Clostridium
Xénero de bacterias Gram-positivas da familia das baciláceas, con forma de bacilos, móbiles (con flaxelos peritricos), capaces de formar endósporas e de realizar a redución disimilatoria do sulfato. Xeralmente, viven saprófitas no solo, onde fermentan diversos substratos. Algunhas son patóxenas para os animais cando entran no seu organismo a través dalgunha ferida, sexa pola produción de toxinas ou pola destrución activa dos tecidos mediante enzimas proteolíticos; o botulismo, causado por C. botulinum, e o tétano, causado por C. tetani, son exemplos do primeiro caso, mentres que a gangrena, causada por C. perfringens, é un exemplo do segundo. Outras, pola súa actividade fermentadora, aprovéitanse industrialmente para a obtención de diversos produtos químicos como o etanol. Distínguense das do xénero Bacillus, de características semellantes, porque son anaerobias estritas e dan negativo na proba da catalase.