coello -lla
(< lat cunicŭlu)
-
s
m
[ANIMAL]
Mamífero de ata 77 cm de lonxitude e 2 kg de peso, de ollos grandes, redondos e negros, orellas longas de coloración uniforme, cola curta e patas traseiras máis grandes, adecuadas para desprazarse con saltos. A pelaxe é curta e de cor gris acastañada, agás o ventre que é branco. O extremo das patas presenta uns pelos longos que axudan a obter unha marcha silandeira. Son animais gregarios e sedentarios que comparten os tobos; preto deles están as latrinas, dispostas en sitios conspicuos nos que os excrementos sinalan os territorios familiares. Aliméntanse, principalmente, de plantas herbáceas, as máis das veces das familias das poáceas e das asteráceas, aínda que tamén se poden alimentar de poliñas, gromos, sementes e froitos. Durante a dixestión dos alimentos ten lugar a cecotrofia. Cada animal consome diariamente ata 500 g de plantas. Teñen ciclos de actividade curtos ao longo de todo o día, pero os desprazamentos máis longos teñen lugar durante o solpor, e non lles gusta o vento nin a calor excesiva. Durante o día aliméntanse entre matogueiras densas para evitar as aguias e de noite en espacios abertos para detectar os linces e os raposos. En cada grupo existe un macho dominante que cobre a todas as femias; entre elas tamén existe unha xerarquía que se manifesta na posibilidade de empregar os mellores sitios no tobo. Todos os animais marcan os límites do territorio mediante os excrementos, os ouriños, escarvamentos e con substancias que producen unhas glándulas bucais. Este territorio común deféndeo o macho dominante doutros machos itinerantes. Sexualmente, maduran aos tres meses e son activos todo o ano, aínda que nos meses de verán sofren unha certa ralentización. As coellas, que paren ata cinco veces ao ano, teñen en cada parto tres ou catro cazapos cegos e sen pelo. As cámaras de cría están recubertas de herba e pelo que a mesma nai arrinca do seu corpo, e poden estar no interior do tobo do grupo ou independentes. A maior parte dos animais novos marchan por impulso propio, sen que existan condutas agresivas por parte dos adultos, ata atoparen outros animais non emparentados, feito que diminúe o risco de consanguinidade da poboación. O seu hábitat ideal constitúeno terreos sometidos a un clima mediterráneo, de substrato brando e ondulado, cunha cuberta vexetal na que predominan a partes iguais as matogueiras e os prados sobre as árbores. A especie é orixinaria da Península Ibérica, dende onde colonizou outras zonas de xeito natural ou favorecida polo home ata distribuírse por Europa occidental, aínda que falta da Península Balcánica e da maior parte de Italia, e foi introducido en Australia, Nova Zelanda e Chile. Non é típico da rexión eurosiberiana da Península Ibérica que comprende as montañas; en Galicia, na cornixa cantábrica e nos Pireneos, a súa presenza é escasa. Na Península Ibérica existen as subespecies O. cuniculus algirus, propia do cuadrante sudoccidental e que resulta máis pequena ca o O. cuniculus cuniculus, que é o coello propio do resto da Península. As poboacións peninsulares sufriron un grave descenso na segunda metade do s XX. Isto debeuse nun principio á mixomatose (que afecta principalmente no verán, xa que a transmiten as pulgas, os carrachos e os mosquitos, e que puido matar ata a metade da poboación) e, a partir de 1989, a unha enfermidade hemorráxica vírica. Deste xeito, a poboación de coellos da Península Ibérica quedou reducida ao 10% da orixinaria. Sobre esta poboación mantense unha actividade cinexética que supón a redución á metade no final da tempada. O coello constitúe un elemento fundamental na conservación de máis de 20 especies de depredadores, algúns deles endémicos da Península Ibérica, como o lince e a aguia imperial, polo que é clave no futuro para o funcionamento do bosque mediterráneo. A carne do coello silvestre é máis vermella, dura e perfumada cá do doméstico. Entre as preparacións culinarias máis características para esta carne, destaca o escabechado, diversos guisos ou forneados (acompañado de salsa alioli, arroz, caracois ou outras gornicións), as frituras e semellantes (ó allo, por exemplo) e o seu asado na grella. En España, a tradición do seu consumo é especialmente importante en Levante e Catalunya. Na tradición oral recóllense ditos como: “Labrador cazador, coellos na despensa e fame no comedor. Cada coello no seu tobo arránxase de calquera modo. No tempo dos coellos, non hai consellos. Ao coello e ao vilán, mételle man. O coello por san Xoán; e a perdiz por Nadal.”
Sinónimos: coenllo. -
coello africano
[ANIMAL]
Lagomorfo de pelame amarelo cinsento, cunha mancha rubia na parte superior do pescozo. Vive en bosques e claros da selva sudafricana e da rexión dos Grandes Lagos.
-
coello de Indias
[ANIMAL]
cobaia.