COBRA
Grupo de pintores expresionistas xurdido en París en 1948. Tomou o seu nome das letras iniciais das cidades das que eran orixinarios os seus membros: Copenhaguen, Bruxelas e Amsterdam. Christian Drotemont redactou o manifesto A causa estaba clara, que asinaron os pintores Jorn, Corneille, Constant, Appel e Noiret. A súa pintura, expresionista e informal, de gran colorido e de factura relacionada coa arte xestual e co action painting estadounidense, manifestou unha nova concepción artística ante o dilema abstracción-figuración e defendeu a arte primitiva e infantil. As exposicións colectivas no Stedelijk Museum de Amsterdam (1949) e no Palais des Beaux-Arts de Liexa (1951) representaron un dos feitos máis renovadores da arte internacional de posguerra. Os seus membros realizaron obras en común como os debuxos-palabras e publicaron Cobra reveu internationale d’art expérimental. Disolveuse en 1951.