de tendencia subtropical. O clima galego pódese describir grosso modo como temperado, de invernos e veráns termicamente pouco extremos e de precipitacións abundantes ao longo do ano. Pero, a diferenza do clima oceánico típico de latitudes máis altas, neste caso o máximo invernal e o mínimo estival de precipitacións están moi marcados: o verán galego é pouco chuvioso, feito que orixina problemas de aridez edáfica. Un trazo característico do clima galego é a escasa duración das estacións intermedias, fundamentalmente no aspecto pluviométrico. Así, coa chegada do equinoccio de primavera, as temperaturas suavízanse respecto do inverno, en clara transición cara ao verán, pero segue a ser unha estación chuviosa, como continuación do inverno (aínda que a precipitación é menor), que contrasta co verán, xeralmente seco. No equinoccio de outono, a transición cara ao inverno é rápida e o mes de novembro xa se pode considerar como invernal. Pero o clima presenta variedades bastante significativas no territorio galego en función dos factores xeográficos do país, entre os que hai que destacar o relevo. Efectivamente, a división en compartimentos da orografía galega repercute na distinta afección dunha mesma situación atmosférica sobre as distintas comarcas, feito que incide nunha diferenciación de tipos de tempo e, como consecuencia, nas variantes climáticas. A costa, coas súas distintas orientacións respecto dos fluxos perturbados, tamén repercute na existencia de variedades contrastadas na propia rexión litoral. O clima máis próximo ao puramente oceánico encóntrase nas costas setentrional e noroccidental, entre a ría de Ribadeo e Fisterra. Este subdominio é o que presenta unha distribución máis uniforme das precipitacións ao longo do ano e unha oscilación térmica anual menor. Así, na Coruña, o número de días de chuvia de xuño a setembro é de 47, mentres que na estación de Vigo-Peinador é de 33; no mesmo período, o número de días despexados é de 25 na Coruña, fronte aos 46 que se rexistran en Vigo-Peinador; e isto tendo en conta a maior altitude do aeroporto vigués, no que incide o feito da ascendencia orográfica das masas de aire, é dicir, que a diferencia entre as cidades herculina e olívica é aínda maior. A oscilación térmica anual na Coruña é de só 9°C (9,8°C de media en febreiro e 18,8°C en agosto) e a temperatura media anual é de 13,9°C; a precipitación anual, que é menor ca a media galega, en función da sombra pluviométrica que o Golfo Ártabro sofre respecto do SO, de onde proceden en maior medida as perturbacións invernais, é de 968 mm; é maior fóra deste abrigo, con 1.784 mm anuais en Corme, ou onde a exposición a outras compoñentes como as norteadas resulta plena, como en Viveiro, onde se rexistran 1.412 mm anuais. Cara ao interior deste subdominio, a ascendencia orográfica intensifica as precipitacións (2.358 mm anuais na Capela, a 370 m de altitude). Ao S de Fisterra, o volume total de precipitacións ao cabo do ano é normalmente superior (1.508 mm anuais en Pontevedra) pero a distribución anual é máis desigual ca no primeiro subdominio, cun verán con tendencia á aridez. Neste segundo subdominio as temperaturas son tamén superiores (14,9°C de media anual en Vigo, con 10,1°C en xaneiro e 19,9°C en agosto), un segundo factor que nos indica o maior carácter subtropical do clima. Como no subdominio anterior, os relevos litorais incrementan as precipitacións (2.643 mm no Barbanza, a 600 m de altitude). O sector prelitoral que segue cara ao interior ao segundo subdominio, ata a Dorsal Occidental, constitúe o terceiro subdominio. A maior altitude respecto da costa fai elevar as precipitacións, que teñen aquí unha distribución anual máis uniforme ca no litoral SO debido ao menor abrigo respecto das situacións norteadas. O nivel de precipitación non acada o dos relevos litorais (2.494 mm en Negreira ou 2.042 mm en Lavacolla), aínda que se estima que as serras meridionais da Dorsal Occidental (Suído ou Faro de Avión, que superan os 1.000 m de altitude) poden superar os 3.000 mm de precipitación anual. O carácter máis interior fai diminuír as temperaturas e aumentar a oscilación térmica anual: 11,9°C de media anual (6,4°C en xaneiro e 17,6°C en agosto) e unha oscilación anual de 11,2°C en Lavacolla. Pero o efecto de continentalidade maior dáse ao L da Dorsal Occidental, nas terras de altitude media, como A Terra Chá, Sarria ou A Limia. Neste cuarto subdominio, as precipitacións diminúen e as temperaturas baixan aínda máis, de xeito que aumenta a oscilación anual: 921 mm anuais, 10,5°C de temperatura media anual (4,5°C en xaneiro e 17,7°C en agosto) e 13,2°C de oscilación térmica anual en Xinzo de Limia. É a Galicia das friaxes invernais, cunha mínima extrema en Lugo no período 1961-1980 de -13°C. Entre o sector prelitoral e o interior continentalizado existen áreas de transición máis ou menos imprecisas con caracteres dispares polas modificacións impostas pola Dorsal Occidental; así, hai un certo abrigo pluviométrico no Deza por parte dos montes do Testeiro (1.092 mm en Lalín), pero, ao mesmo tempo, ten lugar unha ascendencia orográfica en Sobrado (1.428 mm anuais) ou no Carballiño (1.423 mm), a sotavento da Dorsal, aínda que co val do Miño como vía de canalización dos fluxos. No SL do país, a existencia de fondas depresións incide nun grande abrigo orográfico, feito que provoca que este sexa o subdominio máis seco do país (só 740 mm anuais en Monforte de Lemos) e que aumente a temperatura media anual (14,6°C en Monforte de Lemos) e a amplitude térmica anual (15,2°C en Ourense) en función, sobre todo, das altas temperaturas estivais. O fenómeno contrario ocorre nas serras orientais do país, que constitúen o último subdominio. Cunha altitude que chega ata os 2.112 m de Pena Trevinca, as temperaturas descenden de xeito destacable e aumenta a amplitude térmica anual, aínda que sen chegar aos niveis alcanzados nas depresións sudorientais; as precipitacións, pola ascendencia orográfica, aumentan respecto ás restantes áreas do interior, aínda que non alcanzan os rexistros vistos para algunhas estacións prelitorais e, sobre todo, dos relevos litorais: Pedrafita do Cebreiro rexistra 1.900 mm de precipitación anual, 8,3°C de temperatura media anual (2,2°C en xaneiro e 15,4°C en agosto) e unha oscilación térmica anual de 13,2°C.


      Os tipos de tempo en Galicia


      O tempo é a manifestación diaria do clima e depende do tipo de situación atmosférica. A súa distinta afección nas distintas comarcas do país, por mor da división en compartimentos da orografía, provoca distintos tipos de tempo, responsables dos contrastes climáticos internos de Galicia. Así, as situacións perturbadas do O, maioritarias no inverno e escasas no verán, descargan principalmente no litoral e no prelitoral. Dentro destas situacións, as do SO, as maioritarias no inverno, están ben expostas ao litoral occidental e ao prelitoral, mentres que se atopan en posición de abrigo a costa noroccidental e setentrional e, por suposto, o interior. Ás situacións do NO, as segundas en frecuencia no inverno, están moito mellor expostos os sectores costeiros setentrionais e noroccidentais; pero tamén a costa occidental. Velaí a razón do maior volume pluviométrico das Rías Baixas, malia a súa repartición ao longo do ano, pois no verán o predominante fluxo NL pode deixar precipitacións no N do país, e permanece o S e a costa occidental en posición de abrigo. Finalmente, as situacións de compoñente oriental achegan no inverno moita máis friaxe cara ao interior ca á costa, cunha media de 40 a 50 días anuais de xeada en Lugo.

    2. clima alpino

      Clima de montaña da zona temperada onde predomina o factor altitude que determina a existencia de invernos fríos, cunha forte presenza de neve, e estíos frescos e chuviosos.

    3. clima ártico

      Clima da zona polar do hemisferio norte.

    4. clima atlántico

      Clima oceánico do continente europeo.

    5. clima boreal

      Clima propio das altas latitudes do hemisferio norte. Caracterízase polos invernos prolongados e rigorosos (de 6 a 9 meses con menos de 6°C de media con nevadas importantes e veráns curtos e relativamente frescos. É típico de Escandinavia, Canadá e N de China.

    6. clima continental

      Clima dos sectores interiores das masas de terra, caracterizado polas oscilacións térmicas pronunciadas (diarias e anuais) e polo predominio das estacións equinocciais (primavera e outono). As precipitacións son escasas e teñen lugar, principalmente, no verán, en forma de treboadas. A miúdo fórmanse anticiclóns térmicos sobre o interior do continente que poden ter unha grande estabilidade e duración (por exemplo, o anticiclón que se forma no inverno sobre Siberia).

    7. clima extremo

      Clima que presenta unha grande amplitude térmica anual e uns contrastes estacionais moi acusados. É moi característico das chairas e dos altiplanos do interior dos países continentais, onde se manifesta máis intensamente o factor da continentalidade.

    8. clima local

      Clima que afecta a sectores moi reducidos da terra por mor da existencia dun factor xeográfico diferencial que ten unha influencia localizada como pode ser unha superficie líquida, unha masa forestal ou unha forte densidade de edificios.

    9. clima oceánico

      Clima de réxime marítimo das caras occidentais dos continentes na zona temperada. Caracterízase polos invernos suaves, os veráns frescos, unha oscilación térmica moi pequena e a existencia de estacións intermedias moi ben definidas. As chuvias son abondosas e moi repartidas ao longo do ano.