clonación

clonación

(

  1. s f [BIOL/XEN]

    Acción e efecto de clonar. Ex: A clonación humana non está permitida por cuestións éticas.

    Ex: A clonación humana non está permitida por cuestións éticas.

  2. s f [BIOL]

    Proceso de obtención de células ou organismos idénticos orixinados do mesmo e único proxenitor por división das células ou por reprodución asexual dos organismos. Desenvólvese espontaneamente en bacterias, protozoos, algas e fungos unicelulares, en vexetais e, por partenoxénese, en animais coloniais. Tamén ten lugar de forma natural na división das células somáticas dos organismos pluricelulares de reprodución sexual e nos procesos de reprodución partenoxenética dalgúns insectos e crustáceos. Experimentalmente, comezáronse a producir clonacións de anfibios e, máis recentemente, de mamíferos de laboratorio (ratos e ovellas) coa utilización de células embrionarias cultivadas no laboratorio antes de seren implantadas noutro animal. En 1997 naceu o primeiro mamífero resultado da clonación dunha célula dun animal adulto: unha ovella bautizada co nome de Dolly. Neste caso a técnica, desenvolvida polos investigadores do Instituto Roslin de Edimburgo, consiste na extracción do núcleo dunha célula mamaria dunha ovella adulta e a súa posterior implantación nun óvulo ao que, previamente, se lle eliminara o seu propio núcleo; o óvulo co novo núcleo implántase nunha nai adoptiva que levará a cabo a xestación. A aplicación desta nova técnica no campo da gandería ten a vantaxe de que permite escoller os adultos de maior produtividade e resistencia para desenvolver a clonación. En xeral, a clonación amplía as posibilidades da investigación científica sobre o cancro, a bioloxía do desenvolvemento e os mecanismos moleculares do avellentamento, pero abre o debate sobre cuestións éticas que derivan da súa aplicación. Existe unha lexislación establecida por 19 estados, entre os que se inclúe España, que prohibe a clonación de seres humanos.

  3. clonación de xenes/clonación molecular [XEN]

    Técnica que permite a obtención de gran número de copias idénticas dun ou varios xenes contidos nun fragmento de ADN. Consiste na unión do fragmento de ADN que interesa, obtido mediante endonucleases de restrición, a un vector de clonación (plásmido ou ADN viral) e a posterior transformación dunha célula eucariota ou procariota. A aplicación desta técnica realizouse primeiro en plantas, por mor da súa maior facilidade de manipulación, para mellorar as características de árbores froiteiras e plantas ornamentais ou para aumentarlles a resistencia fronte aos herbicidas de cultivos de cereais. Tamén se emprega para obter produtos terapéuticos (como a insulina, o interferón e a hormona do crecemento), mediante a clonación e a expresión de xenes en bacterias que crecen rapidamente e que o producen en gran cantidade.

Palabras veciñas

clofibrato | clomifeno | clon | clonación | clonar | clonazepam | clónico -ca