coleccionismo
(< colección)
-
s
m
Feito de coleccionar sistematicamente obxectos dun interese histórico ou artístico especial, ou simplemente raros. A orixe das coleccións de arte provén da sociedade romana, xa que en Grecia as obras de arte pertencían á sociedade e se amosaban nas prazas e nos distintos edificios públicos; tamén se podería considerar coleccionismo o conxunto de ofrendas que se entregaban nos templos e santuarios. Os patricios romanos foron os primeiros en coleccionar obxectos artísticos de xeito privado. Trala conquista de Grecia, os romanos adquiriron obras de arte ao tempo que trasladaron a Roma artistas gregos. Non obstante , moitas destas coleccións desapareceron despois das invasións bárbaras. Durante a Idade Media, as igrexas e catedrais conservaron obxectos e obras de gran valor. Houbo que esperar ata o Renacemento para atopar novamente coleccións privadas, da man dos grandes mecenas; así formáronse as coleccións dos Medici, Chigi e Pitti, entre outros. En España os monarcas convertéronse en grandes coleccionistas, como Filipe II ou Filipe IV, e tamén houbo coleccionistas privados como Diego Hurtado de Mendoza, o cardeal Granvela, o conde-duque de Olivares ou o duque de Alba. Estas coleccións rexias e aristocráticas deron lugar aos grandes museos actuais, como a Galleria Pitti de Florencia ou o Museo del Prado de Madrid, destinado desde 1818 a acoller as coleccións reais de pintura. Durante o s XVIII o coleccionista especializouse e apareceu a figura do viaxeiro e crítico de arte que, en ocasións, asesoraba os monarcas e aristócratas. O coleccionismo non se consolidou ata o s XIX, época na que a burguesía comezou a imitar os gustos da aristocracia e a entender o coleccionismo como un novo xeito de especulación. Desta época destacan as coleccións de Richard Wallace en Londres e dos duques de Alba en Madrid, ambas as dúas de orixe aristocrático, a Lehman Collection de Nova York, a de José Lázaro Galdiano, convertida en museo, en Madrid, ou a de Calouste Gulbenkian, todas elas adquiridas pola gran dispoñibilidade económica dos seus propietarios. A partir da acentuación da diverxencia entre a arte oficial e a renovadora, nese momento menosprezada, durante o s XIX formáronse con certa facilidade coleccións de arte contemporánea que co paso do tempo adquiriron certa importancia, como a dos pintores posrománticos e realistas de Alfred Buyas, dos impresionistas e postimpresionistas de Gustave Caillebotte, da familia Moreau-Nelaton ou do conde Isaac de Camondo, incorporadas ao Musée du Louvre; a de Samuel Courtauld, núcleo do Courtauld Institute Gallery de Londres; e a de Albert C. Barnes, continuador de Leo Stein, núcleo da Barnes Foundation de Merion, en Pennsylvania. Entre as grandes coleccións de fauves e das primeiras vangardas destacan a de Marcel Sembat que, rexeitada polo Estado francés, se encontra no museo de Grenoble; as de Ščukin e Morozov están nalgúns museos rusos; a de Oscar Ghez, convertida nun museo en Xenebra, revalorizou nomes esquecidos; ou a Mattioli de Milán, dedicada aos vangardistas italianos. Son tamén importantes as coleccións de marchantes, como a de Paul Guillaume, doada ao Estado francés en 1965. En España destacan, ademais, as coleccións de Francesc Cambó, doada ao Museo del Prado e ao Museu Nacional d’Art de Catalunya; a do marqués de Cerralbo, convertida en Museo Cerralbo; a de González Martí, núcleo do Museo de Cerámica de València; e a do barón Thyssen, que deu lugar á creación do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid. En Galicia os museos dotáronse, ás veces, de coleccións particulares, como o legado de Policarpo Sanz ao Museo Municipal Quiñones de León de Vigo ou as doazóns particulares que ampliaron os fondos do Museo Militar da Maestranza da Coruña. Noutras ocasións, unha colección orixinou un museo novo, como sucedeu coa colección de reloxos de Antonio Ríos Mosquera, legada á cidade da Coruña e que se converteu no Museo de Reloxos do concello da Coruña. No campo da arte contemporánea, cómpre salientar entre as institucións públicas, a Colección de Arte Galega da Xunta de Galicia, a colección do Centro Galego de Arte Contemporánea e a do Museo Municipal Quiñones de León. Dentro do coleccionismo privado destacan as coleccións da Fundación Caixa Galicia, de Unión Fenosa e de Caixanova.
-
s
m
[PSIC]
Busca e conservación de obxectos por unha necesidade pouco ou moi electiva pero patolóxica. No megalómano e maniático esta tendencia responde a unha intención de apropiación, unida ao instinto de conservación; no cleptómano a busca de obxectos nace da necesidade obsesiva de posuír. Clinicamente, dáse en obsesos, dementes senís e insuficientes mentais primitivos.