colémbolo -la

colémbolo -la

(< grκόλλα ‘cola de pegar’ + gr ἐμβάλλω ‘botar’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos colémbolos.

  2. s m [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da orde dos colémbolos.

  3. s m pl [ANIMAL/ENTOM]

    Orde de insectos de pequeno tamaño; as especies de maior tamaño acadan os 5 mm de lonxitude. A coloración das distintas especies é moi variable e presentan seis patas coas tibias e os tarsos soldados e, as máis das veces, rematadas nunha uña. O abdome aparece dividido en 6 segmentos. O primeiro segmento presenta un tubo ventral denominado colóforo, con dúas vesículas no extremo que producen unha secrección pegañenta, empregada para adherirse ao substrato. Esta estrutura ten a súa orixe nos vestixios dun par de patas abdominais, que utilizan tamén para a absorción da auga e para controlar os procesos de ósmose. No terceiro segmento abdominal teñen unha estrutura, denominada retináculo ou hámula, onde se prende a furca, presente no cuarto segmento, que permanece pregada e que, ao soltarse e golpear o substrato, lle permite realizar un gran salto, aínda que sen unha orientación definida; ademais, pódelle servir para evitar a depredación de pseudoescorpións, ácaros e formigas. No quinto segmento abdominal ábrese o orificio xenital ou gonoporo e, no sexto segmento, o ano. A respiración é cutánea, aínda que algunhas especies presentan traqueas. A cabeza ten pezas bucais mastigadoras, protexidas por unha expansión da cápsula cefálica, alongadas e cos extremos dentados. Posúen antenas curtas de 4 ou 6 segmentos e, detrás delas, unha pequena estrutura quimiorreptora denominada órgano postantenal. No caso de presentaren ollos compostos (normalmente carecen deles), estes sitúanse en posición atrasada respecto ás antenas e presentan como máximo 8 omatidios. As antenas dos machos adultos dalgunhas especies presentan unha modificación entre o segundo e o terceiro segmento, a xeito de pinza, que serve para prender as femias no momento da reprodución. Ao carecer de órganos copuladores, o macho deposita no substrato espermatóforos que recolle a femia; máis tarde, produce ovos lisos e esféricos totalmente segmentados. Nos primeiros estadios do desenvolvemento os colémbolos só se diferencian da fase adulta, á que acceden tras 6 ou 7 mudas e sen realizaren metamorfoses, na capacidade de reprodución e no tamaño. Os adultos poden mudar ata 50 veces, aínda que isto non implique un aumento de talle. Ademais, poden deter o desenvolvemento ou cambiar a morfoloxía, como a aparición de pezas bucais menores, en función das condicións ambientais. Habitan nunha ampla diversidade de medios: na superficie da auga, tanto doce como salgada, e nos solos entre o humus, onde constitúen un elemento importante da fauna edáfica e desempeñan un papel primordial como descompoñedores; mesmo algunhas especies viven en niños de formigas e térmites. As máis das veces son detritívoros ou fitófagos, aínda que existen especies depredadoras ou caníbales. A súa distribución é bastante extensa, aparecen dende o Ecuador aos polos, e dende o nivel do mar ás montañas. Están considerados os insectos máis antigos (coñécense fósiles do Devónico inferior de máis de 300 millóns de anos). Baseándose nas múltiples diferencias que presentan respecto ao resto dos insectos, algúns investigadores considéranos outra clase distinta dentro dos artrópodos. Entre as máis de 2.000 especies de colémbolos, as máis amplamente distribuídas son: Podura acuatica, que vive na superficie da auga ou nos seus arredores, e Huposgastrura viatica, que habita no litoral, presentan o corpo alongado cunha cutícula granular e oito ocelos; Anurida maritima, propia das zonas costeiras, e Brachystomella parvula, propia dos cultivos, presentan pezas bucais adaptadas para picar e zugar; Onychiurus armatus, con pseudocelos no tórax e no abdome, que vive nas raíces dalgunhas plantas; as do xénero Folsomia, co corpo recuberto de sedas, son comúns nas madeiras e mofos, así como nos xardíns e nos testos das plantas; Isotoma saltans, que vive na neve, aliméntase de pole e de pequenas partículas de materia orgánica; e Sminthurides aquaticus, de corpo globoso, antenas moi longas e ollos grandes, habita na superficie da auga encorada.

Palabras veciñas

Coleman, Bill | Coleman, Ornette | colemanita | colémbolo -la | colemia | colendo -da | colénquima