Coirós
Concello da comarca de Betanzos, situado na provincia da Coruña no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Paderne e Irixoa, aoS cos de Oza dos Ríos e Aranga, ao L cos de Irixoa e Aranga, e ao O cos concellos de Betanzos e Oza dos Ríos (todos eles da comarca de Betanzos). Abrangue unha superficie de 33,9 km 2 cunha poboación de 1.660 h (2007), distribuídos nas parroquias de Armea, Coirós, Colantres, Santa María de Ois, Santa Mariña de Lesa e Santiago de Ois. A capital municipal, Coirós de Arriba, na parroquia de Coirós, está situada a 43° 15’ de latitude N e 8° 9’ 45’’ de lonxitude O, 27 km ao SL da Coruña e 63 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Betanzos e arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Coirós está baixo o dominio climático oceánico húmido, se ben as diferencias topográficas intramunicipais fan que pertenza dentro das variedades galegas a dous subtipos diferentes: a área occidental, a de menor altitude, presenta uns caracteres similares aos do litoral atlántico do NO (suavidade térmica, oscilación baixa e precipitacións moderadas), e o sector oriental, máis elevado, inscríbese no subtipo das plataformas occidentais (precipitacións abundantes e maior rigor térmico). Así, nas áreas máis baixas, a temperatura media anual sitúase nos 12,3°C, cunha oscilación de 10°C (a mínima mensual rexístrase en xaneiro con 8,5°C mentres que a máxima lle corresponde ao mes de agosto, con 18°C). En cambio, o sector oriental ten unha maior temperatura media, 13,5°C, cunha oscilación máis acusada, 11,5°C (a mínima do mes máis frío, xaneiro, é de 7°C mentres que a máxima é a de xullo, 18,5°C) e coñece a presenza de xeadas invernais que non aparecen no O. As precipitacións medias anuais oscilan entre os 1.300 mm recollidos na área occidental e os 1.700 mm no L, que pola súa topografía máis elevada ten unha exposición máis favorable aos ventos procedentes do Atlántico. O réxime pluviométrico é similar en ambos os dous sectores, cun acusado máximo invernal, (34% da precipitación total anual). Tamén é acusada a seca estival (11% das chuvias) con aridez en agosto. As estacións intermedias adoptan un comportamento de estacións de transición e o resto das precipitacións repártense de xeito equitativo (primavera 27% e outono 28%). As xornadas anuais de precipitación sitúanse entre 150 e 160. Xeomorfoloxicamente inscríbese dentro da unidade Betanzos-Arzúa, pertencente ao Complexo de Ordes, cunha litoloxía composta fudamentalmente por xistos cun baixo grao de metamorfismo. Trátase de dobramentos deitados cara ao L. O terreo presenta uns acusados desniveis, pois aparece aquí o chanzo de separación entre a superficie fundamental galega (arrasada durante o terciario), situada no L, e as Mariñas, no sector occidental. As maiores altitudes están na área oriental (Pico da Felga, 507 m, e Pena do Sal, 536 m) dende onde a topografía vai descendendo cara ao O, mentres se erguen no centro do municipio relevos residuais (A Espenuca, 291 m, O Penedo, 275 m, e Figueiras, 295 m), que serven de divisoria de augas das concas do Mendo, que discorre polo extremo O do concello, e do Mandeo, que o limita polo N. Polo seu valor paisaxístico son áreas de especial interese natural os lugares de Chelo (na ribeira do río Mandeo) e A Espenuca (Coirós).
Xeografía humana
Os asentamentos humanos seguen unha pauta de nucleación dispersa, sen ningún centro urbano que consiga agrupar no seu contorno as novas construcións. A evolución demográfica experimentada polo concello de Coirós dende o primeiro censo de 1887 (data na que se computaba un total de 2.681 h) tivo unha clara tendencia regresiva, con escasos momentos de crecemento. Ata 1940 o descenso foi leve, a unha taxa media do -0,14% anual, pois aínda que as saídas emigratorias cara a América (fundamentalmente Arxentina) foron numerosas, o elevado saldo vexetativo positivo impediu unha maior perda de habitantes e mesmo nos períodos intercensais 1900-1910 e 1930-1940 medrou o continxente demográfico (0,1% e 0,8% anual, respectivamente). Dende os anos corenta continuou a un maior ritmo o declive demográfico motivado pola emigración (-0,66% de media anual para o período 1940-1996) pero dende 1981 apréciase un estancamento da poboación, cunha levísima tendencia ao retroceso (-0,09% anual), propiciada polo retorno de emigrantes que non logran contrarrestar o saldo natural negativo. O comezo do s XXI sinala un lixeiro incremento de habitantes, cifrado no 6,07% entre 2001 e 2007. O resultado desta evolución é unha estrutura demográfica avellentada, na que os menores de 20 anos son só o 10,8% da poboación e os maiores de 65 anos o 29,3%; o grupo intermedio representa o 59,8%. O elevado grao de senectude favorece unha mortalidade elevada, 16,9‰ en 2006, e unha natalidade moi baixa, 6‰, que se traducen nun saldo vexetativo negativo, -10,9‰. A distribución da poboación por sexos amosa un leve predominio das mulleres, que constitúen o 50,90% fronte ao 49,09% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Coirós do 47,6% (56,2% a masculina e 39,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,7% (51,7% a masculina e 32,1% a feminina) e a taxa de paro é do 12,5% (7,9% a masculina e 18,6% a feminina). A economía presenta unha clara dependencia exterior, xa que a boa accesibilidade do concello aos núcleos urbanos próximos favorece que unha gran parte da súa poboación activa se desprace diariamente para desenvolver a súa actividade laboral en postos de traballo situados en Betanzos ou noutros municipios da área metropolitana da Coruña (especialmente nos sectores secundario e terciario). A agricultura ten unha significativa importancia e dá emprego ao 15,7% dos traballadores. Nos últimos tempos implementáronse unha serie de reformas técnicas que contribuíron a modernizar a actividade agraria no concello, como a concentración parcelaria, a mecanización, a explotación avícola intensiva e a orientación ao mercado das explotacións. Os cultivos, basicamente hortícolas, en ocasións en invernadoiro, oriéntanse cada vez máis cara aos mercados urbanos próximos, aínda que os destinados ao autoconsumo e á agricultura a tempo parcial están moi estendidos. A avicultura intensiva en granxas é moi importante. O sector forestal tamén resulta significativo e non deixa de medrar a superficie arborada, fundamentalmente por mor da plantación de especies de crecemento rápido, entre as que destaca o eucalipto. Ás actividades pesqueiras só se dedica o 0,5% dos traballadores. A industria local redúcese ao aproveitamento da madeira (serradoiros), ademais dunha empresa que fabrica cabinas de pintado de vehículos. A maior parte dos empregados neste sector (o 18,4% dos ocupados) desprázanse a traballar fóra do concello, ao igual que os da construción (o 13,7% do total), que tamén cobren a demanda edificativa local, fornecida polo incremento do número de segundas residencias, debido aos atractivos naturais-paisaxísticos e á boa accesibilidade do municipio con respecto á área urbana da Coruña. Os servizos son a maior fonte de emprego, pois acollen ao 51,6% dos traballadores, que na maioría dos casos tamén desempeñan a súa actividade laboral no exterior do concello. As principais vías de comunicación son a estrada nacional N-VI e a Autovía A-6. Ambas as dúas cruzan o municipio lonxitudinalmente de L a O e confírenlle unha grande accesibilidade tanto cara a Betanzos, á Coruña ou mesmo cara á Terra Chá.
Historia
As primeiras etapas de poboamento coñecidas remóntanse ao período castrexo. Na Espenuca existiu un castro con sinais de romanización, como as tégulas e unha lápida funeraria con inscricións xeométricas que apareceron no lugar. Posteriormente ocupou este espazo un cenobio paleocristián ata o s V. No monte Felga, segundo algunha documentación, estivo o Castrum Leaccium, do que non se conserva ningún resto. No códice Salmanticiense relátase que no ano 844 os condes de Galicia derrotaron en Coirós aos normandos, que logo de tomar A Coruña arrasaron a comarca. Durante a Idade Media, no lugar da Espenuca levantouse o castelo de Spelucam, doado polo conde Don Rodrigo á mitra compostelá no ano 1130. Existía tamén o castelo da Mota, do s XV, pertencente aos Andrade, do que non queda nada. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Coirós pertencían ás xurisdicións de Betanzos (parroquias de Armea, Coirós, Colantres, Santa María de Ois e Santiago de Ois, ademais da desaparecida parroquia da Espenuca) e Oza (parroquia de Santa Mariña de Lesa), representadas pola provincia de Betanzos. O señorío da parroquia de Santa Mariña de Lesa correspondíalles aos monxes bieitos do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, mentres que a xuridicción de Betanzos era de reguengo. Coa aplicación da Constitución de 1812 suprimiuse a administración xurisdiccional e substituíuse por unha administración municipal, feito que supuxo a creación do concello de Lesa, integrado no partido de Betanzos e na provincia de Galicia. Non obstante , en 1814, o Rei Fernando VII asinou un decreto derrogatorio da Contitución que significou a restauración do Antigo Réxime coa súa ordenación territorial. No segundo período constitucional, entre 1820 e 1823, rehabilitouse o concello de Lesa, que foi integrado na provincia da Coruña en 1822. Un novo decreto do Rei Fernando VII derrogou a Constitución en 1823 e suprimiu o municipalismo. A definitiva implantación do concello remóntase a 1835. Creouse entón o concello de Muniferral, que en xuño de 1836 se dividiu entre os concellos de Aranga e Coirós. Dende entón, a única modificación experimentada no seu territorio foi a desaparición da parroquia da Espenuca, anexionada pola de Coirós en 1867.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos atopados na Espenuca, cómpre destacar que no lugar de Flores, no límite con Aranga, atopouse un torque de ouro. No eido da arquitectura relixiosa sobresaen as igrexas románicas de San Xulián de Coirós, Santa María de Ois, Santiago de Ois e San Salvador de Colantres, datadas no s XII. No cumio do monte da Espenuca consérvase o templo románico dun antigo cenobio. As igrexas de Santa María de Lesa, construída entre finais do s XIII e comezos do s XIV, e San Vicente de Armeá, amosan trazas góticas. Das construcións de carácter popular destacan o cruceiro de Ois e o hórreo da Casa Corral en Coirós. O lugar do Chelo, situado entre os concellos de Coirós e Paderne, na ribeira do río Mandeo, foi declarado BICl en 1972. Do seu patrimonio natural destaca o espazo Betanzos-Mondeo, declarado Lugar de Interese Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as festas patronais do Santísimo Sacramento, San Xián e San Roque, a romaría en honor de frei Pedro Manzanas en Santa María de Ois e a romaría da Espenuca.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 33 Km2 |
| Poboación Total | 1660 h |
| Poboación Homes | 815 h |
| Poboación Mulleres | 845 h |
| Densidade de poboación | 50.3 h/Km2 |