colectivización
(
Proceso polo que a propiedade dos medios de produción (terras, industrias, minas, etc) se lle transfire á colectividade. O socialismo defendeu este método para eliminar as diferencias entre as clases sociais, suprimindo a competencia e permitindo orientar a produción ás necesidades colectivas. A primeira colectivización a grande escala foi a practicada pola revolución bolxevique (1917) de Rusia, que nacionalizou as terras e industrias, e integrou a poboación agrícola en granxas colectivas (kolkhoz). En España, o triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 inaugurou un proceso de colectivización que continuou durante a Guerra Civil (1936-1939) na zona republicana, sobre todo en Catalunya e Aragón. Así mesmo, os estados europeos sometidos á influencia da Unión Soviética, como Romanía, Bulgaria, Polonia, Checoslovaquia ou República Democrática de Alemaña, efectuaron colectivizacións de alcance variable, do mesmo xeito que China (1949) e Cuba (1959). Non obstante , debido a que neses países o Estado interveu como organismo planificador da produción -polo que o emprego do termo colectivización é incorrecto-, foron poucos os países que instauraron un sistema colectivizador integral: Iugoslavia (1951-1974), Polonia (1956-1958 e 1981), empresas agrícolas de Alxeria (1963) e Checoslovaquia (1968), dos que o exemplo paradigmático pola súa duración e cumprimento de obxectivos foi o iugoslavo.