cóctel

cóctel

(< ingl cocktail)

  1. s m

    Bebida realizada mediante a combinación de varios ingredientes na propia copa, no vaso de mesturas ou na cocteleira. Considéranse ingredientes básicos en coctelería as bebidas alcohólicas que se utilizan habitualmente de base (xenebra, ron, whisky, vodka, brandy, etc) e ingredientes complementarios que definen e saborizan a mestura (en xeral vermús, zumes ou bitters). Pode incluír tamén ingredientes matizadores, que adoitan ser licores, xaropes e semellantes. Na maioría dos casos, deben acompañarse con cachos de xeo ou xeo picado na copa. O primeiro cóctel con esta denominación, segundo Fenimore Cooper, creouno Betsy Flanagan en Yorktown, Virginia (EE UU) cara ao 1879; realizou un combinado que chamou Bracer, aínda que a súa idea de presentalo co adorno de plumas de galo transformou o nome en cock tail ‘rabo de galo’. De todas formas, está constatado que en Norteamérica se facían combinados desde os inicios do s XIX. En Europa comezaron a popularizarse a principios do s XX; en París constituíuse como referente pola súa coctelería o bar Harry’s New York, creador de clásicos como o Sidecar e o Bloody Mary. En España popularizouse a partir de mediados de século gracias, sobre todo, a Perico Chicote e, en Galicia, a Pepe Carballeira, que servía nun local na santiaguesa rúa do Vilar os seus coñecidos Tirito, Gilda ou Felicidad, que gozaron dunha gran popularidade entre 1960 e 1970. Existen dous modelos básicos: os tragos curtos e os tragos longos (short drinks e long drinks). Entre os tipos de cóctel están os de aperitivo (vermús ou similares, como o Manhattan); os cobbler; os refrescantes cooler; algúns tipos definidos polo ingrediente principal, como os de ovo e leite (egg nog), os de xema de ovo (flip), os de xenebra (fizz e Collins) ou os de champaña; e moitos outros, coma os cup, os crusta (presentados co bordo da copa impregnado de azucre), os Julep, os Margarida ou Daisy, os Pousse Café, os Punch (de ron e froita), os sling, os sour e a popular sangría. Tamén existen combinados sen alcohol feitos con zumes, xaropes, refrescos e licores de froitas sen alcohol. A asociación IBA (International Bartenders Assotiation) recoñece oficialmente 50 cócteles mundiais. Algúns destes cócteles clásicos son o Acapulco (tequila, ron e piña), o Adonis (xerez seco, vermú doce e unha pinga de Angostura), o Alasca (xenebra e chartreuse verde), o Alexander (coñac, crema de cacao e nata líquida), o Almirante (bourbon, vermú seco e limón), o Americano (champaña e vermú), o Blue Racer (whisky quente, azúcar e noz moscada), o Buch (limón e bebida gaseada), o Buck (xenebra, limón e ginger ale), o Clover Club (xenebra, granadina, clara de ovo e lima), o Cherry Blossom (brandy de cereixa, coñac, limón e granadina), o Daiquirí, o Dry Martini, o Gimlet (xenebra e lima), o Mai-Tai (ron, curação, lima e azucre), o Merry Widow (brandy de cereixa e marrasquino), o Mojito, o Moscow Mule (vodka, ginger ale e lima), o Negroni, o Old fashioned (whisky de centeo, xarope, bitter, soda e rodela de laranxa), o Olimpia (ron, brandy de cereixa e lima), o Piña Colada (ron, zume de piña, crema de coco, anacos de piña e xeo), o Rickey (xenebra, sidra e soda), o Sangarée (ron ou cervexa, xeo picado, azucre e noz moscada), o Scaffa (de bebidas de distinta densidade, ao estilo do Pousse-Café) e o Zooms (destilado con mel e nata líquida). OBS: Calquera denominación de cóctel precedida pola palabra Empire alude a un dobre da mesma bebida.

  2. s m

    Mestura de cousas. Ex: Tiña no bolso un cóctel de cousas, desde un peite a unha goma de borrar.

    Ex: Tiña no bolso un cóctel de cousas, desde un peite a unha goma de borrar.

  3. s m

    Reunión social onde se bebe cóctel, que xeralmente ten lugar ao mediodía ou á tarde. Ex: Asistimos a un cóctel de presentación dun libro.

    Ex: Asistimos a un cóctel de presentación dun libro.

  4. s m
    1. Servicio que se oferta en hoteis ou a domicilio, composto de diversas bebidas e aperitivos, tanto fríos coma quentes, presentados de maneira que o comensal os consome de pé.

    2. Preparacións culinarias que se serven frías como refrixerio e que se poden tomar de pé antes das comidas ou nas sobremesas. Destacan o cóctel de gambas ou de mariscos (mestura de peixe e de marisco cocido e mesturado sobre unha capa de leituga relada miúda e aliñada con salsa rosa feita con maionesa e quetchup), o de aguacate (anacos de aguacate sobre leituga cubertos dunha salsa), o de melón de gambas (anacos de melón, gambas peladas e gallos de cítricos dentro de medio melón baleiro, acompañados cunha maionesa con nata líquida e zume de limón) ou o de froitas (especie de macedonia pouco azucrada e aromatizada con vermú, un licor ou un destilado).

  5. cóctel Molotov [BÉL]

    Artefacto incendiario para lanzar que consiste nunha botella de líquido inflamable (benzina e alcol) que ten trapos impregnados no mesmo combustible enrolados na boca que, unha vez acesos e logo de romperse o recipiente, prenden o resto.

Palabras veciñas

cocoso -sa | cocote | Cocteau, Jean | cóctel | cocteleira | coda | codal